Real decreto 778/1998, do 30 de abril, que regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención de expedición do título de doutor e outros estudos de posgrao

O Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, que regula o terceiro ciclo de estudos universitarios e a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos posgraduados, ditado en desenvolvemento do establecido no artigo 31 da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, modificado parcialmente e completado polos Reais decretos 1561/1985, do 28 de agosto; 1397/1987, do 13 de novembro; 537/1988, do 27 de maio; 823/1989, do 7 de xullo, e polo Real decreto 86/1987, do 16 de xaneiro, que regula as condicións de homologación de títulos estranxeiros de educación superior, constitúe o marco co que se pretenden alcanzar os grandes obxectivos establecidos pola citada Lei orgánica, entre outros, os de formar os novos investigadores e preparar equipos de investigación que poidan afrontar con éxito o reto que supoñen as novas ciencias, técnicas e metodoloxías; impulsar a formación do profesorado, e perfeccionar o desenvolvemento profesional, científico, técnico e artístico dos titulados superiores.

A experiencia adquirida nos trece anos da súa vixencia aconsella profundar en determinados aspectos cos que tratar de alcanzar mellor os obxectivos trazados pola repetida Lei orgánica.

En primeiro lugar, primando selectivamente os programas de calidade e de experimentación e apoiando os programas interuniversitarios, interdepartamentais ou interdisciplinares, así como a mobilidade estudantil.

Para logralo proponse un número mínimo de alumnos por programa e establécense mecanismos para a planificación conxunta e a avaliación da calidade dos citados programas, dentro do maior respecto á autonomía universitaria.

En segundo lugar, e ao tempo que se potencian as atribucións das Comisións de Doutoramento, mantense o número de cursos e de créditos por programa, establecendo un número mínimo por curso para evitar a atomización das ensinanzas.

A totalidade de créditos do programa estará dividida en dous períodos: o primeiro deles constituirá o período de docencia e o segundo o período de investigación tutelado, e terán como finalidade a especialización do estudante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación en técnicas de investigación.

Ao remate do primeiro dos períodos, expedirase un certificado homologable en toda a universidade española, cunha valoración global que acreditará que o interesado superou a fase de docencia.

Ao remate do segundo dos indicados períodos, expedirase un certificado-diploma acreditativo dos estudos avanzados realizados polo interesado, que, sen solaparse cos estudos de posgrao, permitirá a funcionalidade múltiple do doutoramento, favorecerá a saída voluntaria dos que non desexen seguir a tese, diminuirá o fracaso escolar no terceiro ciclo e substituirá con vantaxe a actual suficiencia investigadora.

O mencionado certificado-diploma suporá para quen o obteña o recoñecemento ao labor realizado nunha determinada área de coñecemento, acreditará a súa suficiencia investigadora, e será homologable en toda a universidade española.

En terceiro lugar, establecendo o recoñecemento académico das actividades formativas do terceiro ciclo, encomendando á universidade a posible determinación duns límites prudenciais á actividade docente total do departamento e á dedicación do profesorado ás materias do terceiro ciclo, para evitar unha dedicación excesiva a este.

En cuarto lugar, trátase de conseguir un maior rigor científico da tese, por unha parte, garantindo a independencia e competencia científica dos membros do tribunal e, por outra, dividíndoa en dúas fases: exame/discusión previa da memoria e acto público de lectura/cualificación. Ao mesmo tempo, amplíase o abano de cualificacións da tese e elimínase o prazo máximo para a súa presentación.

En quinto lugar, reducindo a un por universidade o número de denominacións do título de doutor, evitando así que se consideren prolongacións dos títulos de segundo ciclo, con validez profesional, se ben facendo figurar neste, tanto a denominación do previo título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro ou equivalentes ou homologados a eles de que estivese en posesión o interesado, como a universidade, lugar e data de expedición del. Tamén o programa de doutoramento e a denominación do departamento responsable del.

Finalmente, tratando de establecer unha clara diferenciación, tanto polos seus obxectivos, como pola súa metodoloxía e contidos, entre doutoramento, títulos oficiais de especialización profesional e cursos de posgrao.

As numerosas normas que, como vimos ao principio, afectan aos estudos de doutoramento e as así mesmo numerosas innovacións que se introducen nelas, aconsellan incorporar todo iso nun texto único que facilite a súa consulta.

Na súa virtude, por proposta da Ministra de Educación e Cultura, tras a proposta do Consello de Universidades, de acordo co Consello de Estado e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 30 de abril de 1998,

DISPOÑO:

Artigo 1. Requisitos para a obtención do título de doutor.

  1. Para a obtención do título de doutor será necesario estar en posesión de título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente ou homologado a eles, e, conforme ao disposto neste Real decreto:
    1. Realizar e aprobar os cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados do programa de doutoramento correspondente.
    2. Presentar e aprobar unha tese de doutoramento consistente nun traballo orixinal de investigación.
  2. As universidades establecerán as formas de realización dos programas de doutoramento e o procedemento para os últimos parágrafos da letra a) do apartado 1 e do apartado 2 do artigo 6, e do título de doutor, de acordo cos criterios que se establecen neste Real decreto.

