Procedementos

Consideracións xerais

  • Calquera membro da comunidade universitaria que se dirixir á oficina do valedor universitario deberá comunicar os datos básicos que permitan a súa identificación.
  • A oficina do valedor universitario garante a debida reserva e confidencialidade dos asuntos tramitados e, especialmente, da identidade de quen formalizar a solicitude de intervención deste órgano. O valedor universitario conta cun rexistro propio de carácter reservado.

Consultas

  • Por teléfono.
  • Por escrito, vía correo electrónico ou correo postal.
  • Mediante entrevista persoal, que poderá concertarse por teléfono ou a través do correo electrónico.

Queixas e reclamacións

  • Poden presentarse de maneira individual ou colectiva polas persoas interesadas. Os representantes dos diferentes sectores da comunidade universitaria poderán canalizar as queixas e reclamacións dos seus representados.
  • Formularanse por escrito dirixido ao valedor universitario, con liberdade de forma, sen prexuízo da existencia de modelos de solicitude que facilitan a súa presentación. Con carácter previo á presentación do escrito, pode solicitarse unha entrevista persoal co valedor universitario. Así mesmo, á vista da reclamación formulada, este pode requirir a comparecencia das persoas reclamantes para comentar ou esclarecer todos os aspectos que considerar oportunos.
  • O escrito de reclamación deberá conter o nome e os apelidos de quen a formula, o número do seu documento oficial de identidade ou pasaporte, o sector a que pertence e o seu enderezo para os efectos de notificación. Nel deberán concretarse, con suficiente clareza, os feitos que orixinan a reclamación, o motivo e o alcance da pretensión exposta e o pedimento que se dirixe ao valedor universitario.
  • O escrito de reclamación pode entregarse persoalmente na oficina do valedor universitario ou remitirse vía correo electrónico ou correo postal.
  • O valedor universitario emitirá un xustificante de recepción de todas as reclamacións presentadas, as cales serán admitidas ou non, motivadamente, no prazo máximo de quince días hábiles.
  • Admitida a reclamación, o valedor universitario adoptará as medidas de investigación que considerar necesarias para o esclarecemento dos feitos. Nestes casos, dará conta do contido substancial do escrito á persoa ou ao órgano administrativo pertinentes para que, no prazo de quince días hábiles, fagan as alegacións oportunas, entreguen a documentación conveniente ou comparezan para informar.
  • Rematada a instrución, o valedor universitario deberá notificar formalmente a súa resolución ás persoas interesadas. Tamén a comunicará aos órganos universitarios afectados, coas suxestións ou as recomendacións que considerar convenientes para a emenda, no seu caso, das deficiencias apreciadas.

Mediación e conciliación

  • As solicitudes de mediación e conciliación formalizaranas as persoas interesadas no Rexistro do valedor universitario mediante un escrito asinado polas dúas partes e en que constarán os seus datos persoais, os sectores a que pertencen e os seus enderezos para os efectos de notificación. Nel concretaranse con clareza os feitos que motivan a solicitude, o alcance da pretensión que se formula e o pedimento mediador ou conciliador que se dirixe ao valedor universitario.
  • Os acordos que resultaren da sesión de mediación ou da de conciliación poderán recollerse nunha acta que deberá figurar asinada polo valedor universitario e polas persoas que solicitasen a mediación ou a conciliación.

Actuacións de oficio

Cando o valedor universitario tiver coñecemento fidedigno de feitos que puidesen atentar contra dereitos de calquera membro da comunidade universitaria, individual ou colectivamente, ou do mal funcionamento administrativo dalgunha unidade, poderá iniciar unha investigación de oficio e elaborar un informe que será remitido ás partes interesadas ou aos órganos ou autoridades universitarias correspondentes para repararen estes feitos coa adopción das medidas oportunas.