ARTIGO PRIMEIRO:
- Terán o beneficio de matrícula gratuíta nos tres ciclos do ensino universitario, co alcance expresado no apartado 3, aquelas persoas que pertenzan ás seguintes categorías de empregados públicos ao servizo das Universidades Galegas ou xubilados nelas:
- Funcionarios de carreira pertencentes aos Corpos Docentes Universitarios, que presten servizos nas Universidades Galegas.
- Funcionarios de carreira de Corpos ou Escalas que presten os seus servizos como Persoal da Administración e Servizos nas Universidades Galegas.
- Persoal docente e da Administración e Servizos, interino e contratado propios das Universidades Galegas.
- Persoal laboral, fixo ou temporal, propio das Universidades Galegas.
- O beneficio estenderase ao cónxuxe así como aos fillos menores de 28 anos, incluídos os orfos, do persoal mencionado no apartado anterior, que carezan de independencia económica. O límite de idade non se terá en conta no caso dos fillos discapacitados que tiveren recoñecida oficialmente esta situación e carezan de independencia económica.
- Os beneficiarios contemplados nos apartados precedentes terán a concesión de matrícula gratuíta para a primeira, segunda, terceira e sucesivas matrículas nos cursos completos e materias soltas.
ARTIGO SEGUNDO:
- Terán o beneficio de matrícula gratuíta nos tres ciclos do ensino universitario, para si e os seus fillos menores de 28 anos que carezan de independencia económica, aquelas persoas que pertenzan ás seguintes categorías de empregados públicos:
- Funcionarios de carreira dos Corpos ou Escalas da Administración do Estado que, tendo prestado servizos no Ministerio de Educación e Ciencia, foran transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia e continúen no mesmo posto de traballo.
- Funcionarios de carreira de Corpos ou Escalas de calquera das Administracións Públicas e os seus Organismos Autónomos, destinados por concurso ou libre designación na Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
- O límite de idade establecido no apartado precedente non se terá en conta no caso dos fillos discapacitados que tiveren recoñecida oficialmente esta situación e carezan de independencia económica, segundo declaración xurada ao efecto.
- Os beneficiarios contemplados neste artigo terán a concesión de matrícula gratuíta na primeira matrícula nos cursos completos e materias soltas.
ARTIGO TERCEIRO:
Os/as alumnos/as a quen se lles concede ou recoñece a matricula gratuíta deberán acreditar a súa condición de beneficiarios mediante a presentación do documento que dá fe estendido pola autoridade administrativa de que dependan. O documento deberá expedirse con data non inferior aos tres meses de finalización do prazo de matrícula ordinaria.
A carencia de independencia económica dos fillos dos causantes da gratuidade da matrícula acreditarase polos beneficiarios mediante declaración xurada ao efecto.
ARTIGO CUARTO:
Aplicarase a exención total ou parcial, segundo proceder, nos supostos contemplados na Orde do Ministerio de Facenda do 17 de agosto de 1982 (B.O.E. do mesmo día), tendo en conta o disposto respecto das familias numerosas na disposición final cuarta da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social.
ARTIGO QUINTO:
A concesión ou recoñecemento da matrícula gratuíta para casos ou supostos distintos dos enumerados na presente resolución deberá outorgarse, se proceder, pola resolución reitoral expresa, após pedimento da persoa interesada.
ARTIGO SEXTO:
Os Xefes de Servizos Administrativos dos Centros Universitarios presentarán aos respectivos Servizos Centrais da Secretaría Xeral cantas consultas consideraren convenientes acerca da aplicación estrita da presente Resolución, sen prexuízo de que, pola autoridade académica de cada Centro, se formule por escrito a interpretación da mesma, que corresponde, en todo caso, ao Secretario Xeral da Universidade.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA:
Queda derrogada a resolución reitoral do 10 de xullo de 1997 sobre exención do pagamento de taxas académicas por matrícula nos centros desta Universidade.
DISPOSICIÓN FINAL:
A presente resolución entrará en vigor e será de aplicación a partir do curso académico 1998-99.