Regulamento sobre a libre elección

(Aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do 31 de maio de 2005 e modificado polo Consello de Goberno na súa sesión do 27 de marzo de 2009)

Esta normativa ten por obxecto regular aspectos relacionados coa libre elección e vén substituír os acordos que foron aprobados pola Xunta de Goberno da UDC nas súas sesións do 09/07/1996 e do 28/05/1997 e os acordos posteriores da Comisión de Planos de Estudos que os desenvolven.

CAPÍTULO I. PRELIMINAR

Artigo 1.

  1. A Universidade da Coruña deberá determinar, antes do comezo de cada curso académico, a relación de materias, de seminarios e de demais actividades académicas que constituíren obxecto de libre elección do estudantado e pode, en función da capacidade docente, limitar o número de prazas que se ofertaren.
  2. En ningún caso poderán ser obxecto de libre elección aquelas materias ou aquelas actividades académicas de contido idéntico ou moi similar ao das materias propias da titulación que corresponder, nin tampouco aqueloutras materias ou disciplinas que poidan estar suxeitas a prerrequisitos ou a incompatibilidades.
  3. A Universidade da Coruña (UDC) desexa facilitar ao estudantado unha ampla oferta de contido interdisciplinario de xeito que se procure, ademais, un achegamento ao proceso de converxencia europea a través da posibilidade de obter créditos de libre elección por actividades formativas tuteladas.

CAPÍTULO II. DIRECTRICES PARA A OFERTA DE LIBRE ELECCIÓN

Artigo 2. Oferta de libre elección

  1. A oferta de libre elección da Universidade da Coruña para cada curso académico poderá estar constituída por:
    1. Materias optativas dos planos de estudos vixentes
    2. Materias de “oferta xeral” de libre elección
    3. Seminarios e actividades académicas que se ofrecen para a libre elección
  2. No caso de optativas dos planos de estudos vixentes e das materias de “oferta xeral” de libre elección, o profesorado responsable da súa docencia avaliará os coñecementos adquiridos polo/a alumno/a e concederá unha cualificación que figurará no expediente deste/a alumno/a.
  3. No caso dos seminarios e das actividades académicas que se ofreceren para libre elección, recoñeceranse os créditos que se obtiveren, sen que figurar a cualificación.
  4. A proposta de materias de libre elección (tanto optativas como de oferta xeral) debe realizarse nas datas que establecer o Consello de Goberno; nesta proposta, os centros e os departamentos deben comprometerse a ofreceren os datos necesarios (cuadrimestre en que se imparten, horarios, profesorado encargado etc.) para que o alumnado poida efectuar unha elección responsable e con coñecemento das características fundamentais das materias que se ofreceren.

Artigo 3. Materias optativas dos planos de estudo vixentes

  1. Materias optativas dos planos de estudo vixentes que se ofrecen ao alumnado da mesma titulación e do mesmo plano de estudos.
    1. Ofreceranse tamén como libre elección todas as materias dos planos renovados dos centros, tanto propios como adscritos, que estes decidan ofertar como optativas en cada curso académico.
    2. A oferta de libre elección deste tipo de materias funcionará para todos os efectos como a oferta das materias optativas. O/a alumno/a realizará a matrícula de cada materia sen necesidade de especificar o seu carácter (optativa ou libre elección).
    3. No suposto de que un/unha alumno/a superar unha materia optativa da súa mesma titulación e do mesmo plano de estudos, poderá solicitar no seu centro, para rematar o ciclo, en caso de traslado para continuar estudos noutra universidade ou para finalizar os seus estudos, o cambio de carácter desa materia. En ningún caso poderá utilizarse a mesma materia como optativa e como libre elección ao mesmo tempo.
    4. Despois da realización do depósito do título ou da expedición dun certificado acreditativo de finalizar o 1.º ciclo, non será posible solicitar o cambio de carácter de ningunha materia.
  2. Materias optativas dos planos de estudo vixentes que se ofrecen ao alumnado de diferente titulación e/ou plano de estudos
    1. Poderán ofrecerse a alumnos de diferente titulación e/ou plano de estudos materias optativas dos planos renovados dos centros propios. As optativas dos planos de estudos dos centros adscritos ofertaranse unicamente na propia titulación.
    2. A proposta de oferta deste tipo de materias, que realizarán os decanatos/direccións de centros á VOAT (Vicerreitoría de Organización Académica e Titulacións), debe cumprir os seguintes requisitos:
      • as materias que se ofreceren en cada curso académico estarán incluídas entre as que este centro ofrecer como optativas neste curso;
      • O centro, na súa petición, debe especificar para cal ou para cales titulacións é incompatible cada materia.
  3. A oferta de libre elección deste tipo de materias en ningún caso implicará o aumento dos grupos da disciplina de que se tratar.
  4. No suposto de que un/unha alumno/a superar unha materia optativa que foi ofertada como libre elección por outra titulación e/ou plano de estudos, non poderá solicitar o cambio de carácter desta.
  5. Para a admisión do alumnado, o criterio que se establecer será o de expediente académico, no caso de alumnos/as que continuaren os seus estudos, e de nota de acceso ponderada para aquelas persoas que comezaren os seus estudos.

