Marco de actuación
- Co fin de mellorar a calidade universitaria en todos os seus ámbitos, o valedor universitario cumpre as funcións que ten encomendadas con independencia, obxectividade e autonomía no marco que establecen os Estatutos da Universidade da Coruña e o resto do ordenamento xurídico.
- No exercicio das súas funcións, o valedor universitarionon está sometido a mandato imperativo de ningún tipo, nin recibe instrucións de ningunha autoridade académica nin órgano de goberno unipersoal ou colexiado.
- O valedor universitario poderá solicitar da administración universitaria a colaboración que considerar axeitada para o desenvolvemento das súas funcións. Os órganos colexiados e unipersoais, así como os diversos servizos da Universidade da Coruña, deberán prestarlle a axuda necesaria para o cumprimento das súas funcións dentro do prazo que fixar.
- Durante a fase de instrución, o valedor universitario poderá acudir a calquera dependencia da Universidade da Coruña para comprobar todos os datos que foren necesarios, facer as entrevistas persoais debidas ou proceder ao estudo da documentación necesaria.
- As decisións e as resolucións do valedor universitario non teñen a consideración de actos administrativos e non serán obxecto de ningún recurso. Tampouco son xuridicamente vinculantes e non modificarán por si propias acordos ou resolucións emanadas dos órganos da Universidade da Coruña.
- En ningún caso poderá actuar en relación con actos que esgotaren a vía administrativa ou contra os que se interpuxer un recurso administrativo ou xudicial.
- Non entrará no exame daquelas reclamacións que estivesen pendentes de resolución nun proceso xudicial ou nun expediente administrativo.
- Non admitirá reclamacións anónimas, as formuladas con insuficiente fundamento ou inexistencia de pretensión e todas aquelas outras cuxa tramitación prexudicar dereitos lexítimos de terceiras persoas.
- O valedor universitario é elixido pola maioría absoluta do Claustro Universitario, ante o que deberá presentar anualmente unha memoria das actuacións desenvolvidas durante o curso académico.