Artigo 2. Os cursos ou programas de doutoramento.

  1. Os estudos de terceiro ciclo conducentes á obtención do título de doutor realizaranse baixo a supervisión e responsabilidade académica dun departamento.
  2. Os cursos ou programas de doutoramento comprenderán, polo menos, dous anos e terán como finalidade a especialización do estudante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación nas técnicas de investigación, todo iso en orde á presentación e lectura da correspondente tese de doutoramento, sen prexuízo do establecido nos últimos parágrafos da letra a) do apartado 1 e do apartado 2 do artigo 6.
  3. Os programas de doutoramento serán propostos e coordinados por un departamento universitario, que se responsabilizará destes. Para cada programa de doutoramento, o departamento especificará os cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados que se realizarán baixo a súa dirección e os que se desenvolvan baixo a dirección doutros departamentos.
    Así mesmo, poderán desenvolverse tamén cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados, sempre baixo a responsabilidade académica do departamento correspondente, en institutos universitarios, noutras universidades, no Consello Superior de Investigacións Científicas, nos organismos públicos ou privados de investigación -ou noutras entidades de natureza análoga nacionais ou estranxeiras, para o cal deberán subscribirse os oportunos convenios entre as universidades e as indicadas institucións.
  4. Os institutos universitarios, de acordo coas normas estatutarias das universidades respectivas, poderán, igualmente, propor e coordinar programas de doutoramento baixo a dirección académica dun ou máis departamentos.
  5. Cada departamento poderá desenvolver os programas de doutoramento propios e interdepartamentais que a universidade lle autorice en función do número de profesores doutores agrupados nel. O número de alumnos por programa non poderá ser inferior a dez.
  6. Recoñécense academicamente as actividades formativas do doutoramento. Non obstante, o número total de clases ou titorías de traballos de investigación de doutoramento por departamento poderá estar suxeito á porcentaxe da actividade docente total deste que determine a universidade, e á porcentaxe da actividade docente máxima por profesor que interveña que sinale ela.
  7. As administracións públicas poderán habilitar orzamentos especiais para o financiamento selectivo de programas de doutoramento de calidade, interdisciplinares ou interuniversitarios.
    As administracións educativas correspondentes fomentarán convenios coas universidades co fin de facilitar a organización de estudos de terceiro ciclo destinados aos titulados superiores, con títulos que fosen declarados, na forma legalmente procedente, equivalentes aos sinalados no parágrafo primeiro do apartado 1 do artigo 1 anterior.
  8. As Subcomisións de Avaliación das Ensinanzas Universitarias, constituídas no Consello de Universidades conforme ao establecido na disposición adicional segunda do Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, sobre directrices xerais comúns dos planos de estudos dos títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, tendo en conta as funcións que lles atribúe a citada disposición adicional, periodicamente, avaliarán o contido científico, técnico ou artístico dos programas de doutoramento das universidades, remitindo á Comisión Académica de dito Consello de Universidades suxestións para a súa actualización, así como o cumprimento por aquelas dos criterios que se establecen no presente Real decreto, co fin de que se adopten as iniciativas que, se for o caso, correspondan. Para tal efecto, as Comisións de Doutoramento ou órganos equivalentes das distintas universidades, anualmente, remitirán a ditas subcomisións un informe cuantificado do desenvolvemento do terceiro ciclo no seu ámbito.

Artigo 3. Contido dos programas de doutoramento.

  1. Os programas de doutoramento deberán comprender:
    1. Cursos ou seminarios sobre os contidos fundamentais dos campos científico, técnico ou artístico aos que estea dedicado o programa de doutoramento correspondente.
    2. Cursos ou seminarios relacionados coa metodoloxía e formación en técnicas de investigación.
    3. Traballos de investigación tutelados.
    4. Cursos ou seminarios relacionados con campos afíns ao do programa e que sexan de interese para o proxecto de tese de doutoramento do doutorando.
    A obtención dos créditos asignados aos citados cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados requirirá a cualificación de aprobado, notable ou sobresaliente.
  2. A Comisión de Doutoramento a que se refire o artigo 4, por proposta dos correspondentes departamentos, asignará a cada un dos cursos e seminarios, así como aos traballos de investigación tutelados, dos programas de doutoramento organizados pola universidade, un número de créditos, atendendo á duración destes e tendo en conta que cada crédito asignado deberá corresponder a dez horas lectivas.

Artigo 4. A Comisión de Doutoramento.

