Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario

(DOG do 22 de marzo de 2004)

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 55, número 2: «as comunidades autónomas poderán, así mesmo, establecer retribucións adicionais vencelladas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión. Dentro dos límites que para esta fin fixen as comunidades autónomas, o Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, poderá acorda-la asignación singular e individual destes complementos retributivos» e, no seu número 4, continúa dicindo: «os complementos retributivos derivados do desenvolvemento dos puntos anteriores asignaranse logo de valoración dos méritos pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade y Acreditación ou polo órgano de avaliación externa que a lei da comunidade autónoma determine».

Posteriormente no artigo 69, parágrafo 3, do citado corpo legal establece que «as comunidades autónomas poderán, así mesmo, establecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión. Dentro dos límites que para esta fin fixen as comunidades autónomas, o Consello Social, por proposta do Consello de Goberno, poderá acorda-la asignación singular e individual destes complementos retributivos».

Continúa o precepto establecendo un dos requisitos necesarios e imprescindibles para poder facer efectiva esta retribución, e así di no seu parágrafo 4 «os complementos retributivos derivados do desenvolvemento dos puntos anteriores asignaranse logo de valoración dos méritos pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación ou polo órgano de avaliación externa que a lei da Comunidade Autónoma determine».

En desenvolvemento do anterior a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia, establece no seu capítulo I, artigo 4 «competencias de carácter económico, financeiro e patrimonial», na súa alínea h) o seguinte: «Acordar, por proposta do Consello de Goberno da universidade e dentro dos límites fixados pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individualizada de retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da universidade, logo da valoración daqueles pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista convenio previo ou concerto coa Comunidade Autónoma galega. O Consello Social poderá solicitar informe dos centros ós que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado por tales acordos, co obxecto de motiva-la súa decisión».

O Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, no seu artigo 15 (retribucións), parágrafo 4, di: «A Xunta de Galicia poderá establecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión, para o profesorado contratado das universidades públicas de Galicia, nos termos previstos polo artigo 55 da Lei orgánica de universidades».

En cumprimento da normativa anteriormente referenciada, e co fin de acadar un sistema universitario galego de calidade, que nos permita estar nos primeiros postos a nivel estatal, europeo e internacional, e sendo este un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, díctase este decreto, que se estructura do seguinte xeito:

Título I de disposicións xerais onde se establecen o obxecto, tipo de complementos, características e beneficiarios, contías e orzamento.

Un título II referente ós requisitos específicos de cada un dos complementos, e un título III referente ó órgano encargado da valoración e o procedemento, contando tamén con dúas disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.

En uso das súas competencias, a Comunidade Autónoma vén establece-la regulación dos requisitos necesarios, que dan acceso ó goce dos citados complementos de carácter individual e singularizado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, visto o informe do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, do Consello Galego de Universidades e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

De acordo co disposto nos artigos 55 e 69 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, elabórase este decreto, co obxecto de establece-lo réxime dos complementos retributivos autonómicos vinculados a méritos docentes, investigadores e de xestión, do persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema Universitario de Galicia, así como a regulación das ditas retribucións adicionais e o procedemento para a súa solicitude e asignación individual.

Artigo 2º.-Tipos de complementos.

Establécense catro tipos de complementos:

  1. Complemento de recoñecemento ó labor docente.
  2. Complemento de recoñecemento ó labor investigador.
  3. Complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora.
  4. Complemento de recoñecemento polos cargos de xestión.

Artigo 3º.-Características dos complementos.

As características xerais dos complementos retributivos autonómicos son as seguintes: carácter individual, variables e consolidables.

Artigo 4º.-Contías anuais dos complementos.

Establécense as seguintes contías anuais dos complementos:

  1. O complemento de recoñecemento ó labor docente será dunha contía anual de mil euros.
  2. O complemento de recoñecemento ó labor investigador será dunha contía anual de novecentos euros.
  3. Os tramos do complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora serán fixados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, nun protocolo de avaliación, procedéndose posteriormente a fixa-la súa contía.
  4. O complemento de recoñecemento polos cargos de xestión determinarase unha vez que a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación determine nun protocolo de avaliación as valoracións e equiparacións, procedéndose posteriormente a fixa-la súa contía.

