Normas de cualificacións e actas

(Aprobadas polo Consello de Goberno na súa sesión de 18 de novembro de 2003)

I.- CUALIFICACIÓNS

1.1.- Os resultados obtidos polo alumno en cada unha das materias do plano de estudos cualificaranse en función da seguinte escala numérica de 0 a 10, con expresión dun decimal, á que poderá engadirse a súa correspondente cualificación cualitativa:

  • 0 - 4,9: Suspenso (SS)
  • 5,0 - 6,9: Aprobado (AP)
  • 7,0 - 8,9: Notable (NT)
  • 9,0 - 10: Sobresaliente (SB)

A mención de "Matrícula de Honra" poderá ser concedida a alumnos que obtivesen unha cualificación igual ou superior a 9.0. O seu número non poderá exceder do cinco por cento dos alumnos matriculados nunha materia no correspondente curso académico, salvo que o número de alumnos matriculados sexa inferior a 20, neste caso poderase conceder unha soa "Matrícula de Honra".

1.2. Os créditos obtidos por recoñecemento de créditos correspondentes a actividades formativas non integradas no plano de estudos non serán cualificados numericamente nin computarán a efectos de cómputo da media do expediente académico.

1.3.- As cualificacións nas materias de libre elección corresponderanse coas das materias ordinarias.

1.4.- Daráselles a cualificación de non presentado a aqueles estudantes que, estando matriculados nunha materia, non concorran ás convocatorias oficiais de exame; sen prexuízo da facultade da que dispón o profesor para eximir da presentación a exame a aqueles estudantes que superaren a materia mediante outros sistemas de avaliación. O estudante sempre poderá acollerse ao dereito da proba final nas condicións en que figure no plano docente.

1.5.- Se no plano de estudos figuran prerrequisitos, enténdese que o estudante non poderá matricularse dunha materia ata non aprobar os seus prerrequisitos. Se no plano de estudos figuran correquisitos, enténdese que o estudante non poderá matricularse dunha materia se non está simultaneamente matriculado ou aprobou os seus correquisitos.

1.6.- Se o plano de estudos así o ten recoñecido e, de acordo co Artigo 9.2.5. do Real Decreto 1497/1987, de 27 de novembro, que establece directrices xerais comúns dos planos de estudo dos títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, poderanse valorar créditos por equivalencia no currículo do estudante pola realización de prácticas en empresas, por traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no plano de estudos, e pola acreditación de estudos realizados no marco de convenios internacionais subscritos pola universidade e recoñecidos por esta como con validez académica.

Os estudantes que cursen créditos por equivalencia non figurarán nas actas das materias correspondentes, debendo figurar no expediente do estudante a materia ou, se for o caso, o número de créditos que cursou "por equivalencia", especificando a orixe destes créditos.

1.7.- Os estudantes dos programas de intercambios (ERASMUS, SICUE, ...) non figurarán nas actas das correspondentes materias, debendo figurar no seu expediente académico a universidade, o programa, a materia cursada e a cualificación obtida.

II.- VALIDACIÓNS/ADAPTACIÓNS

2.1.- Denomínase validación ao recoñecemento, co fin de que causen efectos académicos en estudos conducentes a un título oficial, de estudos oficiais cursados en centros universitarios españois conducentes a distinto título oficial ou estudos cursados en centros universitarios estranxeiros.

A validación realizarase, se for o caso, pola Comisión de Planos de Estudos da universidade. As materias validadas figurarán con esa denominación no expediente do estudante.

2.2.- Denomínase adaptación ao recoñecemento, co fin de que causen efectos académicos en estudos conducentes a un título oficial, dos seguintes estudos:

  1. Aqueles conducentes ao mesmo título oficial e cursados noutros centros universitarios españois.
  2. Aqueles conducentes ao mesmo título oficial e cursados en centros desta universidade segundo planos de estudo a extinguir e conducentes ao mesmo título oficial, ou ao título que o substitúe.

As materias adaptadas figurarán como tales no expediente do estudante.

