Estatuto do estudantado

(Aprobado polo Claustro Universitario o 29 de maio de 2007)

DISPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Constitución Española consagra no seu artigo 27 a autonomía das universidades españolas, que se manifesta, entre outros aspectos, na capacidade de deseñar a súa regulación normativa. En uso desa capacidade a Universidade da Coruña elaborou os seus Estatutos, dentro dos cales se determinan as funcións, os dereitos e os deberes dos membros da comunidade universitaria. En particular, o capítulo II do título IV dos nosos Estatutos contén, entre outros aspectos, un catálogo básico de dereitos e deberes dos estudantes, que carece, porén, dun desenvolvemento normativo posterior. O presente Estatuto do estudante pretende suplir as devanditas lagoas normativas e dotar os estudantes da Universidade da Coruña dunha verdadeira carta de dereitos e deberes que determine os límites e as garantías destes. Nel defínense os requisitos constitutivos da condición de estudante, recóllense e desenvólvense os dereitos que recoñecen os estudantes universitarios nosos Estatutos e o resto do ordenamento xurídico, particularmente a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e procédese ao desenvolvemento das posibilidades do seu exercicio cando iso é conveniente para non quedar en declaracións abstractas. Por outra banda, recóllense os deberes dos estudantes, fundamentados no respecto aos demais e na preservación das finalidades da institución universitaria.

TÍTULO I
DO ÁMBITO DE APLICACIÓN E PRINCIPIOS XERAIS

Artigo 1. Obxecto do Estatuto

O presente Estatuto desenvolve os dereitos e deberes básicos recoñecidos aos estudantes no título VIII, artigos 42 a 46, da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, e no título IV, artigos 61 a 68 dos Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, de 13 maio.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

  1. Este Estatuto será de aplicación a todos os estudantes da Universidade da Coruña, entendéndose por tales, segundo o establecido no artigo 63.1 dos Estatutos, todas aquelas persoas que cursen estudos en calquera dos seus centros ou departamentos propios.
  2. Os dereitos e os deberes daquelas persoas que cursen estudos na Universidade da Coruña e non se atopen incluídos no apartado anterior terán que ser regulados polo Consello de Goberno da Universidade.

Artigo 3. Principios xerais

  1. Todos os estudantes da Universidade da Coruña terán igualdade de dereitos e deberes, sen máis distinción que a derivada dos estudos que estean cursando, sen discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, género, lingua, capacidade económica, discapacidade, orientación sexual, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal, social, relixiosa e/ou política.
  2. Os dereitos e os deberes dos estudantes exerceranse de acordo coa natureza, funcións e fins propios da Universidade, establecidos no título preliminar dos Estatutos, e sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria.
  3. Recoñécese a liberdade de expresión a todos estudantes, conforme ao artigo 16 da Constitución Española e a lexislación de desenvolvemento.
  4. Os órganos de goberno da Universidade garantirán que os estudantes con necesidades educativas especiais non vexan impedido o libre exercicio dos seus dereitos e habilitarán os recursos necesarios, tanto humanos como materiais, mediante a promoción da accesibilidade.

TÍTULO II
DOS DEREITOS DOS ESTUDANTES DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Artigo 4. Dereitos dos estudantes como membros da comunidade universitaria

Son dereitos dos estudantes, como membros da comunidade universitaria:

  1. Dereito de representación.
  2. Dereito a recibiren información de todas aquelas cuestións que afecten á comunidade universitaria.
  3. Dereito á organización, promoción e participación en actividades formativas e de extensión universitaria.
  4. Dereito a utilizaren as instalacións e servizos da Universidade.
  5. Dereito de asociación, reunión, manifestación e folga dentro do ámbito universitario.
  6. Dereito a se beneficiaren das distintas bolsas, axudas e subvencións que a Universidade estableza, sen perxuízo de que se poidan beneficiar das bolsas ofertadas por outras institucións.
  7. Dereito á utilización das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
  8. Dereito a conciliaren a vida laboral e académica.

