Regulamento de avaliación por compensación

(Aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do 29 de setembro de 2011 e modificado polo Consello de Goberno na sesión do 24 de setembro de 2013)

Exposición de motivos

O presente regulamento pretende implantar, para todos os estudos impartidos pola Universidade da Coruña, conducentes á obtención dun título oficial con validez en todo o territorio nacional, o sistema de compensación de cualificacións.

A existencia de Tribunais de Compensación goza xa dunha ampla traxectoria nas universidades españolas. A súa xustificación académica vese reforzada nos nosos días pola positiva e progresiva implantación da avaliación curricular no conxunto de etapas e niveis educativos.

A avaliación curricular constitúe, por tanto, o fundamento dos Tribunais de Compensación. Estes intentan dar resposta a certas situacións académicas excepcionais que lle impiden ao estudante obter o título a que aspira debido a que non superou algúns créditos ou unha materia. A súa finalidade é xulgar o labor realizado polo estudante durante todos os seus anos de estadía na universidade e permite decidir se, en conxunto, está en posesión dos suficientes coñecementos e competencias profesionais para obter o título a que opta.

A creación de Tribunais de Compensación ten o seu fundamento legal no principio de liberdade académica das universidades (establecido no artigo 2.3 da Lei Orgánica 6/2001 de Universidades, do 21 de decembro), comprendendo a autonomía universitaria “a admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos dos estudantes” (segundo dispón o artigo 2.2.f da lei citada).

A experiencia derivada da progresiva implantación dos títulos académicos correspondentes ao Espazo Europeo da Educación Superior (EEES) e, xa que logo, da sucesiva extinción dos títulos académicos da anterior ordenación universitaria, aconsella modificar o Regulamento de avaliación por compensación, aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión do día 29/09/2011.

Consonte co exposto, modifícase o regulamento vixente, que se aproba de acordo co seguinte articulado:

Artigo 1. Requisitos

Concederase a avaliación por compensación en materias troncais, obrigatorias, optativas e en créditos de libre elección, correspondentes a títulos anteriores á adaptación de estudos universitarios ao EEES e en materias de formación básica, obrigatorias e optativas dos títulos pertencentes ao EEES, aos estudantes da Universidade da Coruña que cumpriren todos e cada un dos seguintes requisitos:

  1. Que, matriculados en calquera titulación oficial, cursasen, polo menos, o 50% desta na Universidade da Coruña.
  2. Que só lles reste unha materia para finalizar os estudos da titulación correspondente (coa excepción do Proxecto Fin de Carreira, Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Mestrado) e non transcorresen máis de tres cursos académicos desde a última convocatoria suspensa.
  3. Que esgotasen, como mínimo, dúas convocatorias de exame nas titulacións non adaptadas ao EEES e dúas oportunidades de avaliación nas titulacións de Grao e de Mestrado da materia que solicitan compensar.
  4. Que a nota media do seu expediente académico, sen computar a materia en que se solicita a compensación, sexa igual ou superior ao 80% da nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.
  5. Que estean matriculados na materia en que solicitan compensación, sempre que a normativa vixente llo permita. En caso contrario, deberán matricularse desa materia só aos efectos de concorrer ao procedemento de avaliación por compensación.

Artigo 2. Límites da solicitude

Con independencia dos requisitos establecidos no artigo 1, a avaliación por compensación estará suxeita aos seguintes límites:

  1. Cando se acceda a un segundo ciclo desde un primeiro ciclo con título terminal en que xa se efectuase a compensación dunha materia, non se terá dereito a outra avaliación por compensación. Do mesmo xeito, cando se acceda a unha titulación de grao por estar en posesión dun título oficial universitario que permita esa posibilidade (“curso ponte”, de acordo coa memoria verificada do plan de estudos) e xa se efectuase a compensación dunha materia, non se terá dereito a outra avaliación por compensación.
  2. Da mesma forma, cando no título previo que dá acceso a un Mestrado se concedera unha avaliación por compensación non se terá dereito a outra no título de Mestrado.
  3. Aqueles estudantes procedentes doutras universidades, a quen xa se lles concedese a avaliación por compensación curricular na súa universidade de procedencia, non a poderán solicitar de novo na Universidade da Coruña se están nos casos previstos nos apartados anteriores.
  4. En ningún caso serán obxecto de compensación o Proxecto de Fin de Carreira, o Traballo de Fin de Grao e o Traballo de Fin de Mestrado. O Prácticum e as Prácticas ou Estadías Clínicas poderán ser avaliadas por compensación no caso de que consten dunha parte teórica e doutra parte práctica e sempre que a primeira constitúa, como mínimo, o 50% dos créditos totais asignados a esa materia.
  5. Non se lles poderá conceder a avaliación por compensación a aqueles alumnos aos que lles conste algunha sanción no seu expediente académico.

Artigo 3. Órgano de resolución

a) Todos os centros da Universidade da Coruña contarán cun Tribunal de Compensación.

O Tribunal de Compensación é un órgano colexiado de carácter académico constituído nos centros por acordo do Consello de Goberno, co obxectivo de xulgar, por petición do estudante interesado e de acordo coa presente normativa, a aptitude global para recibir o título oficial correspondente.

b) O Tribunal de Compensación de cada centro estará formado por:

Presidente: decano, director ou vicedecano ou subdirector.

Secretario: secretario do centro.

