Lei de prevención de riscos laborais (LPRL)

Artigo 35. Delegados de prevención

1. Os delegados de prevención son os representantes dos traballadores con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo.
2. Os delegados de prevención serán designados por e entre os representantes do persoal, no ámbito dos órganos de representación previstos nas normas a que se refire o artigo anterior, de acordo coa seguinte escala:
De 50 a 100 traballadores 2 delegados de prevención
De 101 a 500 traballadores 3 delegados de prevención
De 501 a 1000 traballadores 4 delegados de prevención
De 1001 a 2000 traballadores 5 delegados de prevención
De 2001 a 3000 traballadores 6 delegados de prevención
De 3001 a 4000 traballadores 7 delegados de prevención
De 4001 en adiante 8 delegados de prevención
Nas empresas de ata trinta traballadores o delegado de prevención será o delegado de persoal.
Nas empresas de trinta e un a corenta e nove traballadores haberá un delegado de prevención que será elixido por e entre os delegados de persoal.
3. Para os efectos de determinar o número de delegados de prevención teranse en conta os seguintes criterios:
a) Os traballadores vinculados por contratos de duración determinada superior a un ano computaranse como traballadores fixos do cadro de persoal.
b) Os contratados por prazo de ata un ano computaranse segundo o número de días traballados no período dun ano anterior á designación. Cada douscentos días traballados ou fracción computaranse como un traballador máis.
4. Malia o disposto neste artigo, nos convenios colectivos poderanse establecer outros sistemas de designación dos delegados de prevención, sempre que se garanta que a facultade de designación corresponde aos representantes do persoal ou aos propios traballadores.
Así mesmo, na negociación colectiva ou mediante os acordos a que se refire o artigo 83, alínea 3, do Estatuto dos Traballadores poderase acordar que as competencias recoñecidas nesta lei aos delegados de prevención sexan exercidas por órganos específicos creados no propio convenio ou nos acordos nomeados. Os devanditos órganos poderán asumir, nos termos e conforme ás modalidades que se acordaren, competencias xerais respecto do conxunto dos centros de traballo incluídos no ámbito de aplicación do convenio ou do acordo, co fin de fomentar o mellor cumprimento nestes da normativa sobre prevención de riscos laborais.
Igualmente, no ámbito das administracións públicas poderanse establecer, nos termos sinalados na Lei 7/1990, do 19 de xullo, sobre negociación colectiva e participación na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos, outros sistemas de designación dos delegados de prevención e acordarse que as competencias que a dita lei atribúe a estes poidan ser exercidas por órganos específicos.