Artigo 5. Dereitos específicos dos estudantes

Son dereitos específicos dos estudantes da Universidade da Coruña:

  1. Dereito a un ensino de calidade.
  2. Dereito a unha avaliación xusta e obxectiva do seu rendemento académico e a reclamación de cualificacións.
  3. Dereito a participaren na avaliación da actividade docente e das titulacións e servizos.
  4. Dereito á propiedade intelectual dos seus traballos.
  5. Dereito a recibiren orientación educativa e profesional a través do persoal dos servizos correspondentes.
  6. Dereito a seren protexidos polo réxime de seguro legalmente establecido.
  7. Dereito á confidencialidade de datos, tanto académicos coma persoais, dacordo coa lexislación vixente.

CAPÍTULO I
DEREITO DE REPRESENTACIÓN

Artigo 6. Do dereito dos estudantes a participaren nos órganos de goberno

  1. Todos os estudantes da Universidade da Coruña teñen dereito a se expresaren libremente e a participaren, activa e democráticamente, nos órganos de goberno da Universidade, dos centros, departamentos e institutos, mediante a elección dos seus representantes.
  2. Son electores e elixibles todos os estudantes que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.1. do presente Estatuto, nos termos que sinale a normativa electoral.

Artigo 7. Dos representantes de estudantes

Son representantes dos estudantes aqueles alumnos que elixidos polos seus compañeiros, forman parte dos órganos colexiados de goberno da Universidade: Consello Social, Claustro, Consello de Goberno, Xunta de Facultade ou Escola e Consello de Departamento ou Instituto, así como das súas Comisións Delegadas.

Artigo 8. Funcións dos representantes

Os representantes poderán canalizar as propostas, queixas e reclamacións que realicen os estudantes perante os órganos da Universidade, sen prexuízo do dereito de calquera estudante a formulalas directamente.

Artigo 9. Dereitos dos representantes

Os representantes de estudantes teñen dereito a:

  1. Recibiren información e documentación exacta e puntual sobre as materias que afectan os estudantes, salvo aquelas amparadas por deber de confidencialidade.
  2. Exerceren libremente a súa representación.
  3. Expresárense libremente sen máis limitacións que as derivadas das normas legais.
  4. Participaren plenamente no proceso de toma de decisións na forma que corresponda dacordo coa normativa específica e o réximen do órgano do que forman parte o da representación da que sexan responsables.
  5. Que os seus labores académicos se adecúen no posible, sen menoscabo da súa formación, ás súas actividades representativas. Máis concretamente, os representantes teñen dereito a diferiren o cumprimento das súas obrigas na Universidade, entre as que se inclúe a concorrencia a probas de avaliación, cando coincidan expresamente co exercicio da representación en aqueles órganos e cargos para os que fosen elixidos, logo de acreditación de asistencia ou exercicio destes.

Artigo 10. Deberes dos representantes

Son deberes específicos dos representantes:

  1. Informar os seus representados das actividades e resolucións dos órganos colexiados de goberno da Universidade e das súas propias actuacións.
  2. Asumir as responsabilidades derivadas da representación que os seus compañeiros lles concederon.
  3. Facer un uso lexítimo da información recibida por razón do seu cargo, respectando a confidencialidade da que lle fose revelada con este carácter.
  4. Facer un uso lexítimo dos medios ca Universidade pon a súa disposición.

Artigo 11. Dos representantes de aula ou grupo

Nos centros onde existan estudantes que exercen labores de representación de aula ou grupo, éstes serán eleitos polos seus compañeiros en votación e exercerán de portavoces das decisións maioritariamente adoptadas na súa aula o grupo.

CAPÍTULO II
DEREITO A RECIBIREN INFORMACIÓN DE TODAS AQUELAS CUESTIÓNS QUE AFECTEN Á COMUNIDADE UNIVERSITARIA

Artigo 12. Do dereito dos estudantes a recibiren información

  1. Os estudantes teñen dereito a recibiren información, directamente e tamén a través dos seus representantes, dos acordos ou resolucións dos distintos órganos de goberno e de administración da Universidade.
  2. A Universidade disporá os medios necesarios para garantir o dereito dos estudantes a recibiren información, sen prexuízo de que outras institucións ou entidades poidan colaborar nesta tarefa.
  3. A Universidade potenciará o Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE), dotándoo dos medios necesarios para levar a cabo unha axeitada labor de información, asesoramento e promoción, axustada a criterios de calidade, na procura permanente da mellora deste servizo.
  4. A Universidade elaborará un catálogo cos textos íntegros das disposicións que desenvolvan ou regulen os dereitos e deberes referidos no presente Estatuto do Estudantado, como complemento ao mesmo. Este catálogo publicarase na páxina web da Universidade e será actualizado, cando menos, ao comezo de cada curso académico.