Artigo 4. Materias de “oferta xeral” de libre elección

  1. O número de prazas que se ofertan nas materias de “oferta xeral” será de 75, agás excepcións motivadas polas características das materias. O número máximo de créditos de cada unha destas disciplinas será de 4.
  2. Para a admisión do alumnado, o criterio establecido será o de expediente académico no caso de alumnos/as que continuaren os seus estudos e a nota de acceso ponderada para aquelas persoas que os comezaren.
  3. As materias de libre elección de oferta xeral só poderán ter carácter cuadrimestral.
  4. Nas materias de oferta xeral non poderá, agás nos centros adscritos, figurar ningunha restrición no seu acceso.

Artigo 5. Seminarios e actividades académicas que se ofrecen para a libre elección

  1. Tal como se establece nas directrices xerais comúns dos planos de estudo dos títulos de carácter oficial, as universidades poderán determinar en cada curso aquelas actividades académicas que constituíren obxecto de libre elección.
  2. Para o recoñecemento de créditos por seminarios e por actividades académicas que se ofrecen para a libre elección, rexerá o que se dispón nos capítulos III e IV.

CAPÍTULO III. RECOÑECEMENTO DE CRÉDITOS DE LIBRE ELECCIÓN

Artigo 6. Recoñecemento de créditos por seminarios e actividades académicas

  1. O estudantado da UDC poderá obter créditos de libre elección pola realización de diversas actividades formativas que foren consideradas de interese polos centros, polos departamentos, polas unidades ou polos servizos, independentemente de seren ou non organizadas por eles.
  2. O número total de créditos que poderá obter un/unha alumno/a polo total de seminarios, de cursos, de xornadas, de congresos, de actividades formativas no ámbito da educación física ou deportiva e de presentación de comunicacións e relatorios, dos artigos 7 e 8 será, como máximo, do 25%1 dos créditos de libre elección que o/a alumno/a puideren cursar2.
  3. O recoñecemento de créditos polos títulos dos ensinos de música, danza e arte dramática non require que estes estudos se cursasen mentres os alumnos están matriculados na UDC3. Só se condiciona a estadía simultánea na UDC para o recoñecemento de créditos para o resto de actividades4.
  4. Non se recoñecerán, en ningún caso, créditos de libre elección polos estudos de posgrao, nin por partes ou módulos deles, nin por ningunha outra actividade que vaia dirixida fundamentalmente a alumnos titulados.

 Artigo 7. Os cursos, os seminarios, as xornadas e mais os congresos e outras actividades formativas5

  1. Inclúense neste apartado:
    1. Os cursos, os seminarios, as xornadas e os congresos que organiza, imparte e/ou avale6 a UDC (centros, departamentos, institutos universitarios, profesorado ou asociacións de estudantes), outras universidades, institucións públicas ou entidades privadas. O número de créditos será o que establecer a Comisión de Planos de Estudos para cada caso, cun máximo de 3 créditos por curso ou seminario. No caso de entidades privadas, esixirase o aval do/da decano/a ou director/a do centro ou do departamento, unha vez que se consulte a comisión académica/docente do centro ou, se for o caso, a comisión permanente do departamento.
    2. Os cursos de verán de todas as universidades españolas, incluídos os cursos de verán da UIMP, cun máximo de 2 créditos por curso7.
    3. A realización, baixo tutela académica, de actividades de formación no ámbito da actividade física ou deportiva8.
  2. O número de créditos que conceder a Comisión de Planos de Estudos (C.P.E.) por este motivo realizarase de acordo cos seguintes criterios:
    1. Non se recoñecerá ningún crédito por cursos cuxa duración for de menos de 10 horas lectivas.
    2. Para cursos, seminarios, cursos de verán, xornadas e congresos de polo menos 10 horas de duración, establécese que:
      • se o curso, o seminario, a xornada ou o congreso, tiver carácter nacional e unicamente proporciona certificado de asistencia, 1 crédito = 15 horas lectivas, cun máximo de 2 créditos;
      • se o curso, o seminario, a xornada ou o congreso, tiver carácter internacional ou, de ter carácter nacional, proporciona certificado de asistencia e aptitude aos participantes, 1 crédito = 10 horas lectivas cun máximo de 3 créditos, sempre que se xustificar o carácter internacional ou se presentar unha avaliación positiva.
  3. O número de créditos que se obtiveren por actividades de formación no ámbito da actividade física ou deportiva realizarase co criterio de 1 crédito = 15 horas.

Artigo 8. Presentación de comunicacións e relatorios en congresos

  1. No caso de presentación, non só de asistencia, de comunicacións e relatorios en congresos poderanse recoñecer créditos de libre elección.
  2. As condicións para obter créditos de libre elección por comunicacións e relatorios en congresos son:
    1. a comunicación ou o relatorio realizarase baixo a supervisión ou a tutela9 dun profesor da UDC; este profesor acreditará a realización da tutela ou supervisión así como a calidade do traballo;
    2. deberá achegarse un documento acreditativo da participación no congreso10.
  3. O número de créditos que un alumno pode obter por comunicación ou relatorio é de 1, co máximo de 3 por este concepto.

Artigo 9. Participación en competicións deportivas oficiais da UDC, autonómicas, nacionais ou internacionais

  1. Dada a importancia do deporte universitario, recoñeceranse créditos de libre elección pola participación en competicións deportivas oficiais e realizarase directamente no centro onde o/a alumno/a cursar os seus estudos.
  2. Para o recoñecemento dos créditos será preciso presentar un certificado que acreditar a participación11 na competición12.
  3. O número de créditos que se obtiveren por este motivo, realizarase co criterio de:
    1. competicións universitarias, autonómicas e nacionais: 2 créditos
    2. competicións internacionais: 3 créditos
  4. O máximo número de créditos que un alumno pode obter por este concepto é o 15% dos de libre elección que establecer o plano de estudos da súa titulación.

Artigo 10. Colaboración en actividades académicas organizadas por centros, servizos ou unidades da UDC

  1. Recoñeceranse créditos de libre elección pola colaboración en actividades académicas que organizar un centro, un servizo ou unha unidade da UDC.
  2. Para a obtención de créditos de libre elección pola colaboración en actividades académicas, é preciso que esta veña avalada por un departamento, un centro, un servizo ou unha unidade da UDC e presentarlle á Comisión de Planos de Estudos unha memoria explicativa13 da actividade que se vai realizar. Tamén será necesaria a certificación da participación por parte do centro, ou da vicerreitoría de que depender o servizo ou a unidade que organiza a actividade, en que figurará a actividade que realizar o/a alumno/a e o número de horas de colaboración.
  3. O número de créditos que se conceda será: 1 crédito por cada 15 horas de colaboración.
  4. O máximo número de créditos que un alumno pode obter por este concepto é o 15% dos de libre elección que establecer o plano de estudos da súa titulación.

Artigo 11. Cursos de formación da Aula de Informática

  1. Por cada curso da Aula de Informática, o número de créditos que se conceder responderá á equivalencia 1 crédito = 10 horas.
  2. Poderase recoñecer ata un máximo do 50% de créditos que o/a alumno/a tiver que cursar dos que esixir o plano de estudos da súa titulación. Estes cursos quedan excluídos do límite do 25% que está establecido para o recoñecemento de créditos de libre elección por cursos, seminarios, xornadas e congresos.
  3. Para o recoñecemento de créditos por este tipo de cursos será necesaria, ademais da asistencia, a superación das probas correspondentes, que debe quedar acreditada no diploma de asistencia.

