Lei de prevención de riscos laborais

Artigo 39. Competencias e facultades do Comité de Seguranza e Saúde

1. O Comité de Seguranza e Saúde terá as seguintes competencias:
a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos na empresa. Para tal efecto, no seu seo debateranse, antes da súa posta en práctica e no referente á súa incidencia na prevención de riscos, a elección da modalidade organizativa da empesa e, no seu caso, a xestión realizada polas entidades especializadas coas que a empresa concertara a realización de actividades preventivas; os proxectos en materia de planificación, organización do traballo e introdución de novas tecnoloxías, organización e desenvolvemento das actividades de protección e prevención a que se refire o artigo 16 desta lei e proxecto e organización da formación en materia preventiva.
b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos e proporlle á empresa a mellora das condicións ou a corrección das deficiencias existentes.

2. No exercicio das súas competencias, o Comité de Seguranza e Saúde estará facultado para:
a) Coñecer directamente a situación relativa á prevención de riscos no centro de traballo, para o cal se realizarán as visitas que se estimaren oportunas.
b) Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo foren necesarios para o cumprimento das súas funcións, así como os procedentes da actividade do servizo de prevención, se é o caso.
c) Coñecer e analizar os danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores, co fin de avaliar as súas causas e propoñer as medidas preventivas oportunas.
d) Coñecer e informar a memoria e programación anual dos servizos de prevención.

3. Co fin de dar cumprimento ao disposto nesta lei respecto da colaboración entre empresas nos supostos de desenvolvemento simultáneo de actividades nun mesmo centro de traballo, poderase acordar a realización de reunións conxuntas dos comités de seguranza e saúde ou, no seu defecto, dos delegados de prevención e empresarios das empresas que careceren dos devanditos comités, ou outras medidas de actuación coordinada.