CAPÍTULO III
DEREITO Á ORGANIZACIÓN, PROMOCIÓN E PARTICIPACIÓN EN ACTIVIDADES FORMATIVAS E DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA

Artigo 13. Do dereito dos estudantes a organizaren e participaren en actividades formativas e de extensión universitaria

  1. Todos os estudantes teñen dereito a participaren e colaboraren nas distintas actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas organizadas pola Universidade, de acordo co que establezan as respectivas normativas.
  2. Os estudantes poderán promover e organizar actividades desta natureza, directamente ou a través dos seus representantes e/ou das asociacións de estudantes recoñecidas pola Universidade da Coruña.
  3. Cando se encadren dentro dunha programación xeral ou convocatoria específica, as propostas para realizaren actividades deberán efectuarse dentro dos prazos e de acordo co disposto na oportuna convocatoria.
  4. Os estudantes terán dereito a beneficiarse dos convenios de colaboración educativa que asine a Universidade con institucións públicas e privadas, nos termos establecidos no propio convenio, sempre dacordo cos criterios que fixe a propia Universidade.

CAPÍTULO IV
DEREITO A UTILIZAREN AS INSTALACIÓNS E SERVIZOS DA UNIVERSIDADE

Artigo 14. Do dereito a utilizaren as instalacións e servizos da Universidade

  1. Todos os estudantes teñen dereito a utilizar libre e gratuitamente as instalacións da Universidade para as súas actividades formativas, culturais, deportivas e recreativas de acordo coas normas reguladoras do seu uso e os regulamentos que aproben os órganos de goberno, facilitándolles o uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Tal utilización deberá contar coa autorización do órgano competente, logo de petición de interesados, e poderá ser denegada cando non se axuste ao réxime de utilización establecido.
  2. Os estudantes poderán acceder aos distintos servizos universitarios, particularmente aos servizos de biblioteca e os deportivos, de acordo co establecido nos seus respectivos regulamentos.
  3. Dado que o estudo é o principal dereito e deber dos estudantes, a Universidade porá a disposición destes as infraestructuras necesarias para tal finalidade cun horario máis amplo do que o dos centros en época de exames, incluindo neste período fins de semán e festivos.
  4. A Universidade facilitará aos estudantes a utilización do servizo de fotocopias, cafetaría, restaurante ou outros que poidan crearse, nas condicións máis beneficiosas posibles. Así mesmo, a Universidade deberá garantir o dereito dos estudantes a reclamar e denunciar as deficiencias que estes servizos puideren ter.
  5. A Universidade da Coruña deberá garantir o adecuado mantemento e a mellora progresiva dos seus espazos e instalacións.
  6. A Universidade da Coruña habilitará as súas instalacións a todos os estudantes a través dunha axeitada e progresiva promoción da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas.
  7. O estudantado da Universidade da Coruña terá os mesmos dereitos de admisión e réxime económico no uso do xardín de infancia para os seus fillos e fillas cos do resto da comunidade universitaria.

CAPÍTULO V
DEREITO DE ASOCIACIÓN, REUNIÓN, MANIFESTACIÓN E FOLGA DENTRO DO ÁMBITO UNIVERSITARIO

Artigo 15. Do dereito de asociación

  1. A Universidade da Coruña, de acordo co artigo 22 da Constitución, que recoñece o dereito fundamental de asociación, coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación coa Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e segundo o establecido nos seus propios Estatutos, declara o dereito dos estudantes a se asociaren libremente no ámbito universitario.
  2. A Universidade fomentará e potenciará o asociacionismo estudantil e a participación dos estudantes na vida ordinaria da Universidade, proporcionando para iso os medios necesarios.