Artigo 12. Cursos do Centro de Linguas

  1. Por cada curso do Centro Linguas o número de créditos que se conceder responderá á equivalencia 1 crédito = 10 horas.
  2. Poderase recoñecer ata un máximo do 50% de créditos que o/a alumno/a teña que cursar dos esixidos no plano de estudos da súa titulación. Estes cursos quedan excluídos do límite do 25% que se establece para o recoñecemento de créditos de libre elección por cursos, seminarios, xornadas e congresos.
  3. Para o recoñecemento de créditos por este tipo de cursos será necesaria, ademais da asistencia, a superación das probas correspondentes, que debe quedar acreditada no diploma de asistencia14.

Artigo 13. Cursos da Escola Oficial de Idiomas e de institucións dunha natureza análoga15

  1. Cursos da Escola Oficial de Idiomas (E.O.I.), para calquera dos idiomas que se impartan con carácter oficial:
    1. Recoñeceranse créditos de libre elección para as certificacións dos distintos niveis, mais non se recoñecerán créditos por cursos soltos.
    2. Non se recoñecerán créditos de libre elección polo certificado de nivel básico cando coincida co idioma que foi estudado no bacharelato ou cando este for validado (por calquera motivo polo que se concedese a validación)16.
    3. En tanto non se producir a implantación das novas certificacións da EOI, para os certificados dos niveis actuais recoñeceranse os seguintes créditos de libre elección:
      • certificado de ciclo elemental: 6 créditos
      • certificado de aptitude: 9 créditos
      • O número de créditos que se obteñan por cada un dos certificados non ten carácter acumulable17.
    4. O recoñecemento de créditos de libre elección para os novos certificados da E.O.I. realizarase de acordo coa seguinte equivalencia:
      • certificado de nivel básico: 6 créditos
      • certificado de nivel intermedio: 7,5 créditos
      • certificado de nivel avanzado: 9 créditos
      • O número de créditos que se obteñan por cada un dos certificados non ten carácter acumulable.
  2. Poderanse obter créditos de libre elección pola presentación de certificados que foren expedidos polas seguintes institucións: Alliance Française18, Institut Français, Instituto Italiano di Cultura, British Council19, Goethe Institut20. Para que se teña dereito ao recoñecemento de créditos de libre elección é preciso teren as institucións o recoñecemento oficial dos seus respectivos países.
  3. A Comisión de Planos de Estudos establecerá a equivalencia entre os certificados que foren expedidos por estas institucións e os da E.O.I. e concederá o número de créditos que corresponder a cada nivel ou ciclo e non se poderán obter créditos por unidades ou por cursos soltos.
  4. Queda excluído do recoñecemento automático de créditos de libre elección polos estudos dos idiomas que se realizar na Escola Oficial de Idiomas ou noutras institucións dunha natureza análoga, o alumnado das licenciaturas de Filoloxía, con respecto aos idiomas que forman parte obrigatoriamente dos seus correspondentes planos de estudos.
  5. Poderase recoñecer ata un máximo do 50% dos créditos que o/a alumno/a teña que cursar dos que establece o correspondente plano de estudos.

Artigo 14. Diplomas ou títulos homologados por ensinos de música e danza21

  1. Por estudos en que se obtiver o correspondente título homologado, recoñeceranse os créditos que se especifican a continuación:
    1. Polo título de grao medio: 6 créditos
    2. Polo título de grao superior: 9 créditos
  2. O número de créditos que se obteñan por cada un dos graos non ten carácter acumulable.
  3. Poderase recoñecer ata un máximo do 50% dos créditos que o/a alumno/a tiver que cursar dos establecidos no correspondente plano de estudos.

Artigo 15. Diplomas ou títulos de Arte Dramática

  1. Polo título de grao superior de Arte Dramática: 9 créditos.
  2. Por este concepto poderase validar ata un máximo do 50% dos créditos que o alumnado tiver que cursar, segundo o que establecer o correspondente plano de estudos.