  1. En cada universidade, segundo establezan os respectivos Estatutos, existirá, ao menos, unha Comisión de Doutoramento, formada por profesores doutores dos corpos docentes universitarios que teñan recoñecido, como mínimo, un sexenio de investigación, que desempeñará as funcións que lle atribúe o presente Real decreto.
  2. A Comisión de Doutoramento, de acordo co establecido nos estatutos da respectiva universidade, determinará, en función dos contidos de cada curso, seminario ou período de investigación tutelado do doutoramento, e sen prexuízo do establecido no segundo inciso do apartado 5 do artigo 2, o número mínimo de alumnos de terceiro ciclo que deberán realizalos para que estes poidan celebrarse.
  3. A Comisión de Doutoramento de cada universidade, por proposta dos correspondentes departamentos, aprobará e publicará, coa suficiente antelación, a relación de programas de doutoramento para o ano académico seguinte, con indicación dos cursos e seminarios e períodos de investigación tutelados correspondentes a cada programa e do departamento responsable del. En dita relación especificarase tamén o número de prazas existentes en cada programa, o período lectivo e os créditos asignados aos cursos, seminarios e períodos de investigación tutelados que o compoñan, así como o contido deles.
  4. Cada universidade enviará a relación de programas de doutoramento ao Consello de Universidades, que o remitirá ás restantes universidades, para o seu coñecemento e publicidade.

Artigo 5. Acceso aos estudos de doutoramento.

  1. Os aspirantes poderán acceder a calquera programa de doutoramento relacionado cientificamente co seu currículo universitario e en calquera universidade tras a admisión efectuada, conforme ao disposto no apartado seguinte deste artigo.
    En caso de que o aspirante solicite o acceso a un programa de doutoramento distinto aos establecidos no parágrafo anterior, a Comisión de Doutoramento resolverá, previamente á admisión, sobre a posibilidade de acceso aos estudos correspondentes.
  2. A admisión dos aspirantes aos programas de doutoramento efectuarana os departamentos responsables da súa dirección, conforme aos criterios de valoración de méritos que estableza a universidade.
  3. Os doutorandos terán asignado un titor, necesariamente doutor, que se responsabilizará dos seus estudos e traballos de investigación e que deberá ser membro do departamento ou instituto universitario que coordine o programa de doutoramento que realice.

Artigo 6. Recoñecemento de suficiencia investigadora.

  1. Previamente á defensa da tese de doutoramento, o doutorando deberá obter un mínimo de 32 créditos no programa a que estea adscrito, distribuídos en dous períodos da forma seguinte.
    1. No período de docencia deberá completar un mínimo de 20 créditos. En todo caso, polo menos 15 deles deberán corresponder a cursos ou seminarios dos recollidos no apartado 1. a) do artigo 3.
      Os cursos ou seminarios a que se refire o parágrafo anterior terán un número de créditos por curso non inferior a tres.
      O doutorando poderá completar ata un máximo de cinco créditos realizando cursos ou seminarios non recollidos no seu programa, logo de autorización do titor.
      A superación dos créditos sinalados no primeiro parágrafo deste apartado a) dará dereito á obtención por parte do doutorando dun certificado, global e cuantitativamente valorado, que acreditará que o interesado superou o curso de docencia do terceiro ciclo de estudos universitarios. Este certificado será homologable en todas as universidades españolas.
    2. No período de investigación deberá completar un mínimo de 12 créditos, que se investirán necesariamente no desenvolvemento dun ou varios traballos de investigación tutelados a realizar dentro do departamento ou dun dos departamentos que desenvolvan o programa ao que estea adscrito o doutorando. Para cursar este período de investigación será necesario que se completara o mínimo de 20 créditos de docencia a que se refire a letra a) deste apartado.
      A superación deste segundo período esixirá a previa presentación e aprobación do traballo ou traballos de investigación antes mencionados, valorándose a capacidade investigadora do candidato en función do traballo ou traballos realizados e, se for o caso, das publicacións especializadas en que puideren ser publicados.
  2. Unha vez superados ambos períodos, farase unha valoración dos coñecementos adquiridos polo doutorando, nos distintos cursos, seminarios e período de investigación tutelado realizados por este, nunha exposición pública que se efectuará ante un tribunal único para cada programa.
    Este tribunal, proposto polo departamento ou departamentos que coordinen e sexan responsables do programa e aprobado pola Comisión de Doutoramento, estará formado por tres membros doutores, un dos cales será alleo ao departamento ou departamentos antes indicados, podendo ser doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas. Un dos membros deste tribunal, que ha de ser catedrático de universidade, actuará de presidente.
    A superación desta valoración garantirá a suficiencia investigadora do doutorando e permitirá a obtención dun certificado-diploma acreditativo dos estudos avanzados realizados, que suporá para quen o obteña o recoñecemento ao labor realizado nunha determinada área de coñecemento, acreditará a súa suficiencia investigadora, e será homologable en todas as universidades españolas. Se houber varias áreas de coñecemento, o traballo ou traballos de investigación e, polo tanto, o certificado-diploma, deberá vincularse a unha delas.

Artigo 7. A tese de doutoramento.

  1. Quen, cumprindo o establecido no artigo anterior, aspire á obtención do título de doutor, deberá presentar e obter a aprobación da correspondente tese de doutoramento, tendo en conta o preceptuado nos artigos 8 e 10.
  2. A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación sobre unha materia relacionada co campo científico, técnico ou artístico propio do programa de doutoramento realizado polo doutorando.
  3. Para ser director de tese será necesario estar en posesión do título de doutor e ter vinculación permanente ou temporal co departamento ou instituto universitario que coordine o programa de doutoramento. Calquera outro doutor (incluídos o persoal vinculado a outras universidades e os pertencentes ás escalas de personal investigador dos organismos públicos de investigación a que se refire o artigo 13 da Lei 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e igualmente os do Instituto de Astrofísica de Canarias) poderá ser director de tese, tras o acordo da Comisión de Doutoramento. Todo iso sen prexuízo do disposto no artigo 2.1.
  4. O doutorando presentará, antes de rematar o programa de doutoramento, un proxecto de tese de doutoramento avalado polo director ou directores dela. O departamento decidirá sobre a admisión de dito proxecto, na forma establecida nos estatutos.