2.3.- As materias validadas terán a equivalencia en puntos correspondente á cualificación obtida no centro de procedencia; para as materias adaptadas computarase a cualificación obtida no centro de procedencia e o recoñecemento de créditos en que non exista cualificación non se terá en conta para os efectos de ponderación.

2.4.- Os estudantes que teñan materia validada ou adaptada non figurarán en acta.

III.- ACTAS DE EXAME

3.1.- Para cada materia troncal, obrigatoria ou optativa de cada plano de estudos a excepción do proxecto fin de carreira, e para cada convocatoria de exame, elaborarase unha ACTA única en que figuren todos os estudantes matriculados con excepción dos indicados nos puntos 1.6, 1.7 e 2.4.

No caso do proxecto fin de carreira, a acta incluirá unicamente aos estudantes que teñan presentado o proxecto en cada un dos períodos de defensa deste establecidos polo centro para cada unha das convocatorias de exame.

Para cada materia de libre elección, por cada titulación da que haxa matriculados estudantes nesta materia, e por cada convocatoria de exame, elaborarase unha acta única en que se incluirán todos os estudantes de dita titulación que se encontren matriculados na mencionada materia.

3.2.- Para cada estudante deberá consignarse a cualificación obtida, segundo o disposto nos apartados 1.1, 1.2, 1.3 e 1.4. destas Normas.

3.3.- As actas serán asinadas en todas as súas follas polo profesor responsable da materia ou, se for o caso, por todos os membros do correspondente tribunal.
Na última folla da acta, ademais da sinatura do profesor ou profesores, deberase indicar o nome e apelidos destes. Así mesmo ao final da acta deberá figurar o visto e prace do secretario do centro, no caso das actas das materias troncais, obrigatorias e optativas.

Os departamentos indicarán no plano de organización docente de cada curso académico, e para cada materia que imparta, o profesor ou profesores responsables da docencia.

En ningún caso poderán ser considerados responsables da docencia os axudantes.

3.4.- De se observaren inclusións ou omisións incorrectas de estudantes, o secretario do centro poderá estender, ao final da acta, a correspondente dilixencia de exclusión ou inclusión, especificando a razón. No caso de nova inclusión en acta, a correspondente cualificación será estendida de acordo co previsto no primeiro parágrafo do apartado 3.3.

3.5.- As cualificacións concedidas nas actas de exame só poderán ser modificadas por órgano distinto do que as outorgou por unha das seguintes causas:

  1. Resolución reitoral, por revisión de oficio ou en vía de recurso, cando proceder a anulación do acto da matrícula.
  2. Resolución reitoral en execución de sentencia xudicial firme.
  3. Sanción imposta por resolución reitoral firme en aplicación do réxime disciplinario que dea lugar á perda de cualificacións.
  4. Por estimación dos pedimentos de revisión das cualificacións solicitadas polos estudantes.

3.6.- Cando tiver lugar algunha das situacións previstas no apartado anterior estenderaá unha dilixencia o secretario do centro en que se faga constar a nova cualificación, o motivo da corrección, o órgano que resolveu e a data da resolución. Esta dilixencia contará co visto e prace do decano ou director de centro.

3.7.- As actas de exame deberán ser entregadas debidamente cubertas polo profesor correspondente na secretaría do centro, de acordo co procedemento e nos prazos que se establezan. O secretario do centro publicará a data a partir da cal se abre o prazo de reclamacións poñendo a disposición dos estudantes os datos correspondentes.
Contra as cualificacións poderá interpoñerse reclamación mediante escrito dirixido ao decano ou director do centro no prazo de quince días naturais contados a partir do seguinte ao da dita data de publicación. Contra a resolución do decano/director poderá interpoñerse recurso de alzada de acordo co previsto nas normas de procedemento administrativo común

Disposición transitoria

Os criterios para equivalencia de materias válidas, previstos no punto 2.3. da presente normativa non serán de aplicación para as validacións realizadas antes da entrada en vigor do RD 1044/2003, de 1 de agosto (BOE 11/9/2003).

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións anteriores que sexan contrarias á presente normativa.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000