Protocolo de avaliación elaborado pola comisión galega de informes, avaliación e acreditación (CGIACA)

Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola comisión galega de informes, avaliación e acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecementos ao labor docente e ao labor investigador (DOG do 28 de abril de 2004)

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece nos seus artigos 55 e 69 que as comunidades autónomas poderán establecer retribucións adicionais vencelladas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión.

En desenvolvemento do anterior publicouse a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos Consellos Sociais do Sistema Universitario de Galicia, que establece a capacidade do Consello Social para acordar, dentro dos límites fixados pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individualizada de retribucións adicionais ligadas a méritos docentes, investigadores e de xestión, e o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, que establece estas retribucións adicionais para o profesorado contratado das universidades.

Posteriormente publicouse o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, remitindo nos seus artigos 4 e 8 e na súa disposición transitoria a un protocolo de avaliación.

Este protocolo de avaliación que se publica a través desta orde afecta a dous complementos; o complemento de recoñecemento ao labor docente e complemento de recoñecemento ao labor investigador, deixando para outro protocolo posterior, que elabore a Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación, o desenvolvemento relativo aos criterios e méritos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora e ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e visto o protocolo elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación, procédese a publicar este.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

Disposicións xerais e méritos específicos dos complementos

Artigo 1º.- Obxecto.

O obxecto desta orde é publicar o protocolo de avaliación a que se refire o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, para o efecto de que os profesores coñezan os criterios e méritos de valoración, e o procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador.

Artigo 2º.- Complemento de recoñecemento ao labor docente.

Para o recoñecemento do dito complemento será necesario cumprir os requisitos sinalados no artigo 6, parágrafo 1º, do Decreto 55/2004.

Valorarase a formación académica, a experiencia e a mobilidade.

Formación académica e complementaria. É aquela que proporciona a titulación ou titulacións universitarias dos que sexa posuídor o profesor universitario. Valorarase, se é o caso, a obtención de máis dunha titulación universitaria.

Experiencia docente. Considérase o conxunto de actividades desenvolvidas polo solicitante durante a súa carreira profesional no campo da docencia.

Mobilidade. Se é o caso, desenvolvemento de actividades de ámbito universitario realizadas fóra do centro de traballo no campo da docencia.

Artigo 3º.- Complemento de recoñecemento ao labor investigador.

Para o recoñecemento do dito complemento será necesario cumprir o requisito sinalado no artigo 6, parágrafo 2º, do Decreto 55/2004.

Valorarase a experiencia investigadora e a mobilidade.

Experiencia investigadora. Considérase o conxunto de actividades desenvolvidas polo solicitante durante a súa carreira profesional no campo da investigación.

Mobilidade. Se é o caso, desenvolvemento ou participación en investigacións realizadas fóra do centro de traballo.

TÍTULO I

Procedemento

Artigo 4º.- Procedemento de solicitude.

  1. O interesado presentará en modelo normalizado segundo os anexos I e II a súa solicitude dirixido ao presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e irá acompañada da documentación xustificativa dos méritos alegados de conformidade co disposto no protocolo de avaliación establecido.
  2. Unha vez estea a documentación en posesión da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, seralle remitida á Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación que, logo de estudo, análise, verificación e certificación dos méritos nos que se sustenta a solicitude, emitirá a correspondente proposta de valoración. A proposta da Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación deberá estar motivada e será vinculante para o Consello de Dirección da Axencia.
  3. O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá os respectivos acordos nos que se conteñan as valoracións positivas ou negativas dos méritos nos que se sustentan as solicitudes, para o que fará súas as propostas motivadas e vinculantes elaboradas pola Comisión Galega de Informes, Avaliación e Acreditación.
  4. Estes acordos remitiranse aos respectivos Consellos de Goberno das universidades de Galicia onde presten os seus servizos os profesores solicitantes, que os elevarán aos seus respectivos consellos sociais, órgano este que decidirá, de acordo con estas propostas, a asignación singular e individual dos referidos complementos retributivos.

Artigo 5º.- Período de solicitude.

  1. A través do Consello de Dirección e no seu nome o presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, faranse dúas convocatorias anuais ordinarias para a presentación das solicitudes para a asignación dos complementos retributivos, sen prexuízo de que poidan facerse as convocatorias extraordinarias por causas excepcionais e debidamente motivadas, repectándose os requisitos formais e de tramitación previstos para as convocatorias ordinarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Autorízase o director xeral de Universidades para dictar as disposicións necesarias de desenvolvemento ou aplicación desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria