Resolución do 5 de xuño de 2006 pola que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos e se constitúen listaxes de espera

Artigo 1º

O obxecto desta norma é a regulación da cobertura con carácter temporal de postos incluídos na relación de postos de traballo de persoal laboral, mentres non se proceda á súa cobertura polos procedementos ordinarios ou non se reincorpore o traballador substituído, se for o caso. Este procedemento tamén poderá utilizarse para os contratos que sexa preciso realizar conforme ao previsto no art. 15 do Estatuto dos traballadores.

Para os casos de contratación de persoal laboral en postos dunha categoría profesional, en que na Universidade da Coruña, sexan desenvolvidos por un corpo ou por unha escala de persoal funcionario, estarase ao disposto na Resolución do 04.02.2004 pola que se constitúen listaxes de espera e se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos de traballo de persoal funcionario de administración e servizos, modificada por RR do 05.06.2006.

Artigo 2º

O procedemento de cobertura a través das listaxes de espera axustarase ás seguintes bases:

  1. Constituiranse listaxes de espera nas distintas convocatorias de oposicións ou concurso-oposicións cos aspirantes que non acadasen a puntuación final suficiente para a súa inclusión na relación definitiva de aprobados. Na listaxe inclúense as persoas que superaron todos os exercicios da oposición. En caso de existir fase de concurso sumarase sempre a puntuación obtida nesa fase.
    Os candidatos da quenda de promoción interna estarán ordenados con prioridade con respecto aos da quenda libre.
    Os casos de empate na puntuación ordenaranse dando prioridade ao aspirante que acadase maior puntuación na fase de oposición, atendendo á súa orde de realización, e en caso de se manter o empate, ao de maior idade.
  2. Para a cobertura de postos de traballo reservados a persoal laboral formalizaranse os correspondentes contratos de traballo de acordo coa lexislación laboral vixente, en calquera caso evitarase a formalización de contratos de obra ou servizo, para os que será preciso un informe favorable do Comité de Empresa.
  3. Cando un traballador remate o seu contrato temporal ou cando a praza ocupada interinamente a ocupe un funcionario de carreira, ou persoal laboral fixo, por algún dos sistemas de provisión previstos regulamentariamente, o traballador interino ou temporal volverá ocupar o lugar que tiña na listaxe.
  4. As listaxes de espera decaerán unha vez constituídas outras novas, derivadas do derradeiro proceso selectivo. Todos os procesos selectivos da Universidade da Coruña, considerarán a obriga de constituír listaxes de espera.
  5. As listaxes faranse públicas expoñéndoas nos taboleiros da Reitoría e na Vicerreitoría do Campus de Ferrol. Así mesmo, publicaranse na páxina web da UDC. Actualizaranse semanalmente.
  6. Para as contratacións ou nomeamentos programados, os aspirantes serán avisados mediante carta, telegrama ou calquera outro medio fidedigno, e deben aceptar o chamamento nun prazo máximo de 2 días hábiles desde a recepción do aviso.
  7. Ninguén decaerá definitivamente da listaxe de espera, agás no caso de renuncia inxustificada ao contrato de traballo ofrecido ou xa asinado. Admitirase a renuncia á oferta, sempre que se xustifique de forma suficiente, nos seguintes supostos:
    1. Maternidade ou adopción legal
    2. Exercicio de representación sindical
    3. Matrimonio
    4. Falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade
    5. Ter outro contrato en vigor
    6. Enfermidade
    7. Non ter superado o período de proba
    8. Ser despedido da UDC por causa disciplinaria
    9. Calquera outra entidade suficiente que considere oportuna a Xerencia, logo do informe do órgano de representación dos traballadores.
  8. Os afectados por estes supostos quedarán suspendidos temporalmente da listaxe. Cando as causas que motivaron a renuncia remitan, o interesado deberá comunicalo por escrito á Xerencia para ser incluído novamente no posto que estaba no momento de lle ofertar o contrato ou nomeamento.
  9. As peticións que realicen os centros ou servizos para a cobertura de vacantes deberán tramitarse por escrito, debidamente razoadas, e establecerase para a orde de chegada o número de entrada do Rexistro Xeral.

Artigo 3º

Cando non existan listaxes de espera nalgún grupo ou categoría profesional, a Universidade convocará procesos de selección en que estará garantida a publicidade.

Criterios para as convocatorias de creación de listaxes de espera:

  1. Realización dunha proba que acredite o coñecemento teórico e/ou práctico das tarefas correspondentes ao posto de traballo obxecto da convocatoria.
  2. Haberá unha fase de concurso, en que se valorarán a experiencia e a formación, En ningún caso o concurso superará o 30% do valor da proba, correspondendo desta porcentaxe como máximo a metade á experiencia profesional.

Comisión de Selección:

  • Presidente: Xerente ou persoa en que delegue
  • Vogais: 2 representantes nomeados pola Universidade
  • 2 representantes propostos polo Comité de Empresa
  • Un representante, nomeado pola Universidade, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Artigo 4º

Os traballadores deben reunir os requisitos que para grupo ou categoría profesional se establecen na relación de postos de traballo e no convenio colectivo. Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto que se lles oferte:

  • Ser español, sen prexuízo do establecido na Lei 17/1993, do 23 de decembro.
  • Ter cumpridos 18 anos e non exceder dos 65.
  • Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desenvolvemento das correspondentes funcións.
  • Non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas.
  • Estar en posesión do título esixido para o grupo ou categoría a que se accede.
    No suposto de que non acrediten estes requisitos, os solicitantes decaerán en todos os seus dereitos e quedarán excluídos da listaxe.

Disposición adicional

As persoas, que en virtude do establecido no artigo 2.3 da Resolución do 4 de febreiro de 2004, pola que se constitúen as listaxes de espera, pasaran a ocupar un posto ao final da listaxe, serán repostos no posto que orixinariamente ocupaban nesta.

Disposición final

As listaxes habilitadas ao abeiro do disposto na Resolución do 4 de febreiro de 2004 permanecerán vixentes, aínda que a súa xestión se fará segundo o previsto na presente resolución.

A Coruña, 5 de xuño de 2006
O reitor

Asdo.: José M.ª Barja Pérez