O procedemento e resolución das validacións e adaptacións de estudos tanto españois como estranxeiros rexerase pola Lei de reforma universitaria (artigos 18.1 e 32.1); o Real decreto 1267/1994 do 10 de xuño que modifica o Real decreto 1497/1987 do 27 de novembro; o Real decreto 601/1992 do 5 de xuño; os artigos 128, 131 e 222 dos Estatutos da Universidade da Coruña; polas demais disposicións legais que foren de aplicación e pola presente normativa.
PRIMEIRA.-Obxecto
- A presente normativa ten por obxecto a regulación do procedemento das validacións e adaptacións de estudos españois e estranxeiros.
- Enténdese por validación o recoñecemento co fin de que causen efectos académicos en estudos conducentes a un título oficial de estudos oficiais cursados en centros universitarios españois conducentes a distinto título oficial ou estudos cursados en centros universitarios estranxeiros.
Só serán susceptibles de validación os estudos estranxeiros nos seguintes casos:
- Estudos cursados parcialmente na mesma ensinanza. As universidades deberán esixir a constatación de que o interesado non ten cursados os estudos completos para a obtención do correspondente título no país de orixe.
- Estudos totais cuxa homologación do título correspondente fose denegada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e se indique expresamente a posibilidade de validación de estudos parciais.
- Enténdese por adaptación o recoñecemento, co fin de que causaren efectos académicos en estudos conducentes a un título oficial, dos seguintes estudos:
- Aqueles conducentes ao mesmo título oficial e cursados noutros centros universitarios españois.
- Aqueles conducentes ao mesmo título oficial e cursados en centros desta universidade segundo planos de estudo a extinguir e conducentes ao mesmo título oficial ou ao título que o substitúe.
SEGUNDA.- Iniciación do procedemento de validacións ou adaptacións
- O expediente de validación ou adaptación de estudos iniciarase, por instancia do interesado, no centro no que este pretende iniciar ou continuar os estudos que pretende validar, mediante a presentación dunha instancia dirixida ao órgano competente, en que figurarán os seus datos persoais, así como os estudos de que procede e aqueles que desexa validar ou adaptar.
- A dita instancia virá acompañada da documentación que proceda, segundo os seguintes casos:
- Estudos cursados en centros universitarios españois:
- Certificación académica persoal, en que consten as materias aprobadas e as cualificacións obtidas en cada unha delas, así como o plano de estudos realizado. Así mesmo deberá figurar o número de créditos correspondente a cada materia ou, se for o caso, o número de horas asignado a esta no plano de estudos correspondente; no seu defecto deberá presentarse unha fotocopia do plano de estudos cursados, debidamente asinada e selada polo centro de que proceda.
- Programas das materias cursadas, para aquelas materias en que non sexan aplicables directamente os criterios establecidos no anexo I do RD 1497/1987 na súa versión do Real decreto 1267/1994.
- Estudos cursados en centros estranxeiros:
- Certificado oficial acreditativo do nivel e clase de estudos que se pretende validar.
- Programa das materias en que figura o contido e a amplitude con que foron cursadas.
- DNI ou pasaporte.
- Escrito do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de denegación da homologación do título e con indicación expresa da posibilidade de validación de estudos parciais, se for o caso.
Todos os documentos deberán ser oficiais, expedidos polas autoridades competentes e legalizados por vía diplomática.
TERCEIRA.- Resolución
- As solicitudes de adaptación do plano de estudos antigo ao novo, seguindo o cadro de adaptación previsto no anexo 3 do plano de estudos correspondente, homologado polo Consello de Universidades, serán resoltas polo decano ou director do centro, nos termos da desconcentración no exercicio da competencia resolta por Resolución reitoral.
- As solicitudes de validación de estudos cursados en centros docentes doutras universidades españolas serán resoltas pola Comisión de Validacións do centro, nos termos da desconcentración no exercicio destas competencias acordada pola Comisión de Plano de Estudos da Xunta de Goberno da universidade.
- As solicitudes de adaptación en materias cursadas en centros docentes de universidades españolas conducentes á mesma titulación serán resoltas pola Comisión de Validacións do centro, nos termos da desconcentración no exercicio destas competencias acordada pola Comisión de Plano de Estudos da Xunta de Goberno da universidade.
- As solicitudes de validación de estudos realizados en centros docentes estranxeiros serán resoltas pola Comisión de Plano de Estudos da Xunta de Goberno da Universidade, logo da proposta da Comisión de Validacións do centro.
- As solicitudes de validación de créditos de libre configuración serán resoltas pola Comisión de Plano de Estudos da Xunta de Goberno da universidade, logo de informe do secretario do centro en que se indiquen expresamente aquelas materias que xa foron utilizadas para a validación ou adaptación de materias troncais, obrigatorias ou optativas, así como se as materias de que se solicita validación forman parte de materia troncal ou obrigatoria.
CUARTA.- Recurso
Contra as resolucións de adaptación ou validación previstas na norma anterior poderase interpoñer recurso de alzada ante o Excmo. Sr. Reitor no prazo dun mes, quen resolverá logo de informe da Comisión de Plano de Estudos da Xunta de Goberno da universidade, que terá carácter vinculante nos supostos dos apartados 1, 2 e 3.
QUINTA.- Taxas
- Pola adaptación de estudos realizados en centros estatais conducentes á mesma titulación non se aboarán prezos. Neste caso inclúense as adaptacións de planos de estudos antigos a novos pola aplicación do RD 1497/1987 modificado polo Real decreto 1267/1994 cando se trate do mesmo título ou do título co que se homologue do plano antigo.
- Pola validación de estudos realizados en centros estatais conducentes á obtención doutro título académico e pola validación de estudos realizados en centros non estatais que estean autorizados, ou en centros estranxeiros, aboaranse as taxas que para cada curso académico sexan fixadas polo correspondente Decreto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
As taxas faranse efectivas nos centros en que o alumno vaia iniciar ou continuar os estudos segundo o procedemento de ingreso vixente en materia de pagamento de prezos por servizos académicos universitarios, no prazo máximo de dez días a partir da recepción da notificación.
SEXTA.- Prazos
As solicitudes de adaptación de plano de estudos, a que fai referencia a norma terceira, apartado 1, presentaranse coa solicitude de matrícula. Os prazos de presentación do resto das solicitudes serán fixados na convocatoria de matrícula do correspondente curso académico.