A percepción anual farase en doce mensualidades, podendo ser aumentada ou diminuída, sempre de acordo coas dispoñibilidades económicas e orzamentarias.

Artigo 5º.-Orzamento.

A concesión destes complementos retributivos esta supeditada ó límite consignado para este fin nos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á previsión orzamentaria de cada universidade.

TÍTULO II

Requisitos específicos de cada un dos complementos

Artigo 6º.-Requisitos específicos.

  1. Complemento de recoñecemento ó labor docente.
    1. Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas de Galicia.
    2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.
    3. Acreditar, polo menos, un ano de servicio na súa praza.
    4. Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.
    5. Tomarase en consideración unha memoria de autoavaliación presentada polo solicitante.
  2. Complemento de recoñecemento ó labor investigador:
    1. Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas de Galicia.
    2. Que a súa praza sexa fixa e estable con carácter permanente, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.
    3. Acreditar, polo menos, un ano de servicio na súa praza.
    4. Ter presentado na universidade un traballo de investigación que, sendo xulgado por un tribunal avaliador, lle teña outorgado o grao de doutor.
    5. Tomarase en consideración unha memoria de autoavaliación presentada polo solicitante en que se fagan consta-los seus méritos investigadores.
  3. Complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora:
    1. Estar integrado no cadro do persoal docente de calquera das universidades públicas de Galicia.
    2. Que a súa praza sexa fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.
    3. Acreditar, polo menos, un ano de servicio na súa praza.
    4. Ter recoñecido un sexenio de investigación pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora e ter recoñecidos dous quinquenios de docencia pola universidade ou a equivalencia, se é o caso, que se determine para os profesores contratados doutores, de acordo co artigo 7 do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario.
    5. Tomarase en consideración unha memoria de autoavaliación presentada polo solicitante en que se fagan consta-los seus méritos investigadores e docentes, debendo facer constar:
      1. Amplitude, intensidade e tipo da docencia. Os ciclos do ensino en que se participou. As institucións en que se exerceu a docencia.
      2. A dirección de teses de doutoramento.
      3. As publicacións científicas, incluído libros, capítulos de libros, prólogos, introduccións e anotacións a textos de recoñecido valor científico.
      4. Participación en contratos de especial relevancia en empresas ou na Administración pública e outras entidades de recoñecido prestixio e en proxectos de investigación.
      5. Contribucións a congresos, seminarios, exposicións artísticas e conferencias de recoñecido prestixio.
  4. Complemento de recoñecemento polos cargos de xestión:
    1. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: rector de universidade; vicerrector ou secretario xeral da universidade; decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamentos, director de instituto universitario; ou calquera outro cargo desempeñado nas universidades, administracións públicas autonómica, estatal ou europea, logo de equiparación cos anteriores, realizada pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, no protocolo de avaliación.
    2. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delicto ou falta no desempeño das funcións propias deste.
    3. Para a asignación deste complemento tomarase en consideración unha memoria presentada polo solicitante en que se reflicten os méritos que alegue.

TÍTULO III

Órgano encargado da valoración e procedemento

Artigo 7º.-Órgano encargado da valoración.

Dentro da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, corresponderalle á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), o estudio, a análise, comprobación, verificación e certificación do establecido neste decreto.

Artigo 8º.-Procedemento.

  1. Os consellos sociais das universidades galegas, por proposta dos seus respectivos consellos de goberno, poderán acorda-la asignación singular e individual destes complementos, dentro das modalidades e coas limitacións previstas neste decreto.
  2. A asignación dos complementos esixirá a valoración previa positiva dos méritos en que se sustentan pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola propia axencia e conforme os seguintes criterios obxectivos, indicativos e non exclusivos:
    • Experiencias investigadoras e docentes.
    • Formación académica.
    • Experiencia e outros méritos profesionais.
    • Postos ou cargos desempeñados.
    • Publicacións.
    O dito protocolo deberá conte-los méritos ou circunstancias para a avaliación de cada un dos complementos, debendo ser este mérito ou circunstancias diferentes para cada un, de tal modo que non se poidan avaliar méritos ou circunstancias que xa foran valoradas para outro complemento.
  3. Os méritos alegados para obte-los complementos retributivos deberán ser xustificados documentalmente polos solicitantes nos termos previstos no protocolo de avaliación. Ademais, os comités de expertos encargados da avaliación poderán requirir dos solicitantes cantas aclaracións consideren oportunas con relación ós méritos alegados.
  4. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia poderá establecer auditorías destinadas a comproba-los datos achegados polos solicitantes.

