Investigación

A actividade investigadora do persoal adscrito ao Departamento de Letras abranxe liñas de investigación relevantes e diversificadas, no ámbito lingüístico (análise do discurso, lingüística de corpus, lexicografía, gramática, ensino de linguas, historia das linguas etc.) e no literario e cultural (estudos de xénero, ecocrítica, estudos culturais, teoría poscolonial, historia literaria, crítica textual etc.), con especial atención aos ámbitos culturais anglófono, hispánico e galego-portugués. 

A maior parte do persoal do departamento está organizada en grupos e unidades de investigación que se definen pola afinidade nas liñas de investigación dos seus membros, mais algúns dos integrantes do departamento desenvolven a súa investigación de forma individual.

A excelencia da actividade investigadora dos membros do Departamento de Letras foi obxecto de recoñecemento reiterado a través da concesión de proxectos en convocatorias competitivas, axudas á consolidación, redes de investigación etc. e da obtención de sexenios de investigación.

O persoal investigador do departamento, ademais dos membros do profesorado, engloba tamén un destacado número de persoal en formación que obtivo contratos en convocatorias competitivas (FPU, FPI) e persoal con contratos posdoutorais (IC2, Juan de la Cierva).