Normativa de admisión de alumnos

(Aprobada na Xunta de Goberno do 7 de xuño de 2000)

As solicitudes dos estudantes procedentes doutras universidades que desexaren iniciar ou continuar estudos nesta universidade, así como as dos estudantes desta universidade que desexaren continuar os mesmos estudos en centros situados en distinto campus e as dos estudantes con estudos estranxeiros, resolveranse conforme aos seguintes criterios:

PRIMEIRO.- INICIO DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS

Os estudantes que desexaren iniciar estudos de primeiro ciclo, en titulacións da Universidade da Coruña, deberán solicitar a admisión na titulación que corresponder, acreditando que reúnen os requisitos esixidos na lexislación vixente para o acceso aos estudos.

  1. Titulacións con límite de prazas As solicitudes presentaranse nos LERDs, nos prazos establecidos pola CIUG.
    A CIUG ordenará as solicitudes e adxudicará as prazas dispoñibles de acordo co establecido no RD 69/2000 do 21 de xaneiro e no convenio asinado polas tres universidades galegas.
  2. Titulacións sen límite de prazas
    As solicitudes presentaranse no centro en que se imparten os estudos que o/a alumno/a pretende cursar. Terán dereito a ser admitidos todos aqueles alumnos que acrediten cumprir os requisitos esixidos para o ingreso na correspondente titulación.

SEGUNDO.- CONTINUACIÓN DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS

Os estudantes que iniciaron os estudos noutra universidade e desexen continuar os mesmos estudos na Universidade da Coruña poderán solicitar a súa admisión, sempre que cumpriren os seguintes requisitos:

  1. Teren superado integramente o primeiro curso de destes estudos, no caso de ensinanzas non renovadas ou 60 créditos no caso de ensinanzas renovadas.
  2. Non teren esgotadas as convocatorias establecidas nas normas de permanencia da universidade.

Os estudantes que non cumpriren os requisitos establecidos nos apartados anteriores, quedarán sometidos ó réxime xeral de adxudicación de prazas.

  1. Titulacións con límite de prazas

    Establécese unha limitación para a admisión de estudantes para continuaren estudos dun 10% do límite de prazas establecido para acceso ao primeiro curso.

    As solicitudes serán ordenadas para a adxudicación das prazas dispoñibles segundo a nota media do seu expediente académico á convocatoria de xuño do ano en curso.

    A nota media do expediente académico calcularase segundo os criterios seguintes:
    Suma dos créditos multiplicados cada un deles polo valor da cualificación que corresponder, a partir da táboa de equivalencia (Non presentado, Suspenso ou Anulación: 0; Aprobado: 1, Notable: 2. Sobresaliente: 3. Matrícula de Honra: 4), e dividido pola suma do número de créditos das materias nas que estivo matriculado algunha vez.

    Para estes efectos as materias validadas terán unha equivalencia de 1; para as materias adaptadas computarase a cualificación obtida no centro de procedencia e o recoñecemento de créditos en que non exista cualificación non se terá en conta para os efectos de ponderación.

    Nos planos de estudo non estruturados en créditos, o cálculo da nota media efectuarase seguindo o criterio seguinte:
    Suma das materias multiplicando cada unha delas polo valor da cualificación que corresponder, a partir da mesma táboa que se contén no parágrafo anterior. O resultado dividirase polo número total de materias nas que estivo matriculado o/a estudante. No caso de materias cuadrimestrais ou semestrais contabilizarase a metade do valor da cualificación na suma e a metade da materia no divisor. Para estes efectos, non se terán en conta as materias que aparezan superadas sen nota, nin as materias voluntarias.

  2. Titulacións sen límite de prazas

    As solicitudes presentaranse no centro en que se imparten os estudos que o/a alumno/a pretende continuar. Terán dereito a ser admitidos todos aqueles alumnos que acrediten cumprir os requisitos esixidos para continuaren os estudos na mesma titulación.

TERCEIRO.- ESTUDOS ESTRANXEIROS

As solicitudes de prazas de estudantes con estudos universitarios estranxeiros parciais, ou completos que non foren homologados polo Ministerio de Educación e Cultura indicando expresamente a posibilidade de validación parcial para os efectos de continuar os mesmos estudos ou equivalentes en universidades españolas, resolveranse de acordo cos seguintes criterios:

  1. Titulacións con límite de prazas:
    Só poderán ser admitidos aqueles estudantes a que se lles valide o primeiro curso completo (planos antigos) ou un mínimo de 60 créditos (planos novos). Ademais deberán ter unha cualificación media no seu expediente académico igual ou superior ao último admitido segundo o apartado segundo.1.
  2. Titulacións sen límite de prazas:
    Só poderán ser admitidos aqueles estudantes a que se lles valide 1 materia (planos antigos) ou un mínimo de 15 créditos (planos novos).
    Os estudantes que non obteñan validación parcial deberán superar a proba de acceso ás universidades españolas, salvo que os estudos preuniversitarios que lles foren validados dean acceso directo á universidade sen necesidade de superaren probas de acceso, sen prexuízo das prioridades temporais e criterios de valoración establecidos no Real Decreto 69/2000 do 21 de xaneiro.

CUARTO.- ACCESO A SEGUNDOS CICLOS

  1. Segundos ciclos sen limitación de prazas
    Os estudantes deberán solicitar a admisión no centro en que se imparte a titulación, ao segundo ciclo da cal pretenden acceder, acreditando que reúnen os requisitos legais esixidos para o acceso ao citado segundo ciclo.
  2. Segundos ciclos con limitación de prazas
    1. Segundo ciclo de estudos que constitúan continuación directa dun primeiro ciclo.
      Poderán acceder os estudantes que cursasen ou estean a cursar o correspondente primeiro ciclo noutra universidade, resolvéndose as solicitudes de conformidade coas previsións que contén o apartado segundo 2 sobre cambio de universidade.
    2. Segundo ciclo que non constitúe continuación directa dun primeiro ciclo cursado, estudos de só segundo ciclo.
      En tanto que pola Comunidade Autónoma non se establezan as prioridades e criterios de valoración, así como a porcentaxe mínima de prazas a reservar a estudantes procedentes doutras universidades, aplicaranse os “Criterios de selección para o acceso a segundos ciclos con límitación de prazas” aprobados pola Xunta de Goberno do 29 de xuño de 1995.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

  1. Non se admitirán alumnos en cursos extinguidos.
  2. As situacións excepcionais que non se axustaren ao anteriormente establecido deberán xustificarse debidamente e tramitaranse de acordo co procedemento legalmente establecido.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta normativa entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación pola Xunta de Goberno


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000