Artigo 16. Realización de prácticas tuteladas en empresas ou institucións para titulacións en que estas prácticas non estean reguladas no plano de estudos

  1. Recoñeceranse créditos de libre elección por prácticas en empresas ou en institucións sempre que se subscribir o correspondente convenio e o/a alumno/a superar o 50% dos créditos da titulación que estiver a cursar22.
  2. Inclúense neste punto todos os supostos de prácticas en empresas que non aparecen regulados no plano de estudos dunha titulación ou para os que ese plano de estudos non estableza as equivalencias correspondentes23.
  3. Para o recoñecemento de créditos é preciso que o convenio de colaboración se realizar a través dos seguintes organismos:
    1. un centro (facultade ou escola) da UDC
    2. o servizo de Orientación Laboral da UDC
    3. o Consello Social da UDC
    4. a Fundación Universidade da Coruña (FUAC)
  4. No convenio deberá figurar:
    1. o número de horas de prácticas que o alumno realizou na empresa, así como a equivalencia a créditos de libre elección;
    2. un titor por parte da empresa e/ou pola outra parte que subscribir o convenio (centro, Servizo de Orientación Laboral, Consello Social ou FUAC).
  5. Ao finalizar as prácticas o/a alumno/a deberá presentar unha memoria acreditativa das actividades que realizou, que deberá ser avalada polo titor ou titores que figuraren no convenio.
  6. A equivalencia será:
    1. 3 créditos = 1 mes de prácticas (100 horas)
    2. 4 créditos = 1 mes de embarque (prácticas en buques)
  7. O número máximo de créditos que se poderán obter por este concepto será de 15 créditos no caso de prácticas en empresas e 12 no de prácticas en buques.

CAPÍTULO IV. PROCEDEMENTO PARA SOLICITAR O RECOÑECEMENTO DE CRÉDITOS DE LIBRE ELECCIÓN

Artigo 17. Funcións da Comisión de Planos de Estudos relacionadas coa libre elección

Son funcións da Comisión de Planos de Estudos, entre outras:

  1. avaliar as peticións de ofertas de seminarios, de cursos, de xornadas e doutras actividades académicas e, baseándose nelas, efectuar a proposta anual/semestral da UDC para este tipo de actividades;
  2. supervisar a calidade das actividades que ofrece a UDC.

Artigo 18. Procedemento para a solicitude de recoñecemento de créditos de libre elección por cursos, seminarios, congresos e outras actividades formativas24

  1. Para os cursos, os seminarios, os cursos de verán, as xornadas e os congresos que se vaian realizar, as peticións de concesión de créditos de libre elección débenas realizar os seus organizadores ou os seus promotores á Vicerreitoría de Organización Académica, que as trasladará á Comisión de Planos de Estudos.
  2. Na petición é preciso achegar a seguinte documentación25:
    1. o impreso de solicitude de concesión de créditos;
    2. a denominación do curso, do seminario, da xornada ou do congreso que se for realizar;
    3. a entidade ou entidades organizadoras;
    4. a persoa responsable académica da súa realización;
    5. o aval do decano/director do centro ou departamento, se for o caso;
    6. o número de horas e o número de créditos de libre elección que se solicitaren;
    7. unha breve descrición do seu contido;
    8. o programa, as datas de realización e o horario detallado;
    9. o procedemento de control de asistencia, se for o caso
    10. o sistema de avaliación, se for o caso;
    11. se o curso, o seminario, o curso de verán, a xornada ou o congreso, tivo recoñecemento de créditos no curso anterior indicarase a súa denominación e o número de créditos que se lle concedeu.
  3. A Vicerreitoría de Organización Académica establecerá os prazos de cada unha das dúas convocatorias anuais de recepción de solicitudes, que se realizarán nos meses de setembro/outubro e marzo/abril. As solicitudes que se presentaren en cada unha das convocatorias trasladaranse á Comisión de Planos de Estudos, a partir de cuxa decisión se concretará e publicará a oferta de cursos, seminarios, cursos de verán, xornadas e congresos, que terán recoñecemento de créditos en cada curso académico.
  4. As persoas organizadoras dos cursos, dos seminarios, dos cursos de verán, das xornadas e dos congresos que tiveren recoñecemento de créditos de libre elección, deberán entregar ás persoas participantes un certificado ou un diploma en que constar, polo menos, a denominación da actividade, a data de realización, o número de horas, o número de créditos que se lle concedeu e, se for o caso, a cualificación que obtiveron.
  5. As peticións de incorporación ao expediente académico do recoñecemento de créditos de libre elección para cursos, seminarios, cursos de verán, xornadas e congresos xa realizados débena efectuar os/as alumnos/as nos centros directamente para o que achegarán a documentación seguinte:
    1. as datas de realización e o número de horas;
    2. o certificado26, a acreditación ou o diploma de asistencia que se require para cada caso;
    3. a avaliación ou a cualificación que se obtivese, se for o caso.
  6. Para o recoñecemento de créditos de cursos (incluídos os cursos de verán) doutras universidades é precisa a presentación de certificación de recoñecemento de créditos por esta universidade27; a incorporación ao expediente realizarase directamente no centro de acordo co criterio que se establece no artigo 7.1.a e 7.1.b do presente regulamento.

