Criterios de selección para acceso a segundos ciclos con limitación de prazas

O acceso aos segundos ciclos con limitación de prazas dos planos de ensino conducentes á obtención de títulos oficiais homologados de acordo co RD 1497/1987, e dos que se publicou a Orde pola que se determinan as titulacións e estudos de primeiro ciclo que dan acceso a un segundo ciclo determinado, desta Universidade, resolveranse conforme os seguintes criterios de selección:

  1. Poderán acceder a cada un destes estudos de 2º ciclo os que se encontren en posesión dos títulos de primeiros ciclos ou superaran os primeiros ciclos que se especifiquen na orde correspondente segundo se indica no anexo, cursando, se é o caso, os complementos de formación correspondentes.
  2. O ingreso nestes estudos de 2º ciclo sometidos a limitación de prazas requirirá a solicitude previa dos alumnos interesados, a dita solicitude e mais o procedemento para a súa resolución rexerase polos seguintes criterios e mais o establecido no RD 69/2000, de 21 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de ingreso nos centros universitarios que reúnan os requisitos legais necesarios para o acceso á Universidade.
  3. Esta limitación de prazas non afectará aos alumnos para os que o segundo ciclo sexa a continuación directa dos estudos iniciados no mesmo centro e titulación. Os alumnos que soliciten o ingreso para continuar os mesmos estudos iniciados noutras universidades, someteranse ao procedemento e prazos de admisión para continuar os ditos estudos.
  4. As solicitudes atenderanse na seguinte orde de prelación:

    a) En primeiro lugar as daqueles estudantes que obtivesen o título de primeiro ciclo ou superado o primeiro ciclo dos estudos que dan acceso á titulación solicitada, na convocatoria de xuño do ano en curso ou en convocatorias de cursos anteriores e presenten a solicitude dentro do prazo establecido.
    b) En segundo lugar, as daqueles alumnos que obtivesen o título de primeiro ciclo ou superado o primeiro ciclo dos estudos que dan acceso, na convocatoria de setembro do ano en curso, así como aqueles que aínda que poidan presentar a solicitude na primeira convocatoria, non o fixeran, e soamente para aquelas titulacións nas que resultaran prazas vacantes na fase anterior.
    c) En terceiro lugar, para os alumnos que tras o 1º cuadrimestre reúnan os requisitos académicos para o acceso e desexen formalizar a matrícula naquelas titulacións en que tras as dúas convocatorias ordinarias resultaran prazas vacantes.

  5. Os criterios de valoración para adxudicar as prazas dispoñibles entre alumnos que se encontren na mesma fase serán:
    A nota media do expediente académico nos estudos que acredite calculada ao abeiro dos criterios xerais acordados polo Consello de Universidades aos que fai referencia a disposición final segunda do RD 1497/1987 de 27 de novembro, polo que se establecen directrices xerais comúns dos planos de estudos.
    • Aprobado: 1
    • Notable: 2
    • Sobresaliente: 3
    • Matrícula de honra: 4
    Só se valorará a titulación ou ciclo que sexa requisito de acordo coa normativa vixente para o dito acceso.
  6. Cando un alumno solicite unha praza en máis dunha titulación, a súa solicitude resolverase consonte o seguinte:
    En caso de estar un alumno convocado á matricula nunha titulación das solicitadas que non sexa da súa primeira preferencia, manterase o seu dereito a matrícula ata cubrir todas as prazas nas titulacións de maior preferencia. Neste momento, deberá matricularse ou ben perderá os seus dereitos respecto da praza adxudicada, así mesmo, de ser convocado a matricularse nunha titulación, as solicitudes con preferencia menor serán automaticamente desestimadas.

Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000