Artigo 16. Das asociacións de estudantes

  1. Serán consideradas asociacións de estudantes da Universidade da Coruña e, como tales, poderán solicitar o seu recoñecemento, todas aquelas asociacións que se constitúan válidamente conforme ás disposicións legais vixentes en materia asociativa e conforme ao Regulamento de asociacións de estudantes aprobado polo Consello de Goberno da Universidade.
  2. A estrutura e funcionamento interno das asociacións de estudantes deberán respectar os principios de participación e representación democráticas, e deberán ter entre os seus fins a educación superior, a promoción da cultura e do deporte, a defensa de bens culturais e universitarios, a participación na vida orgánica da Universidade, o desenvolvemento científico, cultural ou artístico, a preparación para o exercicio de actividades profesionais ou outros análogos desenvolvendo as súas actividades desde o ámbito da Universidade da Coruña.
  3. Os fins e as actuacións das asociacións de estudantes deberán desenvolverse nun clima de liberdade, de democracia e de autonomía funcional, e estas deberán respectar, no exercicio das súas actividades, os dereitos fundamentais do resto dos membros da comunidade universitaria.

Artigo 17. Do Regulamento de asociacións de estudantes

  1. A Universidade da Coruña, no marco da súa autonomía normativa e a través do seu Consello de Goberno, contará sempre cun regulamento de asociacións de estudantes.
  2. O Regulamento de asociacións de estudantes da Universidade da Coruña determinará as condicións xerais para o recoñecemento das asociacións de estudantes, o procedemento específico que deben seguir estas para o seu recoñecemento formal por parte da Universidade, os dereitos e deberes destas, así como o relativo á concesión de subvencións, axudas e espazos físicos.

Artigo 18. Do Rexistro de asociacións de estudantes

  1. Ao amparo do Regulamento de asociacións de estudantes, créase o Rexistro de Asociacións de Estudantes da Universidade da Coruña (RAE-UDC).
  2. Todas as asociacións de estudantes deberán proceder á súa inscrición no RAE-UDC se desexan ser recoñecidas como asociación de estudantes da Universidade da Coruña.
  3. Poderán inscribirse no RAE-UDC todas aquelas asociacións legalmente constituídas que cumpran os requisitos establecidos no Regulamento de asociacións de estudantes.
  4. A inscrición no RAE-UDC será requisito imprescindible para optar a calquera tipo de axuda ou dotación por parte da Universidade.
  5. O RAE-UDC dependerá organicamente da Vicerreitoría de Estudantes e os seus asentos de inscrición poderán ser consultados polos membros da comunidade universitaria a través da páxina web da Universidade.

Artigo 19. Dos dereitos de reunión, manifestación e folga

A Universidade da Coruña recoñece os dereitos de reunión, manifestación e folga dos estudantes.

CAPÍTULO VI
DEREITO A SE BENEFICIAR DAS DISTINTAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS QUE A UNIVERSIDADE ESTABLEZA

Artigo 20. Bolsas e axudas ao estudo

  1. Co obxecto de que ninguén quede excluído do estudo por razóns económicas, a Universidade da Coruña, sen prexuízo da acción do Estado, da Xunta de Galicia e de outras administracións ou entidades públicas ou privadas, establecerá por todos os medios ao seu alcance unha axeitada política propia de bolsas e axudas ao estudo e a investigación dirixida preferentemente ao alumnado de menor capacidade económica persoal ou familiar, de modo que se estableza un marco efectivo de igualdade para o acceso, permanencia e desenvolvemento dos estudos universitarios.
  2. A política de axudas ó estudo aumentará de forma prograsiva, tanto en número coma en cuantía.
  3. Sobre a concesión de axudas primarán criterios económicos e de renda sobre os académicos, sempre que sexa compatible coa natureza ba bolsa.

Artigo 21. Apoio aos estudantes con necesidades especiais

  1. Os estudantes con necesidades educativas especiais recibirán da Universidade, a través da súa Oficina de Atención á Diversidade, apoio e asesoramento.
  2. A Universidade da Coruña establecerá medidas específicas de acción positiva a favor dos estudantes con necesidades educativas especiais particularmente a través dun programa específico de bolsas e axudas, que formará parte do programa de bolsas propio da Universidade.
  3. A Universidade adoptará as accións necesarias encamiñadas a conseguir a plena integración dos estudantes con discapacidade nas diferentes titulacións e programas de ensino que ofreza.

CAPÍTULO VII
DEREITO Á UTILIZACIÓN DAS LINGUAS OFICIAIS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

Artigo 22. Do dereito dos estudantes a utilizaren as linguas oficiais

Segundo o establecido no artigo 5.1. dos Estatutos, na Universidade da Coruña serán linguas oficiais as recoñecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia.

Artigo 23. Do dereito ao uso do galego en todos os niveis e en todas as relacións coa Universidade

  1. Os estudantes teñen dereito a utilizar o galego en todos os niveis e en todas as relacións coa Universidade, sexa para a tramitación de peticións, reclamacións e queixas, sexa na realización de exames, traballos e prácticas.
  2. Os estudantes terán o dereito a que a Universidade se dirixa, en tódos os niveis e relacións, en galego, así como á recepción da actividade docente, sen perxuizos de dereitos de terceiros.

CAPÍTULO VIII
DEREITO A CONCILIAREN A VIDA LABORAL E ACADÉMICA

Artigo 24. Da vida laboral dos estudantes

A Universidade da Coruña facilitará que os estudantes poidan desenvolver a vida estudantil sen perxuizo da súa vida laboral.

CAPÍTULO IX
DEREITO A UN ENSINO DE CALIDADE

Artigo 25. Dereito ao ensino e acceso á Universidade da Coruña

  1. O acceso aos centros universitarios e aos seus diversos ciclos de ensino estará condicionado pola capacidade daqueles, que será determinado pola Universidade da Coruña, de acordo cos módulos obxectivos establecidos polos órganos competentes na materia.
  2. Para o ingreso nos centros universitarios en que a demanda de prazas sexa superior á súa capacidade, establecida de acordo cos módulos aos que se fai referencia no apartado anterior, a Universidade da Coruña poñerá os medios necesarios para que en próximas convocatorias ninguén quede sen praza na titulación que queira cursar, eliminando progresivamente o límite de prazas.

Artigo 26. Do dereito a recibiren unha formación cualificada e integral

Os estudantes teñen dereito a recibiren unha formación integral e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos como nos seus métodos pedagóxicos, que os habilite para o exercicio futuro das súas actividades profesionais.

Artigo 27. Do dereito a recibiren e participaren no ensino teórico e práctico do seu correspondente plano de estudos

  1. Os estudantes da Universidade da Coruña recibirán e participarán activamente no ensino teórico e práctico correspondente aos estudos elixidos, así como en todas aquelas actividades que axuden a completar a súa formación.
  2. A Universidade da Coruña promoverá a formación práctica dos estudantes para complementaren e desenvolveren os coñecementos adquiridos nos seus estudos, co fin de facilitar unha axeitada inserción no mundo laboral. Deberase garantir a aplicación práctica da teoría e definir os criterios mínimos do practicum.
  3. Os estudantes matricularanse respectando o establecido nos planos de estudo e na regulación académica vixente. Para iso, a Universidade posibilitará os mecanismos de xestión que axuden ao deseño curricular por parte do estudante.
  4. Os estudantes teñen dereito a coñecer con antelación abonda e, en calquera caso, antes da apertura do prazo de matrícula de cada curso, o programa de cada unha das materias – aprobado e coordinado polo Consello do Departamento correspondente -, o profesorado encargado de impartilas, a bibliografía básica para a súa preparación, os horarios das clases teóricas e prácticas, titorías e datas de exames.
  5. Os estudantes coñecerán, ao comezo de cada curso académico, os obxectivos docentes, a metodoloxía e os procedementos de avaliación e control dos coñecementos que aplicará o profesor da materia e que deberán facerse públicos e estar dispoñibles todo o curso.
  6. Os horarios de clases teóricas e prácticas dun mesmo grupo han de ser compatibles durante o curso académico. Unha vez establecidos con carácter definitivo pola Xunta do Centro correspondente, só poderán ser modificados por causa de forza maior, requiríndose para iso, en todo caso, autorización previa da Dirección do Centro e posterior aprobación polo órgano competente.

Artigo 28. Do dereito á titoría

  1. Recoñécese o dereito que ten o estudante a ser asistido e orientado individualmente no proceso de aprendizaxe mediante as titorías.
  2. Os centros deberán aprobar ao inicio de cada curso e/ou de cada cuadrimestre, os horarios de titorías de cada profesor. Será competencia dos directores de centro velar polo cumprimento das titorías.