Artigo 19. Procedemento para a solicitude de recoñecemento de créditos de libre elección pola realización, baixo tutela académica, de actividades de formación no ámbito da actividade física ou deportiva

  1. As peticións de incorporación ao expediente académico do recoñecemento de créditos de libre elección por este motivo realizarase directamente no centro onde o/a alumno/a cursar os seus estudos. Para o recoñecemento dos créditos, a realización da actividade debe estar convenientemente acreditada pola Vicerreitoría de Estudantes ou pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación, mediante o modelo de acreditación que establece a C.P.E.

Artigo 20. Recoñecemento e incorporación ao expediente

  1. A Comisión de Planos de Estudos comunicaralles ás persoas responsables da actividade académica, cultural ou deportiva así como aos organizadores dos cursos, dos seminarios, das xornadas e dos congresos o número de créditos que se lle concedeu. Así mesmo facilitará, se for o caso, un modelo de acta en que deberá constar a cualificación do/a alumno/a.
  2. A incorporación dos créditos de libre elección recoñecidos por calquera das actividades que figuran no artigo 7.1 realizarase na matrícula dos dous cursos seguintes á realización da actividade, que será o período en que permaneza “viva” a oferta para esas actividades/cursos. Excepcionalmente, ao longo do mesmo curso en que se realiza unha actividade, poderanse incorporar ao expediente dun/dunha alumno/a os créditos de libre elección que se recoñecen por ela cando o/a alumno/a estiver en condicións de finalizar os seus estudos ou o primeiro ciclo destes, ou no caso de o/a alumno/a solicitar traslado para continuar os seus estudos noutra universidade. 
  3. Os créditos de libre elección por todas as actividades do Capítulo III figurarán no expediente do/da alumno/a como créditos recoñecidos, sen cualificación.
  4. O custo da matrícula pola incorporación de créditos de libre elección recoñecidos será o que establecer o correspondente decreto de prezos públicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

  1. Para o curso 2005/2006, e só no caso das materias optativas dun plano de estudos que se ofrecen a alumnado de diferentes titulacións e/ou planos de estudos, establécense os seguintes criterios e preferencias para a selección de alumnos/as:
    1. Titulación que se imparte no mesmo centro e no mesmo ciclo.
    2. Titulación que se imparte no mesmo campus e no mesmo ciclo.
    3. Expediente académico (que desempata nas preferencias anteriores).
    4. O alumnado de 1.º ciclo dunha titulación non poderá cursar materias de 2.º ciclo doutra titulación e/ou plano de estudos.
  2. Para as peticións de concesión de créditos de libre elección para cursos, seminarios, cursos de verán, xornadas e congresos que se recibisen na V.O.A. (Vicerreitoría de Organización Académica) con anterioridade ao 01/07/2005 serán de aplicación, transitoriamente, os criterios que seguiu a Comisión de Planos de Estudos, en anos anteriores.

