Resolución reitoral de 22 de xaneiro de 2009 pola que se modifica a resolución reitoraldo 01.07.1998, que regula os supostos de matrícula gratuita na Universidade da Coruña

A presente resolución modifica a anterior en relación co seguinte:

- Con data 23 de maio de 2008, asinouse un acordo entre a Universidade da Coruña e o Comité de Empresa de Convenios e Proxectos, Programa María Barbeito, Programa da UDC coa Xunta de Galicia para a contratación de persoas desempregadas, Programa Predoutoral UDC, FPI-FPU.

No apartado de ACCIÓN SOCIAL do devandito acordo, indícase, no seu terceiro parágrafo, o seguinte:

“Asimesmo incluirase no ámbito de aplicación da Resolución Reitoral do 01/07/1998, pola que se regulan os supostos de matrícula gratuíta, ao persoal contratado con cargo ao Capítulo VI do orzamento da Universidade da Coruña, sempre e cando acrediten, como mínimo, uns servizos prestados na UDC de 15 meses, dentro dos últimos 5 anos”

- Por outra parte, a Universidade da Coruña ten a vontade de actualizar a súa normativa académica en relación coa lexislación vixente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto coa lei 2/2006, de 14 de xuño, de Dereito Civil de Galicia, na Disposición Adicional terceira, modificada pola Lei 10/2007, de 28 de xuño.

Consonte co exposto anteriormente,

RESOLVO modificar a Resolución reitoral do 01.07.1998 e, no seu caso, engadir os seguintes puntos nos artigos que se citan:

ARTIGO PRIMEIRO

2.- O beneficio estenderase ao cónxuxe ou parella de feito debidamente inscrita, así como aos fillos menores de 28 anos, incluídos os orfos, do persoal mencionado no apartado anterior, que carezan de independencia económica. O límite de idade non se terá en conta no caso de fillos discapacitados que tiveren recoñecida oficialmente esta situación e carezan de independencia económica.

4.-Tamén terá o beneficio de matrícula gratuíta nos tres ciclos do ensino universitario, aquel persoal contratado con cargo ao Capítulo VI do orzamento da UDC, sempre e cando acredite, como mínimo, uns servizos prestados nesta universidade de 15 meses, dentro dos últimos cinco anos.

ARTIGO TERCEIRO
(Novo parágrafo final)

Os alumnos aos que se lles concede ou recoñece a matrícula gratuíta, de acordo co disposto no punto 4 do artigo primeiro, deberán acreditar a súa condición de beneficiarios ante a Administración do centro no que desexen matricularse mediante a presentación do correspondente informe/certificado expedido polo Servizo de Persoal que corresponda, ou polo Servizo de Investigación, que recolla que se cumpran os requisitos necesarios para obter a gratuidade de matrícula:

  1. Percibir as súas retribucións con cargo ao Capítulo VI do orzamento da UDC
  2. Acreditar como mínimo uns servizos prestados na UDC de 15 meses dentro dos últimos cinco ano

DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA

O disposto no punto 4 do artigo Primeiro e no último parágrafo do artigo Terceiro será de aplicación para o persoal contratado con posterioridade ao 23 de maio de 2008, ou con anterioridade a esa data sempre que teña o seu contrato en vigor, e aplicarase a aquelas matrículas a realizar con posterioridade ao dia 23 de maio de 2008.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2009
O reitor,

 

Asdo.: José M.ª Barja Pérez


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000