Artigo 29. Do dereito a se beneficiar dos convenios de cooperación educativa

Os estudantes terán dereito a beneficiarse dos diferentes convenios de cooperación educativa que subscriba a Universidade con institucións públicas ou privadas, nos termos do Convenio e conforme as normas que fixe a propia Universidade.

Artigo 30. Mobilidade estudantil

A Universidade da Coruña fomentará a mobilidade dos estudantes, especialmente no Espazo Europeo de Ensino Superior.

Artigo 31. Simultaneidade de estudos

Os estudantes que desexen iniciar estudos universitarios de xeito simultáneo con outros xa iniciados, poderán ser admitidos se existen prazas vacantes e se cumpren os requisitos establecidos na normativa de ordenación académica.

Artigo 32. Permanencia na Universidade

O Consello Social, por proposta do Consello de Goberno e tras audiencia aos representantes dos estudantes no Claustro da Universidade, determinará os requisitos mínimos esixibles para a permanencia dos estudantes na universidade.

CAPÍTULO X
DEREITO A UNHA AVALIACIÓN XUSTA E OBXECTIVA DO SEU RENDEMENTO ACADÉMICO

Artigo 33. Avaliación obxectiva

Os estudantes teñen dereito a seren avaliados obxectivamente e con equidade no seu rendemento académico e reclamar ou impugnar, coas debidas garantías, calquera presunta actuación inxustificada ou arbitraria. Conforme o establecido en artigo 66 dos Estatutos da Universidade da Coruña, os estudantes teñen dereito a seren avaliados obxectivamente dos seus coñecementos e a solicitaren a revisión das súas cualificacións. Ademais da función avaliadora da formación conseguida polo alumno, as probas de avaliación tenderán a cumprir unha función docente de crítica e de mellora. Por iso, os estudantes terán pleno acceso á revisión do seu exame corrixido, tendo o profesorado obriga de garantir dita revisión.

Artigo 34. Procedementos de avaliación

  1. Os estudantes matriculados nunha materia terán dereito a coñecer, a principio do curso académico, os criterios de avaliación e o tipo de probas que van ser utilizados polo/a profesor/a.
  2. Os procedementos de avaliación deberán consistir nalgún ou en varios dos seguintes puntos:
    1. Participación activa nas actividades teóricas, seminarios, traballos levados a cabo ou prácticas programadas.
    2. Exames parciais que, caso de existir, poderán ter carácter liberatorio.
    3. Exames finais.
    4. Outros medios obxectivos de avaliación da actividade académica.
  3. No caso de estudantes con necesidades educativas especiais, deberáselles facilitar a realización das probas de avaliación nas condicións axeitadas ás súas capacidades.

Artigo 35. Da programación, realización e revisión de exames

  1. Corresponde á dirección dos centros a programación dos exames das convocatorias oficiais (tanto ordinarias como extraordinarias) de cada curso de acordo co calendario académico fixado polo Consello de Goberno, debendo facerse público antes do comezo do prazo de matrícula do curso correspondente.
  2. O calendario de exames deberá ser aprobado pola Xunta do Centro correspondente. Calquera alteración deberá aterse ao disposto na Normativa académica de avaliacións, cualificacións e reclamacións, aprobada polo Consello de Goberno da Universidade.
  3. A realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida para a avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente.
  4. A programación, realización e revisión de exames, así como o procedemento a seguir para exercer o dereito de reclamación por parte dos estudantes, aterase á Normativa académica de avaliacións, cualificacións e reclamacións da Universidade da Coruña.

Artigo 36. Da regulación do dereito a unha avaliación xusta e obxectiva do rendemento académico

O dereito dos estudantes a unha avaliación xusta e obxectiva do seu rendemento académico estará regulado pola Normativa académica de avaliacións, cualificacións e reclamacións da Universidade da Coruña, que será de aplicación en todas as avaliacións que se leven a cabo aos estudantes da Universidade.

CAPÍTULO XI
DEREITO A PARTICIPAREN NA AVALIACIÓN DA ACTIVIDADE DOCENTE E DAS TITULACIÓNS E SERVIZOS

Artigo 37. Do dereito a participaren na avaliación da actividade docente

  1. Os estudantes participarán na avaliación da actividade docente do profesorado mediante os procedementos de avaliación que a Universidade estableza, respetándose sempre o anonimato dos mesmos.
  2. Os estudantes poderán facer propostas de mellora e formular reclamacións e queixas acerca do funcionamento e a calidade do ensino perante as direccións dos centros encargados da impartición dos diferentes títulos, debendo éstas ser tomadas en consideración nas decisións futuras.

Artigo 38. Do dereito a participaren na avaliación de titulacións e servizos

Os estudantes teñen dereito a participaren activa e críticamente na avaliación institucional da calidade de titulacións e servizos, sexan éstos prestados de forma directa pola Universidade, o baixo concesión, a través das canles que poidan establecerse, así como a coñecer os resultados destas avaliacións e a que éstes sexan tomados en consideración nas propostas de mellora.

CAPÍTULO XII
DEREITO Á PROPIEDADE INTELECTUAL DOS TRABALLOS ACADÉMICOS

Artigo 39. Da autoría e propiedade intelectual dos traballos académicos

  1. O desenvolvemento e impartición de ensino na Universidade da Coruña xera en numerosas ocasións a produción, por parte dos alumnos, de traballos orixinais que serán obxecto de avaliación para determinar o rendemento académico nos estudos en que se atopen matriculados.
  2. Os estudantes terán dereito a solicitar a devolución dos traballos, memorias prácticas e demais material de tipo creativo elaborados por eles, a petición propia, unha vez concluído o prazo de reclamación contra a cualificación final da materia, salvo que estea pendente a resolución dunha reclamación.
  3. Dado que a propiedade intelectual dunha obra corresponde ao autor ou autores polo simple feito da súa realización, os estudantes posúen a propiedade intelectual dos traballos orixinais de carácter artístico, científico e/ou técnico que realicen no marco da súa actividade discente.
  4. A publicación ou a reprodución total ou parcial dos traballos referidos neste artigo, ou a súa utilización para calquera outra finalidade da estritamente académica, requirirá a autorización explícita do autor ou autores dacordo coa lexislación de propiedade intelectual.

CAPÍTULO XIII
DEREITO A RECIBIREN ORIENTACIÓN EDUCATIVA E PROFESIONAL A TRAVÉS DO PERSOAL DOS SERVIZOS CORRESPONDENTES

Artigo 40. Do dereito a recibiren orientación

Os estudantes teñen dereito a recibiren, de forma gratuíta, información e asesoramento que lles axude nos seus coñecementos da organización, contido e esixencias dos distintos estudos universitarios e procedementos de ingreso, así como da orientación e saídas profesionais destes estudos. A Universidade disporá os medios necesarios para garantir este dereito, sen prexuízo de que outras institucións ou organismos poidan colaborar con ela nesta tarefa.

CAPÍTULO XIV
DEREITO A SER PROTEXIDO POLO RÉXIME DE SEGURO LEGALMENTE ESTABLECIDO

Artigo 41. Seguro escolar

Todo estudante ten dereito á protección do Seguro Escolar nos termos e condicións que se establezan nas disposicións legais que o regulen, así como a outros seguros que poida establecer ou concertar a Universidade para complementar a protección do estudante.

Artigo 42. Seguridade e hixiene

A Universidade garantirá que os estudantes desenvolvan a súa actividade académica nas debidas condicións de seguridade e hixiene. Os centros disporán dun botiquín de primeiros auxilios axeitado as actividades que nos mesmos se leven a cabo.

TÍTULO III
DOS DEBERES DOS ESTUDANTES DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

Artigo 43. O estudo e a iniciación á investigación

O estudo e, no seu caso, a iniciación á investigación, constitúe o deber básico dos estudantes, para o que deberán cumprir as tarefas de estudo e investigación que lles correspondan como universitarios e seguir o proceso de formación e adquisición de coñecementos, atendendo as orientacións dos/as profesores/as.

Artigo 44. Cumprir coa actividade académica dos estudos en que se matriculen, así como co calendario lectivo

Os estudantes deberán cumprir coa actividade académica específica dos estudos en que se matriculen, participando nas clases, teóricas e prácticas, así como en todas as actividades previstas na programación docente de cada unha das materias.

