Regulamento de premios extraordinarios

de Diplomado, Arquitecto Técnico, Enxeñeiro Técnico, Licenciado, Arquitecto e Enxeñeiro.

  1. Os premios extraordinarios de diplomado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico, licenciado, arquitecto e enxeñeiro serán concedidos pola Xunta de Goberno por proposta da Xunta de Centro correspondente.
  2. Os premios extraordinarios concederanse por titulacións, entre os alumnos que remataron os seus estudos nas convocatorias de xuño e setembro do correspondente curso académico. O número máximo de premios extraordinarios a conceder por titulación e curso académico será dun por cada setenta e cinco alumnos ou fracción que rematase os seus estudos no devandito curso académico.
  3. A valoración de estudantes para a proposta de premios extraordinarios será realizada por un tribunal para cada titulación. Este tribunal estará formado por tres profesores numerarios e será aprobado pola Xunta de Centro por proposta do decano ou director e tras a consulta aos directores dos departamentos. A Xunta de Centro determinará así mesmo cal dos membros actuará de presidente.
  4. A convocatoria destes premios extraordinarios será realizada anualmente polo reitor ao longo do primeiro trimestre do curso académico seguinte ao que correspondan os premios a conceder.
    Na dita convocatoria estableceranse os prazos e documentos a presentar polos interesados.
  5. Para poder optar a premio extraordinario será necesario ter obtida unha nota media de sobresaliente no expediente académico.
    De forma excepcional poderase optar ao premio extraordinario cunha nota media de notable cando non houber ningún alumno con nota media de sobresaliente entre os que obteñen o título nese curso académico.
  6. O procedemento para o cálculo da nota media a que se refire o punto anterior deberá ter en conta a seguinte táboa de equivalencias, a efectos de homoxeneizar titulados de distintos planos de estudo:
    Aprobado - 1; Notable - 2; Sobresaliente - 3; Matrícula de h.- 4, así como o número de créditos de cada materia.
    Non se contabilizarán as materias de libre elección para o cálculo da nota media.
  7. A concesión de premio extraordinario figurará no expediente do alumno e farase constar fidedignamente.
  8. Disposición transitoria.- A primeira convocatoria de premios extraordinarios desta universidade realizarase no curso 1994/95 e será de aplicación aos titulados dos cursos 1990/91, 1991/92, 1992/93 e 1993/94 con carácter independente a cada un destes cursos.
    Queda sen efecto calquera outra normativa que se opoña ao establecido neste Regulamento