DISPOSICIÓNS FINAIS

  1. A aprobación, tanto da relación de materias de libre elección, como do número de prazas que se ofertan en cada unha delas, correspóndelle ao Consello de Goberno da UDC.
  2. Para facilitar a matrícula dos/das alumnos/as elaborarase unha guía específica de materias de libre elección, que se publicará antes do inicio do período de matrícula e contará coa máxima información posible sobre estas materias. Unha vez publicada esta guía, non se admitirán variacións que supoñan unha modificación substancial nestas (cuadrimestres en que se imparten, horarios etc).
  3. Para os efectos da aplicación da presente normativa, as súas disposicións entrarán en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da UDC e quedarán derrogadas todas aquelas disposicións que ditaron os órganos da UDC, de rango inferior ou igual, que se opoñan ao disposto na presente normativa, excepto aquelas que son de xestión ou de procedemento.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións que ditaron os órganos da UDC, de rango inferior ou igual, que se opoñan ao disposto na presente normativa, excepto aquelas que son de xestión ou de procedemento. 

1O recoñecemento de créditos por enquisas de avaliación docente, estará incluído no 25% de cursos, xornadas, congresos… e a cantidade de créditos recoñecido será de 0,5 por cuadrimestre ou de 1 por curso completo. (Aclaración da Comisión de Planos de Estudos do 10 de abril de 2008).
2Enténdese que polas actividades do artigo 8, só se pode recoñecer un máximo de 3 créditos; ademais, polo conxunto de actividades dos artigos 7 e 8 o máximo de créditos que se recoñecen é o 25% dos de libre elección da titulación. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
3Refírese a que o alumno non ten que estar matriculado na UDC mentres realiza os cursos da Escola Oficial de Idiomas e institucións de análoga natureza, de arte dramática ou de música e danza. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
4En calquera titulación, non necesariamente na que está matriculado no momento en que fai a solicitude de recoñecemento de créditos. Se unha actividade se utiliza para recoñecer créditos nun primeiro ciclo ou nunha titulación de primeiro ciclo que dá acceso a outra (2.º ciclo), xa non se pode volver utilizar. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
5Segundo o acordo da Comisión de Planos de Estudos do 25 de novembro de 2005 inclúese neste apartado o recoñecemento dos cursos de formación en lingua galega regulados pola Orde de 1 de abril de 2005:
* Iniciación á lingua galega: 2 créditos de libre elección
* Perfeccionamento da lingua galega: 2 créditos de libre elección
6A Comisión de Planos de Estudos elaborará o modelo de aval que se publicará na web. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005). (VÉXNSE O ANEXO I E O ANEXO II).
7Cursos de verán: como criterio xeral consideraranse unicamente cursos de verán os que a UDC ou outras universidades oferten, certifiquen e recoñezan como tales. Todos os cursos da UIMP se consideran cursos de verán. Recoñecerase un máximo de 2 créditos por curso directamente no centro. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
8Por cursos de formación en actividades deportivas darase diploma só cando se cumpra o 80% de asistencia, recoñecéndose 1 ou 2 créditos dependendo da carga horaria. Pola participación en actividades das Escolas Deportivas da UDC darase diploma só cando se cumpra o 80% de asistencia, recoñecéndose 1 crédito por diploma. (Aclaración da Comisión de Planos de Estudos do 28 de novembro de 2005).
9A Comisión de Planos de Estudos elaborará o modelo de acreditación da tutela que deberá ser cuberto polo profesor que realizou a tutela. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005). (VÉXASE O ANEXO III).
10A acreditación da participación será a que expida a entidade organizadora (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
11O simple feito de estar federado non outorga por si só créditos de libre elección, pero un certificado onde apareza a participación como xogador/a nunha liga en concreto, asinado pola correspondente federación, si é suficiente para que á/ao alumna/o se lle recoñezan os ditos créditos, dentro do límite dun 15% pola titulación que está a cursar. (Aclaración ao Regulamento de libre elección da V.O.A.T. do 20 de xaneiro de 2009).
12O certificado a que se refire este artigo é o que expida o organizador da competición deportiva. Os créditos concédense pola participación; non é preciso alcanzar unha determinada clasificación. (Acordo da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
13A memoria explicativa débea realizar o centro, o servizo… que organiza a actividade. A Comisión de Planos de Estudos fixará o modelo de aval e de certificación da participación. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005). (VÉXASE O ANEXO IV).