Disposicións adicionais

Primeira.- O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia fará súas as propostas motivadas e vinculantes elaboradas pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), a que se refire o título III deste decreto.

Segunda.- Para o recoñecemento da avaliación que órganos doutras comunidades autónomas concederan deberá formalizarse un convenio coa comunidade respectiva, en que expresamente se lle dea recoñecemento. Non obstante, dada a diferencia de complementos e criterios de concesión que pode haber entre comunidades autónomas, no dito convenio deberá xuntarse un anexo que estableza as equivalencias entre estes, aínda que se terá como referencia económica a cantidade asignada nos nosos complementos, sen que poida haber ningún tipo de recoñecemento superior ós establecidos pola propia Comunidade Autónoma galega.

O recoñecemento deles deberá facerse polo procedemento establecido neste decreto para a súa solicitude; non obstante, a súa concesión estará sempre condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións transitorias

Primeira.- De acordo cos requisitos que se determinen e as dispoñibilidades orzamentarias, os que se encontren en posesión do grao de doutor poderán ter dereito ó recoñecemento ó labor investigador, establecido no artigo 4º.2, sendo excluídos do requisito esixido nos puntos 2 e 3 do mencionado artigo, segundo o disposto nas disposicións transitorias cuarta e quinta da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no período de tempo nela sinalado.

Ley Orgánica 6/2001, de 21 de diciembre, de Universidades. (B.O.E. del 24 de diciembre)

Disposición transitoria cuarta. De los actuales ayudantes.

Quienes a la entrada en vigor de la presente Ley se hallen contratados en Universidades públicas como ayudantes, podrán permanecer en su misma situación hasta la extinción del contrato y de su eventual renovación, conforme a la legislación que les venía siendo aplicable. A partir de ese momento, podrán vincularse a una Universidad pública en alguna de las categorías de personal contratado previstas en la presente Ley y conforme a lo establecido en ella, con exclusión de la de ayudante. No obstante, en el caso de los ayudantes que estén en posesión del título de Doctor para ser contratados como profesor ayudante doctor no les resultará aplicable lo dispuesto en el artículo 50 sobre la desvinculación de la Universidad contratante durante dos años.

Disposición transitoria quinta. De los actuales profesores asociados.

  • 1. Quienes a la entrada en vigor de la presente Ley se hallen contratados en Universidades públicas como profesores asociados podrán permanecer en su misma situación, conforme a la legislación que les venía siendo aplicable, hasta la finalización de sus actuales contratos. No obstante, dichos contratos podrán series renovados conforme a la legislación que les venía siendo aplicable, sin que su permanencia en esta situación pueda prolongarse por más de cuatro años a contar desde la entrada en vigor de la presente Ley.
    A partir de ese momento sólo podrán ser contratados en los términos previstos en la presente Ley. No obstante, en el caso de los profesores asociados que estén en posesión del título de Doctor, para ser contratados como profesor ayudante doctor no les resultará aplicable lo dispuesto en el artículo 50 sobre la desvinculación de la Universidad contratante durante dos años.
  • 2. Lo dispuesto en el apartado anterior no será de aplicación a los actuales profesores asociados cuya plaza y nombramiento traiga causa del apartado 2 del artículo 105 de la Ley 14/1986, de 25 de abril, General de Sanidad, que se regirán por lo establecido en la disposición adicional duodécima

Segunda.- No prazo dun mes desde a publicación deste decreto, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIAGA) elaborará e publicará o protocolo de avaliación a que se refire o artigo 8º, momento a partir do cal se poderán pedi-los os complementos ós que se refire este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Autorízase o conselleiro competente en materia universitaria para dicta-las disposicións necesarias de desenvolvemento ou aplicación deste decreto.

Segunda.- Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne