A presente normativa ten como obxecto a regulación dalgúns aspectos da organización docente dos centros, da realización dos exames, da publicidade das cualificacións e dos procedementos de revisión e de reclamación destas cualificacións.
Esta normativa seralles de aplicación a todas as avaliacións que realizaren os/as estudantes matriculados/as nas titulacións oficiais que se impartan no distintos centros da Universidade da Coruña.
Cada centro ou cada curso rexerase por un horario semanal de actividades académicas que, cando menos, incluirá horas teóricas, horas prácticas e horas de titoría.
O horario das actividades académicas, así como as datas e os horarios dos exames en convocatorias oficiais debe ser aprobado pola Xunta de Centro ou Comisión en quen delegar e publicado para cada curso académico con antelación ao comezo deste.
Antes do comezo de cada curso académico, o centro porá á disposición do alumnado a información que for aprobada polos departamentos sobre cada unha das materias que se imparten nas diferentes titulacións. Esta información, remitida polos departamentos, incluirá como mínimo para cada materia os seguintes datos:
Os centros encargaranse da coordinación docente a nivel interdepartamental e programarán todos os demais aspectos necesarios para o bo desenvolvemento da actividade docente.
Os horarios de titoría e de atención ao estudantado para cada profesor/a serán publicados polos centros na primeira semana de cada cuadrimestre. As modificacións dos horarios de titorías deberán ser autorizadas polo decanato ou pola dirección do centro e deberanlles ser comunicados aos alumnos con suficiente antelación á realización destas mudanzas.
As titorías realizaranse durante todo o período lectivo que está establecido no calendario académico da UDC. De todas as formas, procurarase que estes horarios garantan unha axeitada atención ao/á alumno/a e o respecto á quenda (mañá/tarde) en que se imparta a docencia do curso.
Todos/as os/as estudantes matriculados/as nunha materia teñen dereito a seren avaliados de xeito obxectivo nesta materia, de acordo cos criterios establecidos e publicados con anterioridade ao inicio do curso académico. En cada unha das convocatorias oficiais os criterios de avaliación deberán quedar claramente establecidos.
Caso de se realizaren exames nunha materia será de aplicación o previsto nos artigos do 7 ao 16 do presente regulamento.
A realización de exames parciais, a entrega dos traballos, das memorias ou das outras actividades necesarias para a avaliación dunha materia non deben interferir no normal desenvolvemento da organización docente do resto de materias do mesmo curso esteblecida polo centro.
Os exames deberán levarse a cabo nas mellores condicións posibles de lugar e de tempo. No caso de estudantado con discapacidades, deberáselle facilitar a realización das probas en condicións axeitadas ás súas capacidades.
Os/as estudantes teñen dereito, se o solicitaren, a dispor de copia do exame dunha materia en calquera dos idiomas oficiais da UDC.
Cando a duración prevista dun exame for superior a 4 horas dividirase en sesións, entre as que debe transcorrer un período non inferior a 30 minutos, sen que ningunha delas exceda das 4 horas.
O/a decanato/dirección do centro poderá, excepcionalmente, autorizar motivadamente a realización de exames que non se ateñan a estas limitacións temporais.
Antes da entrada, ou en calquera momento dos exames, poderase requirir a identificación dos/as estudantes. A identificación realizarase mediante calquera documento oficial ou mediante a tarxeta de estudante.
En calquera caso, o/a profesor/a debe ter constancia da identidade do alumnado que se presenta a un exame.
Os/as estudantes teñen dereito, se o solicitaren, a un xustificante documental asinado polo/a profesor/a que acredite que se presentaron ao exame.
Na realización dos exames estará presente o/a profesor/a responsable da materia, agás nos casos que estiveren xustificados ou autorizados. Nestes casos, a persoa que o substitúa será un/unha docente, preferentemente da mesma materia ou da mesma área de coñecemento, e debidamente informado/a sobre o exame.
De se producir algunha das seguintes causas, debidamente xustificada, enfermidade ou lesión que incapacite para a realización do exame, falecemento dun familiar ata o segundo grao, citación xudicial que coincida coa data do exame, asistencia a unha sesión do Claustro ou do Consello de Goberno da UDC que coincida coa data do exame, o/a estudante terá dereito a realizar o exame nunha data distinta da ordinaria.
A nova data do exame, que en ningún caso será posterior á data límite establecida para a entrega das actas desa convocatoria, fixarase por acordo entre o/a profesor/a e o/a alumno/a; caso de desacordo, decidirá o decanato ou a dirección do centro, tras seren consultados os/as alumnos/as e os/as profesores/as implicados/as.
Entre as datas de acordo e de realización do exame deberá transcorrer un mínimo de 48 horas. O novo exame terá unhas características en todo similares ao realizado na data ordinaria.
Calquera outra circunstancia quedará ao criterio do profesor. En caso de conflito decidirá o/a decanato/dirección do centro.
Os exames das convocatorias oficiais (tanto ordinarias como extraordinarias) deberán ser realizados nas datas e nos horarios que foren aprobados pola Xunta do Centro ou Comisión en quen delegar con anterioridade ao comezo do curso e conforme ao calendario académico xeral da Universidade. No caso de imposibilidade sobrevida, o decanato ou a dirección do centro resolverá sobre a realización do exame, que haberá de realizarse, agás por imposibilidade manifesta, dentro do período de exames que estiver establecido, despois de seren escoitadas as persoas representantes do alumnado e o profesorado responsable da materia ou, de ser o caso, o departamento.
A este acordo daráselle publicidade no taboleiro oficial e na páxina web do centro para o coñecemento de todo o estudantado afectado coa antelación suficiente.
Se a realización dun exame se atrasar (sen aviso previo ao centro) máis de sesenta minutos por ausencia do/a docente ou se a súa realización se vir interrompida sen posibilidade de continuala, o estudantado poderá solicitar que o exame teña lugar nunha data distinta previamente acordada co/coa profesor/a. Caso de conflito, decidirá o decanato ou a dirección do centro a data de realización, á que se lle dará a oportuna publicidade coa suficiente antelación.
Caso de incomparecencia, o decanato ou a dirección do centro requiriralle por escrito ao profesor a oportuna xustificación.
Se durante a realización dun exame os/as profesores/as responsables que se acharen neste detectan fraude ás normas establecidas por parte do/a estudante, poderán proceder á súa expulsión, sen prexuízo das responsabilidades disciplinarias ás que puidese haber lugar.
O estudantado ten dereito a ser avaliado con garantías de equidade e de xustiza e mais de acordo co programa que se impartiu.
No caso de se realizaren exames orais, estes terán carácter público ou deberán ser gravados. Antes do inicio das probas orais faranse públicas as quendas para a súa realización.
No momento de realizar o exame o/a profesor/a deberá especificar os criterios de puntuación da proba e a duración desta.
As probas, as prácticas, as memorias, os traballos e os exames que sirvan para a avaliación do/a estudante deberán ser corrixidos e cualificados na súa integridade; as cualificacións destas probas, das prácticas, dos traballos ou dos exames deberán facerse públicas.
O procedemento de avaliación das materias deberá especificar en que condicións o/a estudante obterá a cualificación de apto, non apto ou, se for o caso, non presentado.
A realización fraudulenta dun exame implicará a cualificación de suspenso (nota numérica 0) na proba, con independencia do proceso disciplinario que se puider seguir contra o/a alumno/a infractor/a.
Caso de substitución do/a profesor/a encargado/a da materia, os seus procedementos de avaliación e de control, así como os programas e os seus obxectivos docentes, manteranse ata a finalización do curso académico.
A realización dos exames de 5.ª, de 6.ª e, de existir, de sucesivas convocatorias levarase a cabo dentro do marco normativo vixente e do procedemento que, dentro das súas competencias, establecer a Xunta de Facultade ou Escola.
As cualificacións dos exames parciais, das probas, das prácticas, dos traballos e das memorias que sirvan para a avaliación do/a estudante publicaranse, como mínimo, sete días antes da realización do exame final da materia, se o houber.
As cualificacións provisionais finais de cada materia deberán facerse públicas con anterioridade á data máxima que está fixada para a sinatura das actas da correspondente convocatoria.
Caso de que un/unha profesor/a considere que un exame é ilexible, deberá solicitar do/a alumno/a a súa lectura antes de o cualificar.
Deberá publicarse a data, o lugar e o horario en que os/as estudantes terán dereito a revisaren as probas, os traballos e os exames que sirvan para a súa avaliación, e a recibiren explicación razoada da cualificación que obtiveron. A data de revisión deberá anunciarse como mínimo dous días lectivos antes da súa realización.
En todo caso, o período de revisión deberá permitir que todos/as os/as estudantes que o desexaren poidan estar presentes e ver o seu exame. A revisión terá lugar antes da data límite de entrega de actas.
A revisión levarase a cabo perante o/a profesor/a ou perante o tribunal que corrixiu a proba, o traballo ou o exame, agás nos casos que estean debidamente autorizados pola dirección do departamento e do centro. O/a profesor/a poderá solicitar a sinatura do/a alumno/a no exame que se revisou. O/a estudante que así o desexar poderá solicitar un xustificante de que acudiu á revisión.