14Os diplomas para recoñecer este % de créditos deben vir expedidos polo “Centro de Linguas” da UDC. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
15Inclúense neste apartado os diplomas outorgados polos cursos CELGA da Xunta de Galicia regulados pola Orde do 16 de xullo de 2007 que se refiren a continuación:
* CELGA 1 ou CELGA 2: 6 créditos de libre elección
* CELGA 3 ou CELGA 4: 7,5 créditos de libre elección
* CELGA 5: 9 créditos de libre elección
(O número de créditos que se obteñan por cada un destes títulos recoñecidos non ten carácter acumulable).
16Débese comprobar o idioma que os alumnos cursaron no bacharelato á hora de recoñecer créditos de libre elección, só para os certificados da Escola Oficial de Idiomas regulados polo Real decreto 1629/2006 do 29 de decembro. Enténdese que en tanto non se implanten estes novos certificados, haberá só dous niveis: elemental (6 créditos) e aptitude (9 créditos) que se recoñecen calquera que fose o idioma que se cursou no bacharelato. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
17Dado que os créditos non son acumulativos, cando se presente un certificado de nivel superior só se recoñecerá un número de créditos igual á diferenza entre os correspondentes ao certificado de nivel superior e os que corresponden ao certificado de nivel inferior. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
18Acordo da Comisión de Planos de Estudos sobre concesión de créditos a estes diplomas (Acordo do 25-11-2005). VÉXASE O ANEXO V.
19Segundo o acordo da C.P.E na súa sesión do 17 de marzo de 2009, os cursos de inglés impartidos polo British Council terán o seguinte recoñecemento:
* Niveis A2 ou B1: 6 créditos
* Niveis B2 ou C1: 7.5 créditos
* Niveis C2: 9 créditos
(O número de créditos que se obteñan por cada un destes certificados recoñecidos, non ten carácter acumulable).
20Segundo o acordo da C.P.E na súa sesión do 19 de xullo de 2007, os certificados e diplomas do Instituto Goethe realizaranse de acordo coa seguinte equivalencia:
* Niveis A2 ou B1: 6 créditos
* Niveis B2 ou C1: 7.5 créditos
* Niveis C2: 9 créditos
(O número de créditos que se obteñan por cada un destes certificados recoñecidos non ten carácter acumulable).
21Na sesión da Comisión de Planos de Estudos do 16 de abril de 2007 acordouse que aos alumnos que posúan estudos superiores de Artes Plásticas e de Deseño, na especialidade correspondente, se lles poderán validar a titulación completa por 6 créditos de libre configuración.
22No caso de titulacións de 2.º ciclo (con só dous cursos), para estes efectos enténdese que un alumno superou o 50% dos créditos da titulación cando ten aprobado o primeiro curso completo. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
23Se o plano de estudos dunha titulación establece criterios de recoñecemento de créditos por equivalencias a materias troncais, obrigatorias, optativas ou créditos de libre elección, o que rexe é o que estea establecido no plano de estudos. Este artigo só se aplica no caso de ausencia de regulación no plano de estudos; é dicir, cando o plano non di nada ou cando unicamente especifica que se recoñecerán créditos por prácticas en empresas. A selección previa dos alumnos realizaraa a entidade ou a institución que regule o convenio: centro, servizo de orientación laboral, Consello Social ou FUAC. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
24O procedemento de incorporación ao expediente establecido neste artigo refírese aos cursos, seminarios e actividades descritos nos artigos 7.1.a e 10. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
25A Comisión de Planos de Estudos establecerá o modelo de solicitude e elaborará un modelo de aval. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005). (VÉXANSE OS ANEXOS I, II E IV).
26Os alumnos deberán presentar un certificado de asistencia ao curso, en que deben figurar as datas e as horas, e se for o caso, a avaliación. (Acordo da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).
27“Esta universidade” refírese á universidade que expide a certificación. (Aclaración da V.O.A. do 11 de xullo de 2005).

ANEXOS

ANEXO I: Solicitude de recoñecemento de créditos de libre elección cursos, congresos e seminarios organizados por profesores, asociacións de alumnos, centros, departamentos ou institutos da UDC

ANEXO II: Solicitude de recoñecemento de créditos de libre elección cursos, congresos, seminarios e actividades académicas organizados por entidades

ANEXO III: Modelo para acreditación da tutela do profesorado da UDC a comunicacións e relatorios en congresos

ANEXO IV: Solicitude de recoñecemento de créditos de libre elección colaboración en actividades académicas

ANEXO V