Normativa de estudos propios de 1º ciclo e de 2º ciclo

Os Estatutos da Universidade da Coruña recollen que a Universidade poderá outorgar tamén títulos e diplomas para aqueles outros estudos que estableza en uso da súa autonomía.

Co obxectivo de regular o réxime académico e administrativo dos estudos propios, establécese a seguinte normativa:

Artigo 1

  1. Os estudos propios de primeiro e segundo ciclo irán dirixidos ao desenvolvemento de ensinanzas non homologadas como títulos de carácter oficial.
  2. As ensinanzas dos estudos propios de primeiro ciclo terán unha duración entre cento oitenta e douscentos setenta créditos estruturados en tres cursos académicos. As ensinanzas dos estudos propios de segundo ciclo terán unha duración entre cento vinte e cento oitenta créditos estruturados en dous cursos académicos.
  3. O nivel de esixencia das actividades académicas dos estudos propios de primeiro e segundo ciclo será o mesmo que os dos estudos oficiais.
  4. Os estudos propios de primeiro ciclo conducirán ao título propio de Graduado pola Universidade da Coruña e os de segundo ciclo conducirán ao título propio de Graduado Superior pola Universidade da Coruña.
  5. A denominación do título propio en ningún caso poderá ser coincidente coa dos homologados oficialmente, nin inducirá a confusión con eles, nin incorporará os elementos identificativos dos títulos oficiais a que se refire a lexislación vixente.

Artigo 2

  1. A iniciativa para impartir estudos propios de primeiro e/ou segundo ciclo poderá partir de calquera profesor ou grupo de profesores da Universidade da Coruña, así como de calquera centro, departamento ou instituto universitario.
  2. A tramitación á Xunta de Goberno do proxecto dun estudo propio de primeiro ou segundo ciclo canalizarase a través do Vicerreitorado de Ordenación Académica.
  3. Como responsable do estudo propio figurará sempre un director que deberá de ser profesor numerario a tempo completo da Universidade da Coruña e no caso de estudos de segundo ciclo deberá ser doutor. O director será nomeado polo Reitor. A Xunta de Goberno, excepcionalmente, poderá eximir o feito de que o director dun estudo propio sexa profesor a tempo completo.
  4. As propostas irán acompañadas dunha memoria académica e dunha memoria económica elaboradas polo propoñente do estudo propio.
  5. No caso de estudos propios interuniversitarios, achegarase un proxecto de convenio para formalizar coas outras universidades.
  6. Na decisión sobre a aprobación do estudo propio valorarase a oferta global de titulacións da Universidade e a contribución que o estudo supón dentro da Universidade e do Sistema Universitario de Galicia e estableceranse as condicións xerais para aprobar o inicio das actividades dos programas.
  7. A aprobación do inicio dun estudo propio comporta a concesión automática aos docentes da Universidade da Coruña á compatibilidade das súas actividades no estudo propio coas súas actividades docentes habituais, que sempre se consideran como principais. O máximo de horas que se autorizarán por cada profesor á docencia de estudos propios é de cento vinte ao ano.
  8. As actividades que corresponden aos estudos propios non computarán para efectos de carga docente do profesorado.

Artigo 3.- Memoria académica.

Na memoria académica figurará como mínimo a seguinte información:

  1. Nome ou denominación do título propio ao que conducen as ensinanzas.
  2. Obxectivos académico e/ou profesionais.
  3. Estrutura e organización do plano de estudos, en que figure:
    1. A duración do plano de estudos en créditos con expresión de créditos teóricos e prácticos e, á súa vez, destes últimos, os que se reservan para prácticas en empresas e institucións.
    2.  Relación de materias do plano de estudos (obrigatorias e optativas) distribuídas nos dous/tres cursos. Para cada materia deberá figurar unha descrición dos contidos teóricos e prácticos fundamentais e os créditos asignados a cada un deles.
  4. Calendario académico e proposta de horarios.
  5. Condicións de acceso do alumnado (titulacións e outros) e criterios de selección.
  6. Requisitos para a obtención do título: modalidade de asistencia (presencial ou non presencial) e sistema de avaliación do rendemento académico.
  7. Número de prazas (mínimas e máximas) ofertadas.
  8. Relación nominal do profesorado responsable da docencia, con indicación da súa titulación, situación académica ou profesional, materia e número de horas que impartirá. Polo menos o 40% do profesorado deberá ser da Universidade da Coruña agás se non existiren especialistas nas materias que se imparten. Poderá haber un 20% de profesores doutras universidades e un 40% de profesionais.
  9. Proposta de director do estudo propio e, se for o caso, doutras persoas responsables da organización.

Artigo 4.- Memoria económica.

Na memoria económica figurarán como mínimo os seguintes apartados:

  1. Orzamento equilibrado dos ingresos e gastos que se derivaren da posta en práctica do estudo propio solicitado, tendo en conta que este debe autofinanciarse a través dos prezos de matrícula e/ou do financiamento recibido de entidades ou organismos colaboradores, mediante convenio.
  2. Proposta de prezo de matrícula do crédito do estudo propio, que deberá estar dentro das marxes que o Consello Social estableza para este tipo de estudos. No caso de estudos propios que se impartan por un centro colaborador mediante convenio, deberá especificarse cal é o prezo do curso para ingresar na Universidade e a parte correspondente da outra institución participante.
  3. Proposta de cantidades a investir en bolsas, se proceder, e criterios de adxudicación.
  4. Importe da cantidade que percibirá o profesor por cada hora de clase.
  5. Retribución do director e doutros responsables de organización, se proceder, que se axustará a algunha das vixentes para os cargos académicos que se regulan no réxime de retribucións do profesorado dentro do complemento específico como compoñente singular, non podendo superar ás dos cargos correspondentes dos centros e que se pagará con cargo ao orzamento do estudo propio.
  6. Inclusión na partida de gastos da cantidade de compensación á Universidade que con carácter xeral será o doce por cento do total dos ingresos previstos por matrícula. Por total dos ingresos previstos por matrícula entenderase a cantidade obtida multiplicando o número total de alumnos previstos polo custo da matrícula correspondente á Universidade, segundo fose aprobado pola Xunta de Goberno.
  7. No caso de estudos que precisaren a utilización de laboratorios da Universidade deberá especificarse a forma de contraprestación pola súa utilización.
  8. Proposta do persoal auxiliar necesario para a organización do título e a súa remuneración, que se pagará con cargo ao orzamento do estudo propio.
    A contratación de persoal, a que se refire o apartado anterior, será sempre efectuada en forma escrita polos órganos de contratación da Universidade da Coruña, de acordo cos procedementos legalmente establecidos e coas condicións requiridas en forma e prazo de contratación de tal xeito que, á finalización dos contratos, a Universidade quede exonerada de calquera carga ou obriga.