Artigo 45. Responsabilizarse da súa propia aprendizaxe no marco da súa liberdade de estudo

Os estudantes, como protagonistas esenciais do ensino universitario, teñen o deber de responsabilizarse da súa propia aprendizaxe, sendo protagonistas activos da súa formación nun marco de liberdade de estudo.

Artigo 46. Respectar as normas de disciplina académica

Os estudantes deberán respectar as normas de disciplina académica vixentes, e quedarán suxeitos ás responsabilidades que sinale a lexislación en vigor.

Artigo 47. Cumprimento dos Estatutos, regulamentos e normas da Universidade

Os estudantes deberán cumprir os Estatutos da Universidade da Coruña, así como os regulamentos e normas que diten os órganos de goberno da Universidade, quedando suxeitos ás responsabilidades que sinale a normativa vixente.

Artigo 48. Coidado do patrimonio e instalacións da Universidade

Os estudantes están obrigados a cumprir as normas de uso establecidas das diferentes instalacións, medios e servizos que a Universidade pon á súa disposición, informando de calquera deficiencia que detecten nos mesmos.

Artigo 49. Responsabilidade na participación

Os estudantes teñen o deber de asumir as responsabilidades que se deriven da súa condición de membros dos órganos colexiados para os que fosen elixidos, que se recollen no artigo 10 do presente Estatuto.

Artigo 50. Contribución á consecución dos fins e á mellora no funcionamento da Universidade

Os estudantes, na súa condición de membros da comunidade universitaria, teñen o deber de contribuír á consecución dos fins e á mellora da Universidade, así como a potenciar a vinculación desta coa sociedade, incrementando o prestixio e referencialidade da nosa institución.

Artigo 51. Respecto á autoría e propiedade intelectual

Os estudantes teñen o deber de respectar a propiedade intelectual e de autoría da Universidade, do profesorado e do estudantado. O uso de materiais docentes, apuntamentos, exposicións, guías ou outros análogos por parte dos alumnos, resérvase exclusivamente para finalidades académicas, docentes e de formación.

Artigo 52. Contribuír responsablemente á avaliación e á mellora da calidade do ensino

Os estudantes teñen o deber de contribuír, con liberdade do seu exercicio, á avaliación e á mellora da calidade do ensino.

Artigo 53. Respectar os principios de convivencia democrática no seo da comunidade universitaria

Os estudantes, ao igual que o resto dos membros da comunidade universitaria, teñen o deber de respectar os principios de convivencia democrática no seo da Universidade.

TÍTULO IV
PROTECCIÓN DOS DEREITOS E DEBERES

Artigo 54. Do exercicio do dereito á formulación de peticións, reclamacións e queixas

Os estudantes da Universidade da Coruña teñen dereito a manifestar as súas peticións, reclamacións e queixas perante os profesores e os órganos de goberno da Universidade, de xeito individual ou colectivo, e neste último caso sempre por escrito. Os representantes están particularmente facultados e lexitimados para canalizar peticións, reclamacións e queixas.

Artigo 55. Fundamentación

A petición reclamación ou queixa, poderase fundamentar en calquera causa que impida ou vulnere o libre exercicio de todos os dereitos recoñecidos no presente Estatuto e na lexislación e normativa vixente en materia de estudantes.

Artigo 56. Procedemento

As reclamacións seguirán o procedemento administrativo correspondente, conforme á vía elixida para a súa tramitación.

TÍTULO V
DA REFORMA DO ESTATUTO

Artigo 57. Iniciativa

A iniciativa para a reforma do presente Estatuto do Estudantado corresponde ao Consello de Goberno, ao 25% dos membros do Claustro universitario ou a dous terzos dos estudantes claustrais.

Artigo 58. Aprobación

Corresponde ao Claustro aprobar a reforma do Estatuto, requiríndose para iso os votos favorables da maioría dos seus membros.

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA

As autoridades universitarias adoptarán, no ámbito das súas respectivas competencias, as medidas oportunas para o cumprimento do previsto no presente Estatuto.

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA

O presente Estatuto do Estudantado entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Claustro Universitario e será obxecto de difusión e publicación para xeral coñecemento da comunidade universitaria.