Tres vogais profesores: profesores con vinculación permanente á universidade. Deberán estar representadas as diferentes áreas de coñecemento que teñan asignada docencia en materias troncais, de formación básica ou obrigatorias da titulación ou titulacións impartidas no centro, a razón dun profesor por área. No caso dunha titulación de Mestrado, deberá formar parte do Tribunal o profesor-coordinador do Mestrado de que se trate e no caso de que unha titulación de Grao teña coordinador, este tamén deberá formar parte do Tribunal. En ambos casos sen exceder do número de tres profesores vogais.

Un vogal membro do persoal de administración e servizos adscrito ao centro ou das Unidades de Xestión Académica Integrada (UXAI) que leven a súa administración.

Un vogal alumno de primeiro ou segundo ciclo (para os títulos non adaptados ao EEES), de grao ou mestrado, segundo o seu caso.

Os vogais titulares e os seus suplentes serán elixidos pola Xunta de Facultade ou Escola de entre os seus membros. No caso das UXAI serán designados polos mesmos órganos de entre o persoal destas unidades. A elección ou designación realizarase no primeiro mes do ano académico e renovaranse anualmente.

c) Non poderán formar parte dos tribunais aqueles profesores que interviñeran na corrección ou avaliación da materia que se solicita compensar. Se a avaliación por compensación correspondese a unha materia que fose avaliada por algún dos cargos académicos antes citados, este deberá ser substituído por outro profesor designado pola Xunta de Centro.

d) No caso de o centro impartir máis dunha titulación, e se a Xunta de Centro o estimar oportuno, poderá ser nomeado un tribunal distinto para cada unha delas.

Artigo 4. Constitución do tribunal de compensación

O tribunal quedará validamente constituído, logo da orde do seu presidente e convocatoria por escrito, se asistiren, cando menos, dous terzos dos seus membros, entre os que deben estar necesariamente o presidente e o secretario. De non se acadar o quórum necesario, constituirase validamente media hora despois en segunda convocatoria, sempre que estean presentes o presidente, o secretario e dous vogais. En caso contrario, realizarase unha nova reunión no prazo de 48 horas.

Os membros do tribunal que non acudan deberán xustificar de xeito adecuado e por escrito a súa inasistencia.
O tribunal deberase reunir como mínimo dúas veces ao ano, coincidindo coas convocatorias oficiais de exames de fin de carreira, para as titulacións non adaptadas ao EEES, coas oportunidades adiantadas de avaliacións, para as titulacións de Grao e de Mestrado e coa finalización do curso académico para todas elas. Nas titulacións de Grao e Mestrado deberase ter en conta, ademais, o caso excepcional previsto no artigo 5 deste regulamento.

Ademais, o tribunal poderá ser convocado de forma extraordinaria cando o seu presidente o considerar necesario.

Artigo 5. Procedemento de avaliación por compensación

a) Para as reunións fixadas no artigo 4, coincidentes con convocatorias/oportunidades de exames, a solicitude de avaliación por compensación irá dirixida, por medio dunha instancia do estudante, ao decano ou director do centro, dentro do prazo de 15 días hábiles que conta:

Para as titulacións non adaptadas ao EEES, a partir do remate do prazo de entrega das actas das convocatorias oficiais de exames de fin de carreira e setembro (xullo, para as titulacións que adapten o seu calendario ao do EEES).

Para as titulacións de Grao e Mestrado, a partir do remate do prazo de entrega das actas correspondentes ás oportunidades adiantadas de avaliacións e das actas finais de cada curso académico. Nestes ciclos admitirase tamén, de forma excepcional, que se realice a solicitude dentro do prazo dos 15 días hábiles, que conta a partir do remate do prazo de entrega das actas de primeira edición, correspondentes á primeira oportunidade das probas de avaliación para materias do primeiro cuadrimestre.

b) Para as reunións que poida convocar de forma extraordinaria o presidente do tribunal de compensación, por consideralo necesario, o centro deberá outorgar, sempre antes da celebración da reunión, un prazo de 15 días hábiles para a presentación das solicitudes dos estudantes e publicitar convenientemente este proceso.

c) Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Administración do centro ou, no seu caso a UXAI, enviarallas ao presidente do Tribunal, unha vez comprobado que cumpren con todos os requisitos establecidos nesta norma. Esta circunstancia será certificada por cada solicitude polo secretario do centro.

O tribunal de compensación deberá resolver no prazo máximo dun mes, que conta a partir da data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

O tribunal examinará todas as solicitudes presentadas. Se o estudante solicitante reunir todos e cada un dos requisitos necesarios e á súa solicitude non lle for de aplicación ningunha das limitacións establecidas no artigo 2 do presente regulamento, concederase a compensación da materia solicitada. En caso contrario, denegarase a solicitude. En ambos os casos, o secretario estenderá unha acta en que conste a resolución, que será asinada por todos os membros do tribunal validamente constituído.

En ningún caso se lle poderán realizar probas de exame ao estudante solicitante.

As decisións do tribunal de compensación deberán ser comunicadas por escrito ao estudante e publicadas no taboleiro de anuncios do centro para coñecemento público.

Contra o acordo do tribunal denegando a compensación cabe recurso de alzada ante o reitor no prazo dun mes desde que se efectúe a notificación. A resolución do reitor esgota a vía administrativa.

Artigo 6. Efectos académicos

A avaliación por compensación figurará no expediente do estudante sen cualificación e baixo as siglas CP.
As materias compensadas non poderán ser obxecto de validación ou recoñecemento en futuros estudos.

Disposición adicional

Os centros adscritos aplicarán esta modificación do Regulamento de Avaliación por Compensación logo de ratificación polos seus órganos de goberno.

Disposición final

Esta modificación entrará en vigor no curso académico 2013-2014.