Artigo 8. Admisión a trámite de lectura da tese de doutoramento.

  1. Rematada a elaboración da tese de doutoramento, o director ou directores autorizarán a súa presentación. Esta autorización deberá unirse á tese de doutoramento para a súa posterior tramitación.
    Cando o director da tese non sexa profesor do departamento ou instituto universitario que coordine este, o titor ratificará mediante escrito razoado, a autorización do director para a súa presentación.
  2. A tese de doutoramento, logo de conformidade do departamento responsable, presentarase á Comisión de Doutoramento e esta á súa vez comunicarao a todos os departamentos ou institutos universitarios da súa universidade.
  3. Ao presentar a tese de doutoramento, o doutorando deberá entregar dous exemplares desta na Secretaría Xeral, que quedarán en depósito durante o tempo que fixe a universidade, un en dita Secretaría Xeral e outro no departamento responsable da tese. Calquera doutor poderá examinalos e, se for o caso, dirixir por escrito á Comisión de Doutoramento as consideracións que estime oportuno formular.
    Cando a natureza do traballo da tese de doutoramento non permita a súa reprodución, o requisito da entrega de exemplares a que se refire o parágrafo anterior quedará cumprido co depósito do orixinal na Secretaría Xeral da universidade.
  4. Transcorrido o tempo de depósito a que fai referencia o apartado anterior, a Comisión de Doutoramento, á vista dos escritos recibidos e tras a consulta ao departamento e aos especialistas que estimar oportunos, decidirá se se admite a tese a trámite ou se, polo contrario, procede retirala.
  5. Admitida a trámite a tese, o director do departamento correspondente, solicitará da Comisión de Doutoramento, oído o director da tese, a designación do tribunal que ha de a xulgar.

Artigo 9. O tribunal de lectura da tese de doutoramento

  1. O tribunal encargado de xulgar a tese de doutoramento será designado pola Comisión de Doutoramento, de entre dez especialistas na materia a que se refire a tese ou noutra que garde afinidade con ela, propostos polo departamento correspondente, oídos o director da tese e os especialistas que dita Comisión estime oportuno consultar.
    A proposta do departamento a que se refire o parágrafo anterior irá acompañada dun informe razoado sobre a idoneidade de todos e cada un dos membros propostos para constituír o tribunal.
  2. O tribunal estará constituído por cinco membros titulares e dous suplentes, todos eles doutores, españois ou estranxeiros, vinculados a universidades ou organismos de ensino superior ou investigación. Deles non poderá haber máis de dous membros do mesmo departamento, ni tres da mesma universidade.
    Os profesores pertencentes aos corpos docentes universitarios poderán formar parte dos tribunais de teses de doutoramento aínda que se atopen en calquera das modalidades da situación de excedencia e xubilados.
    En ningún caso poderán formar parte do tribunal o director da tese nin o titor, salvo os casos de teses presentadas en programas de doutoramento conxuntos con universidades estranxeiras, en virtude dos correspondentes convenios.
  3. O presidente e o secretario do tribunal nomeraranse conforme establezan as normas estatutarias de cada universidade.

Artigo 10. Lectura da tese de doutoramento.

  1. Unha vez designado e constituído o tribunal a que se refire o artigo 9, a Comisión de Doutoramento fixará un prazo para que o doutorando faga chegar aos membros de dito tribunal, xunto co seu currículo, a tese que ha de ser xulgada.
    A partir dese momento, os membros do tribunal disporán dun mes para enviar á Comisión de Doutoramento un informe individual e razoado no que se valore a tese e se aprobe ou desaprobe esta. Á vista dos informes, a Comisión de Doutoramento disporá se procede ou non a defensa pública ou, se for o caso, a interrupción da súa tramitación, remitindo ao doutorando as observacións que sobre ela estima pertinentes.
    A Comisión de Doutoramento poderá chamar ao director da tese de doutoramento antes de decidir sobre o trámite a que se refire o parágrafo anterior, co fin de obter a información que se considerar oportuna para fundamentar a decisión.
  2. Unha vez que a Comisión de Doutoramento denegue a realización do trámite de defensa da tese de doutoramento, ou despois da súa defensa, o doutorando poderá solicitar certificación literal dos informes aos que se refire o apartado 1 deste artigo.
  3. O acto de mantemento e defensa da tese de doutoramento terá lugar en sesión pública durante o período lectivo do calendario académico e anunciarase coa debida antelación.
  4. A defensa da tese de doutoramento consistirá na exposición polo doutorando do labor preparatorio realizado, contido da tese e conclusións, facendo especial mención das súas achegas orixinais.
  5. Os membros do tribunal deberán expresar a súa opinión sobre a tese presentada e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, que o doutorando terá que contestar.
    Así mesmo, os doutores presentes no acto público poderán formular cuestións e obxeccións e o doutorando responder, todo iso no momento e forma que sinale o presidente do tribunal.
  6. Rematada a defensa da tese, o tribunal concederá a cualificación de «non apto», «aprobado», «notable» ou «sobresaliente», tras a votación en sesión secreta.
    A xuízo do tribunal e obtendo un mínimo de catro votos dos seus membros, poderá concederse á tese, pola súa excelencia, a cualificación de «sobresaliente cum laude».
    En calquera caso, a cualificación que proceda farase constar no anverso do correspondente título de doutor.
  7. A universidade poderá establecer normas para conceder outras mencións honoríficas ou premios ás teses de doutoramento que o merezan que poderán ser reflectidas no correspondente certificado académico.