Artigo 5.- Normas académicas

  1. Para poder matricularse nos estudos propios de primeiro ou de segundo ciclo teranse que cumprir os requisitos legais necesarios para cursar os estudos oficiais respectivos na Universidade.
  2. En cada estudo propio crearase unha Comisión Académica que estará integrada, polo menos, polo director do estudo propio, tres profesores do estudo propio, polo menos un doutor, das distintas áreas de coñecemento implicadas neste, se as houber, e un alumno do estudo propio.
  3. A preinscrición para un estudo propio realizarase de forma xeral, nos prazos establecidos para a preinscrición ordinaria de estudos oficiais de primeiro e segundo ciclo, segundo os casos.
    Cando o número de preinscritos for superior ao das prazas dispoñibles realizarase unha selección destes segundo os criterios establecidos na proposta do propio estudo. En caso de non se especificaren criterios na proposta, aplicaranse os criterios aprobados para os estudos oficiais de primeiro e segundo ciclo segundo corresponderen.
  4. A matrícula realizarase nos prazos e lugar que oportunamente se determine. O pago do importe da matrícula poderá facerse de forma fraccionada, con idénticos criterios que para os estudos oficiais. Independentemente do importe desta matrícula os estudantes aboarán a taxa de apertura de expediente e a de expedición da tarxeta de identificación universitaria; o importe destes conceptos será o establecido no correspondente decreto de prezos públicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para estudos oficiais. A taxa de certificacións será a que se estableza no citado decreto.
  5. No caso de que o alumno non superase o total das materias dun curso poderase matricular no curso seguinte das materias soltas que tivese pendentes, pagando o importe correspondente aos créditos en que se matricule.
  6. A anulación de matrícula, unha vez comezado o desenvolvemento dos estudos, non dará dereito á devolución do importe pagado.
    A matrícula será anulada de oficio cando se produza o impago nos prazos establecidos.
  7. Os estudantes do estudo propio poderán solicitar a validación dos créditos cursados noutros cursos de estudos propios ou oficiais, quer da Universidade da Coruña quer doutras Universidades. As validacións serán propostas pola Comisión Académica do Estudo Propio e serán resoltas pola Comisión de Plano de Estudos da Universidade da Coruña. O importe que se terá que pagar polos créditos validados en concepto de matrícula será o 100% do importe de cada crédito do estudo propio.
  8. Os estudantes que se matriculen nestes estudos non estarán incluídos dentro do ámbito de aplicación do seguro escolar.
    A Universidade contratará os seguros pertinentes que cubran a todos os seus alumnos durante o período en que se realicen os estudos conducentes á obtención de títulos e diplomas propios, incluídas viaxes e prácticas se as houber. O importe dos seguros aboarano os estudantes xunto coas taxas administrativas.
  9. Para cualificar as distintas disciplinas ou materias que integran cada estudo propio, seguiranse os mesmos criterios que para os títulos oficiais.
  10. Títulos: O estudante que superase un determinado estudo propio solicitará a expedición do título, unha vez cubertas as actas do curso, debendo aboar a taxa de expedición correspondente.
    Os títulos de estudos propios de segundo ciclo solicitaranse na unidade de xestión correspondente ao citado estudo propio e serán expedidos polo reitor.
    No reverso do título describirase a ensinanza que configure o programa, con detalle das materias, créditos e actividades.
  11. Xestión académica: A xestión de alumnos realizarase centralizadamente, funcionando como unidade de xestión a Xefatura de Sección de Estudantes. Os trámites realizaranse no LERD da Coruña ou Ferrol segundo o estudo propio se imparta nunha ou noutra localidade. As certificacións corresponderán á Secretaría Xeral, que poderá delegar no xefe da unidade de xestión correspondente.

Artigo 6

Os estudantes de estudos propios terán dereito ao uso de bibliotecas, residencias, transporte e servizos de extensión universitaria, nos mesmos termos e condicións que os estudantes oficiais.

Artigo 7.- Normativa Económica

  1. Ingresos do título propio:
    Unha vez que o director do título propio teña coñecemento da relación de inscritos e dos ingresos remitirá á Xerencia relación dos inscritos coa especificación dos ingresos efectuados polos mesmos indicando os distintos conceptos e solicitando a correspondente xeración de crédito nas aplicacións orzamentarias que financie o devandito título propio.
    Con cargo ao total dos ingresos realizados por matrícula efectuarase a correspondente retención do 12 %. Por total dos ingresos realizados por matrícula entenderase a cantidade obtida multiplicando o total de alumnos matriculados polo custo de matrícula correspondente á Universidade. No caso de anulacións de matrícula posteriores, as cantidades non pagadas polos alumnos aos que se lles anulou a matrícula descontaránse do total de ingresos, para efectos do cálculo do 12 % da retención.
  2. Xestión Económica: O director do título propio será o xestor do crédito que financie o devandito título propio, correspondéndolle a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento dos expedientes de gasto a imputar contra este crédito.
  3. En caso de colaboración económica con outras entidades, será requisito previo a sinatura dun convenio entre as partes que privilexie as diversas contribucións. No caso de participación económica de entidades colaboradoras, no convenio de colaboración estableceranse claramente as condicións económicas de corresponsabilización.
  4. No caso de superávit, este destinarase ás próximas edicións do curso. No caso de que deixase de realizarse o curso o superávit pasará a incrementar o remanente da Universidade da Coruña.
  5. No remate de dous meses da finalización do curso correspondente a un estudo propio, o director do estudo propio presentará á Xerencia a liquidación do orzamento. A esta liquidación acompañaraa unha certificación, expedida polo propio director, de realización do estudo propio.
  6. Queda habilitada a Xerencia para dictar as instrucións en desenvolvemento destas normas económicas.

Artigo 8

  1. Para cada estudo propio crearase unha Comisión de Seguimento formada polo Vicerreitor de Ordenación Académica ou persoa en quen delegar, que a presidirá, polos organizadores do curso e en todo caso, polos representantes das entidades colaboradoras.

Disposición Final

Esta normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación pola Xunta de Goberno.