Unha vez que finalizou o prazo de revisión, o/a profesor/a ou o tribunal publicará as cualificacións definitivas.
Caso de que desaparecese o material dun exame antes de finalizar o prazo de revisión, o/a alumno/a poderá solicitar a realización dunha nova avaliación nunha data previamente acordada co/a profesor/a. Caso de conflito, decidirá o decanato ou a dirección do centro a data de realización.
Os estudantes poderán reclamar contra as cualificacións que obtiveron nas convocatorias oficiais.
Unha vez que se realizou a revisión correspondente, se o/a alumno/a está desconforme coa cualificación que lle concedeu o/a profesor/a ou o tribunal, poderá presentar unha reclamación perante o decanato ou a dirección do centro.
As reclamacións perante o decanato ou a dirección do centro poderán presentarse a partir da data de publicación das cualificacións definitivas e ata 10 días hábiles despois do remate do prazo establecido no calendario académico oficial para a entrega de actas.
As reclamacións faranse mediante un escrito que se dirixirá ao decano(a)/director(a) do centro que se presentará no rexistro dese centro. O escrito deberá motivarse na alegación dalgunha/s da/s seguinte/s circunstancia/s:
Se a reclamación incumprir os requisitos especificados neste artigo, o decanato ou a dirección do centro requirirá ao alumno a súa emenda nun prazo de 5 días hábiles que se contarán desde a súa notificación; se transcorrido ese prazo non se proceder á emenda o decanato ou a dirección do centro terá por desistido ao alumno da súa reclamación.
Dentro dos 2 días hábiles seguintes á admisión a trámite da reclamación, o decanato ou a dirección do centro solicitará ao/s departamento/s responsable/s da materia un informe sobre a reclamación.
Para a elaboración do informe o departamento nomeará unha comisión, que estará formada por tres profesores/as de áreas competentes na materia obxecto de reclamación (da área de coñecemento da materia ou, de non ser posible, de áreas afíns) En ningún caso poderá participar o/a profesor/a responsable da cualificación da materia que se reclama, o cal, no entanto, deberá estar informado da existencia da reclamación.
Para a constitución da comisión e a elaboración do informe o departamento disporá de 7 días hábiles contados desde a recepción do pedimento do decanato ou dirección.
Dentro dos 5 días hábiles seguintes á recepción do informe do departamento, o decanato ou a dirección someterá o asunto á comisión académica/docente do centro, que decidirá tendo en conta as alegacións do/a estudante, do/a profesor/a e o informe do departamento. En ningún caso poderán participar na decisión nin o/a profesor/a responsable da cualificación nin o/a estudante recorrente.
A decisión adoptada notificarase á persoa recorrente no prazo máximo de 5 días hábiles desde a data da súa adopción.
Cando unha reclamación for estimada, o/a secretario/a do centro estenderá unha dilixencia en que se faga constar a nova cualificación, o órgano que resolveu e a data da resolución. Esta dilixencia contará co visto e prace do/a decano/a ou do/a director/a do centro.
Contra a resolución desestimatoria da reclamación poderá interpoñerse un recurso de alzada perante o reitor no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da súa notificación.
A resolución do reitor porá fin á vía administrativa. Contra ela, de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cabe interpoñer un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo de poder interpoñer calquera outro recurso que se estimar procedente.
Os/as profesores/as deberán conservar os exames e o material que se utilizou para a avaliación dos estudantes dun curso académico ata a finalización do seguinte curso académico.
Os/as estudantes poderán solicitar a devolución dos traballos e das memorias, que lles serán entregados unha vez que finalice o prazo de custodia que se fixou con anterioridade. As solicitudes realizaranse no último mes do prazo de custodia, durante o mes de setembro.
Caso de se interpoñer unha reclamación ou un recurso, os exames e o material que se utilizou para a avaliación da persoa que reclama deberán conservarse ata a resolución do último dos recursos. Neste caso, a persoa encargada da custodia será o/a decano/a ou o/a director/a do centro.
Agás con fins exclusivamente docentes, e citando inequivocamente a súa orixe, non se poderán empregar os traballos orixinais que entreguen os estudantes para a súa cualificación sen a autorización expresa dos/as alumnos/as.
O presente regulamento debe integrarse e interpretarse no que está disposto nos Estatutos da Universidade da Coruña e nas normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario.
Os centros e os departamentos, atendendo ás súas especificidades, poderán regular calquera outro aspecto mentres que non contraveña o establecido neste regulamento.
Quedan derrogadas as disposicións anteriores que foren contrarias á presente normativa.
O presente regulamento entrará en vigor na data de comezo dos exames da convocatoria de xuño aprobada polo Consello de Goberno da UDC para o curso 2005/06.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000