Artigo 11. Arquivo de teses de doutoramento.

Unha vez aprobada a tese, o departamento remitirá á Comisión de Doutoramento da universidade un exemplar dela, para efectos de arquivo e documentación. A Comisión de Doutoramento, á súa vez, remitirá ao Consello de Universidades, ao Ministerio de Educación e Cultura e á Comunidade Autónoma de que dependa a universidade a correspondente ficha de tese que se estableza regulamentariamente.

Artigo 12. Expedición do título de doutor.

  1. Os títulos de doutor serán expedidos en nome do Rei polo reitor da universidade en que se aprobou a tese de doutoramento, tras a verificación do cumprimento do disposto no presente Real decreto e de acordo cos requisitos formais que se establecen nos anexos deste.
  2. O título de doutor incluirá a mención «Doutor pola Universidade de» seguida da referencia á universidade en que foi aprobada a tese de doutoramento.
    Neste título figurará a denominación do previo título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro ou equivalentes ou homologados a eles, de que estivese en posesión o interesado para acceder aos estudos de doutoramento, así como a universidade, o lugar e a data de expedición deste. Así mesmo figurará o programa de doutoramento e a denominación do departamento responsable del.
  3. As universidades poderán impartir títulos de doutor, aínda que non teñan implantados os estudos de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro que, con carácter previo se esixa para cursar os programas de doutoramento de que se trate. Para tal efecto, as universidades remitirán ao Consello de Universidades informe sobre os medios de que dispoñen para tal fin, segundo o procedemento que estableza dito Consello de Universidades.
    Á vista do referido informe, a Comisión Académica do Consello de Universidades resolverá.
  4. En relación cos títulos de doutor que expidan as universidades axustaranse ás normas de organización e procedemento dos correspondentes rexistros universitarios, de títulos oficiais, en coordinación co Rexistro Nacional de Títulos do Ministerio de Educación e Cultura, de acordo coas previsións contidas no artigo 4 e concordantes do Real decreto 1496/1987, do 6 de novembro, sobre obtención, expedición e homologación de títulos e normas ditadas no seu desenvolvemento.
  5. Cando dos datos obrantes nos correspondentes Rexistros de títulos se derivar o incumprimento dos requisitos establecidos no presente Real decreto para a obtención e expedición do título de doutor, as universidades e, se for o caso, o Ministerio de Educación e Cultura, adoptarán as oportunas medidas para corrixir e, se for o caso, promover, de acordo co disposto nas leis, a anulación dos correspondentes títulos.

Artigo 13. Efectos do título de doutor e da súa certificación supletoria.

  1. O título de doutor obtido e expedido de acordo co disposto nos preceptos anteriores terá carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, producirá efectos académicos plenos e habilitará para a docencia e a investigación de acordo co establecido nas disposicións legais.
  2. En tanto non se produza a efectiva expedición e entrega ao interesado do título solicitado, aquel terá dereito, desde o momento de aboar os dereitos de expedición do título, a que se lle expida certificación de que o título solicitado se atopa en trámite de expedición (certificación supletoria do título).
    A certificación supletoria do título que será solicitada á oficina responsable do correspondente Rexistro universitario de títulos, terá o mesmo valor que o título solicitado para os efectos do exercicio dos dereitos inherentes a este.
    Nas certificacións supletorias do título, a citada oficina acreditará o título que se encontre en tramitación a favor do interesado, así como as posibles limitacións que para o exercicio dos dereitos dimanantes deste poida ter o interesado por causa da súa nacionalidade ou outras causas legalmente establecidas.

Artigo 14. Doutoramento Honoris Causa.

As universidades, conforme ao establecido nas súas normas estatutarias, poderán nomear Doutor Honoris Causa a aquelas personas que, en atención aos seus méritos, foren acredoras de tal consideración.

Artigo15. Traslados de universidade.

