Introdución

A guía de identidade corporativa da Universidade da Coruña recolle e define as normas básicas de comunicación aplicadas á imaxe institucional, co fin de que esta poida ser recoñecida na sociedade de modo rápido e eficaz, unitario e coherente.

É complementaria do "Regulamento de símbolos, honras e protocolo da Universidade da Coruña", reformado na sesión de Consello de Goberno do 30 de outubro de 2008. No artigo 20 do Regulamento distínguese entre o emblema, agora reservado para usos exclusivamente protocolarios, e a identidade corporativa aquí desenvolvida, que será a utilizada para rotulación, comunicación impresa, representación, cartelaría, publicidade, sinaléctica, correo electrónico, usos na web e similares.

No mesmo artigo indícase que a identidade corporativa deberá axustarse necesariamente ao que establece esta guía. Todas as aplicacións de imaxe deberán conter os elementos de identidade corporativa tal como se presentan, tanto na parte do símbolo gráfico como na do logotipo ou parte verbal. Non será válida a súa manipulación ou o uso doutras tipografías.

Non é recomendable a multiplicación de marcas ou imaxes propias de centros, departamentos, institutos universitarios ou órganos dependentes, que afecta a imaxe unitaria e coherente que se procura para a Universidade. Cando existiren, estas marcas secundarias irán acompañadas do símbolo e logotipo de identidade corporativa, que ocupará o espazo esquerdo ou preferente. Para a comunicación externa e a publicidade, e salvo causa xustificada, será a identidade corporativa da UDC, co logotipo “Universidade da Coruña”, a única utilizada.

A xestión da identidade corporativa e das normas sobre imaxe correspóndelle ao Gabinete de Comunicación, que será o órgano encargado de aprobar as posibles marcas secundarias dos organismos universitarios e de resolver a aplicación da Guía aos diferentes soportes. comunicacion@udc.es

A guía procura un carácter práctico e inmediato, visual, sen entrar en precisións teóricas ou conceptuais. Pola mesma razón, é un instrumento útil que permite a descarga de modelos para uso inmediato, tanto nos formatos habituais na ofimática como en aplicacións específicas de imprenta ou de deseño gráfico.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000