Nos supostos de traslado de universidade e co fin de garantir o dereito ao estudo recoñecido no artigo 25 da Lei de reforma universitaria, as universidades deberán ter en conta os seguintes criterios:

  1. De acordo coas posibilidades de oferta de programas de doutoramento, así como do contido destes, e á vista do número de alumnos matriculados neles, as Comisións de Doutoramento, oído o correspondente departamento, poderán admitir estudantes de doutoramento procedentes doutras universidades. Os cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados de doutoramento con créditos en que fose declarado apto noutra universidade seranlle validados, para os efectos previstos no artigo 6 conforme prevexan as normas das universidades receptoras.
  2. Estes alumnos quedarán sometidos ao réxime xeral da universidade receptora e do departamento correspondente, en canto á aceptación do proxecto de tese, designación de director dela e demais requisitos procedementais establecidos neste Real decreto, así como á previa obtención en dita universidade do recoñecemento de suficiencia para investigar, previsto no artigo 6.

Artigo 16. Bolsas.

O Ministerio de Educación e Cultura efectuará anualmente unha convocatoria pública de bolsas de ámbito nacional, en que figurará a contía máxima da bolsa a conceder, para estudantes de doutoramento, sen prexuízo das que puideren realizar as propias universidades, as Comunidades Autónomas de que estas dependan ou outras entidades públicas ou privadas.

Artigo17. Títulos de posgrao non oficiais.

De conformidade co disposto no artigo 28 da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, as universidades, a través dos seus correspondentes centros, poderán impartir ensinanzas para titulados universitarios sobre campos do saber propios da carreira de procedencia ou de carácter intercurricular e especialmente orientadas á aplicación profesional de destes saberes. Os que superaren estas ensinanzas poderán obter da universidade o correspondente título ou diploma propio da universidade, de acordo coas previsións do artigo 6 e seguintes do Real decreto 1496/1987, do 6 de novembro, sobre obtención, expedición e homologación dos títulos universitarios.

Artigo 18. Títulos oficiais de especialización profesional.

  1. Os estudos de especialización profesional non integrados no doutoramento e abertos aos titulados universitarios dos distintos ciclos darán dereito ao correspondente título oficial de especialista acreditativo deles.
    O Goberno, por proposta do Ministerio de Educación e Cultura, e, se for o caso, dos ministerios interesados, determinarán os requisitos para o acceso a estas ensinanzas e a súa conexión co resto do sistema educativo, así coma o carácter e efectos dos correspondentes títulos e as condicións para a súa obtención, expedición e homologación.
  2. Salvo o disposto en tratados e convenios internacionais, ou en normas específicas, os estranxeiros que realicen os estudos baixo o sistema establecido no apartado anterior, terán dereito a un certificado acreditativo conforme realizaron estes, en que se incluirán as características relativas ao centro en que foron realizados, duración e contido.

Artigo 19. Institutos universitarios.

Para os fins do disposto no artigo 10.1 da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, os institutos universitarios constituídos de conformidade con esta exercerán as funcións atribuídas aos departamentos no presente Real decreto, nos termos que estableceren as propias universidades.

Disposición adicional primeira. Acceso aos estudos de doutoramento con título de licenciado ou nivel equivalente obtido nunha universidade ou centro de ensinanza superior estranxeiro.

  1. Os estudantes españois ou estranxeiros que estando en posesión do título de licenciado ou nivel académico equivalente, obtido nunha universidade ou centro de ensinanza superior estranxeiro, desexen cursar en España os estudos universitarios de terceiro ciclo, poderár acceder a estes tras a homologación do seu título estranxeiro ao correspondente título español que habilite para este acceso e de acordo co réxime xeral establecido neste Real decreto.
  2. Poderán, non obstante, acceder aos estudos universitarios de terceiro ciclo sen necesidade de que os seus títulos estranxeiros sexan previamente homologados, de acordo coas seguintes previsións:
    1. A solicitude de acceso aos estudos deberá dirixirse ao reitor da universidade correspondente, quen, tras a comprobación de que o título estranxeiro presentado polo interesado corresponde ao nivel de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, resolverá con carácter previo sobre a posibilidade de acceso aos estudos correspondentes. Admitida a solicitude, o interesado someterase ao disposto no artigo 5 deste Real decreto.
    2. Para os estudantes que non sexan nacionais de Estados que teñan como lingua oficial o castelán, as universidades establecerán as probas de idiomas que consideraren pertinentes.
    3. Este acceso aos estudos de terceiro ciclo non implicará, en ningún caso, a homologación do título estranxeiro de que estea en posesión o interesado nin o recoñecemento deste a outros efectos que o de cursar os indicados estudos universitarios de terceiro ciclo.
    4. O título de doutor que se obteña de acordo co establecido neste apartado 2 non producirá os efectos que a dito título atribúe o artigo 13.1 do presente Real decreto e demais normativa vixente, circunstancias que se farán constar no título.
  3. Para que, nos supostos sinalados no apartado 2 anterior, se poida obter o título de doutor con todos os efectos que lle atribúe a lexislación vixente en España, será necesario obter a homologación ou recoñecemento do título de licenciado ou nivel académico equivalente a que se refire o apartado 1 anterior.
    Se a homologación ou recoñecemento do título de licenciado ou nivel académico equivalente, a que se refire o parágrafo anterior, se obtiver con posterioridade á expedición do título de doutor conforme ao establecido no apartado 2 anterior, este deberá dilixenciarse para darlle todos os efectos que lle atribúa a lexislación vixente.

Disposición adicional segunda. Tratados ou convenios internacionais.

O establecido na disposición adicional primeira anterior entenderase sen prexuízo do acordado nos tratados ou convenios sobre a materia, bilaterais ou multilaterais, subscritos por España, en canto estes sexan máis favorables para os interesados.

Disposición adicional terceira. Universidades da Igrexa Católica.

  1. Os estudos de doutoramento e a obtención, expedición e efectos dos correspondentes títulos nas universidades da Igrexa Católica axustaranse ao disposto nos acordos entre o Estado español e a Santa Sede.
  2. Os efectos civís que nos citados acordos entre a Santa Sede e o Estado español se prevén para estes estudos serán os determinados no artigo 13.1 deste Real decreto e demais disposicións vixentes.
  3. Os títulos de doutor que se obteñan nas citadas Universidades da Igrexa Católica serán expedidos polo reitor, en nome do Rei, axustándose ao disposto no artigo 12 e concordantes deste Real decreto.

Disposición adicional cuarta. Universidades privadas.

  1. Os estudos de doutoramento e a obtención, expedición e efectos dos correspondentes títulos nas universidades recoñecidas como universidades privadas ao amparo da lexislación vixente, dentro das súas propias normas de organización e funcionamento, axustaranse, no que resulte de aplicación, ás esixencias de carácter académico do presente Real decreto.
  2. Os títulos de doutor que se obteñan nas citadas universidades serán expedidos polo reitor, en nome do Rei, axustándose ao disposto no artigo 12 e concordantes deste Real decreto.

Disposición adicional quinta. Universidades de Boloña e «Santo Tomás» de Manila.

O disposto neste Real decreto non afectará aos estudos e títulos de doutoramento obtidos na Universidade de Boloña como resultado dos estudos realizados no Real Colexio «San Clemente de los Españoles», de acordo co disposto na Real orde do 7 de maio de 1877 e no Real decreto do 22 de setembro de 1925, nin aos títulos expedidos pola Universidade de «Santo Tomás» de Manila, de acordo co establecido no Decreto do 8 de setembro de 1939.

Disposición adicional sexta. Doutor Enxeñeiro Xeógrafo.

Respéctanse todos os dereitos derivados da normativa vixente relativa á obtención do título de Doutor Enxeñeiro Xeógrafo que puideren corresponder a quen obtivese ou superase todos os requisitos para obtelo á data de publicación no «Boletín Oficial do Estado» do Real decreto 241/1984, do 8 de febreiro.

Disposición adicional sétima. Enxeñeiros de Armamento e Construción e de Armas Navais.

  1. A partir da entrada en vigor do presente Real decreto, os Enxeñeiros de Armamento e Construción e os Enxeñeiros de Armas Navais poderán obter o título de doutor conforme ao disposto no Decreto 3058/1964, do 28 de setembro e normas concordantes. Para estes efectos deberán cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 1.1 deste Real decreto e as condicións que ao respecto estableza o Ministerio de Defensa no que se refire a cursos de doutoramento de duración mínima de dous anos, e a posterior presentación dun traballo de investigación orixinal (tese de doutoramento).
  2. O título de doutor será expedido en nome do Rei pola autoridade que designe o Ministerio de Defensa e terá a natureza e efectos previstos no artigo 13.1 deste Real decreto.
  3. Nas Escolas Técnicas Superiores do Ministerio de Defensa nomearase unha Comisión de Doutoramento coas funcións previstas no artigo 4.

Disposición adicional oitava. Dereitos adquiridos.

Quedan recoñecidos todos os dereitos que na lexislación vixente ata a data, así como neste Real decreto, se outorgan ao título de doutor, aos títulos desta clase obtidos ou que se obtiveren conforme á dita lexislación.

Disposición adicional novena. Títulos ou diplomas de especialización.

  1. Quedan recoñecidos todos os dereitos que as disposicións vixentes ata a data de entrada en vigor deste Real Decreto outorgan aos títulos ou diplomas oficiais de especialistas xa obtidos ou que se obteñan conforme a ditas disposicións pola superación de estudos de especialización abertos aos graduados universitarios dos distintos ciclos. A expedición de ditos títulos e diplomas efectuarase de acordo co establecido nas disposicións que foren de aplicación.
  2. As disposicións aplicables aos estudos que se recollen no apartado anterior manterán a súa actual vixencia ata o momento en que, de acordo co establecido no apartado 1 do artigo 18, este Real decreto, o Goberno, se for o caso, as modifique.

Disposición adicional décima. Seguro escolar.

Aos alumnos que cursen o terceiro ciclo de estudos universitarios conducentes á obtención do título de doutor, tanto nas fases de realización dos períodos de docencia e investigación do programa de doutoramento como na de elaboración, presentación e lectura da tese de doutoramento, seralles de aplicación, en canto sexan menores de vinteoito anos de idade, as normas sobre réxime do Seguro Escolar contidas no Real decreto 270/1990, do 16 de febreiro, e as ditadas no seu desenvolvemento.

Disposición adicional undécima. Instituto Universitario Europeo de Florencia.

O titulo de doutor outorgado polo Instituto Universitario Europeo de Florencia é equivalente a todos os efectos ao título de doutor expedido por unha universidade española de conformidade con este Real decreto.

Disposición adicional duodécima. Estudos de terceiro ciclo conxuntos.

As universidades españolas poderán, mediante convenio, organizar programas de doutoramento conxuntos, conducentes a un único título oficial de doutor e as ensinanzas do cal sexan impartidas en dúas ou máis universidades españolas ou estranxeiras. No convenio especificarase cal das universidades será responsable do rexistro do título.

Disposición transitoria primeira. Homologación de títulos estranxeiros.

Para a homologación de títulos estranxeiros de educación superior, para os efectos previstos na disposición adicional primera, 1 e 3, estarase ao establecido na normativa específica sobre homologación de ditos títulos.

Disposición transitoria segunda. Certificacións supletorias de títulos.

A excepción das normas de competencias nelas contidas e en tanto non se proceda á súa regulación polo Ministerio de Educación e Cultura, será de aplicación como normas reguladoras das certificacións supletorias de títulos o disposto nas resolucións da Subsecretaría do hoxe Ministerio de Educación e Cultura, de datas 24 de marzo de 1983 («Boletín Oficial do Estado» do 31) e 12 de marzo de 1983 («Boletín Oficial do Estado» do 24), sobre Ordes supletorias, e nas normas do citado Ministerio que puideren, se for o caso, modificalas posteriormente.

Disposición transitoria terceira. Instituto Nacional de Administración Pública

Continuará en vigor a Orde do 23 de febreiro de 1984 («Boletín Oficial do Estado» do 2 de marzo), por que se recoñecen determinados efectos académicos de terceiro ciclo ao diploma de estudos superiores en Administración Pública, obtido por funcionarios iberoamericanos no Instituto Nacional de Administración Pública. (INAP), en tanto non se proceda polas universidades e dito organismo, a través dos correspondentes convenios previstos no artigo 2.3 deste Real decreto, á modificación daquela.

Disposición transitoria cuarta. Estudantes que iniciaron os estudos de terceiro ciclo.

En todo caso, seralles de aplicación as disposicións reguladoras do doutoramento anteriores á entrada en vigor do presente Real decreto a excepción dos artigos 9 e 10.

Disposición transitoria quinta. Ficheiro de tese.

O Ministerio de Educación e Cultura, as Comunidades Autónomas e as universidades adoptarán as medidas oportunas para a adaptación ao disposto neste Real decreto do funcionamento do ficheiro de teses de doutoramento realizadas en universidades españolas, a que se refire a Orde do 16 de xullo de 1975 («Boletín Oficial do Estado» do 1 de setembro).

Disposición derrogatoria única. Extensión da derrogación.

  1. De conformidade co disposto no apartado 3 da disposición derrogatoria da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, quedan derrogadas as seguintes disposicións:
    • Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, que regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos posgraduados («Boletín Oficial do Estado» do 16 de febreiro e do 21 de marzo).
    • Real decreto 1561/1985, do 28 de agosto, que modifica a disposición final primeira do Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, que regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos posgraduados («Boletín Oficial do Estado» do 7 de setembro).
    • Real decreto 1397/1987, do 13 de novembro, que completa as previsións do Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, sobre prazos para a presentación de teses de doutoramento conforme á normativa anterior a dito Real decreto («Boletín Oficial do Estado» do 18).
    • Real decreto 537/1988, do 27 de maio, que modifica o Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, que regula o terceiro ciclo de estudos universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudos posgraduados («Boletín Oficial do Estado» do 3 de xuño).
    • Real decreto 823/1989, do 7 de xullo, que engade ao Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, unha disposición adicional que recoñece o título de Doutor do Instituto Universitario Europeo de Florencia («Boletín Oficial do Estado» do 11).
  2. Quedan así mesmo derrogadas calquera outras normas de igual ou inferior rango no que se opoñan ao disposto neste Real decreto.
  3. Non obstante o establecido no apartado 1 anterior, en tanto non entren en vigor as correspondentes normas estatutarias de cada universidade, manterán a súa vixencia as normas derrogadas na presente disposición, na medida en que non se opoñan ou contradigan o establecido neste Real decreto.

Disposición final primeira. Entrada en vigor.

O presente Real decreto entrará en vigor o día 1 de outubro de 1998. Non obstante, as universidades, mediante acordo dos seus claustros, poderán pospoñer a entrada en vigor para dita universidade ao 1 de outubro de 1999, coa excepción dos artigos 9 e 10, que entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no «Boletín Oficial do Estado».

Disposición final segunda. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario e a ampliación do ficheiro de tese.

  1. Corresponde ao Ministro de Educación e Cultura e ao órgano competente das Comunidades Autónomas ditar, no ámbito das súas atribucións, as disposicións que foren necesarias para a aplicación do disposto neste Real decreto.
  2. O Ministerio de Educación e Cultura poderá ampliar, cando as circunstancias o aconsellen, o ficheiro ao que se refire a disposición transitoria quinta, a todos os traballos científicos de docentes e investigadores.

Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000