A Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías convoca, a continuación, o profesorado da UDC, para a modificación ou para a nova creación de grupos departamentais de calidade (GDC).
Estes grupos intra ou interdepartamentais teñen como finalidade o avance na conversión de materias ao sistema ECTS, realizando as guías docentes informatizadas en que recollerán os principios pedagóxicos en que se basean para o desenvolvemento das competencias que definan nas súas materias. Estes grupos representan a opción da Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías respecto da formación permanente do profesorado. É no seu contexto onde a reflexión sobre a práctica e a mellora, a través da investigación sobre a acción, deben ter lugar.
A estas alturas do proceso de converxencia europea e, a pesar das dificultades, é imprescindible continuar traballando na concienciación progresiva do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e dos estudantes, sobre a necesidade de asumir, o antes posible, os cambios que se están a producir no Espazo Europeo de Ensino Superior.
Para actualizar todos os grupos existentes na presente convocatoria deberán tomar parte tanto os grupos xa consolidados como aqueloutros que soliciten modificación ou os grupos de nova creación.
Os grupos existentes que desexen continuidade, por tanto, deberán facer a súa petición de continuación.
Poderao solicitar o profesorado dun único ou de varios departamentos que se agrupen coa finalidade de iniciar a transformación de, cando menos, unha materia por profesor/a dun plano de estudos oficial e vixente. O grupo poderá estar formado por un mínimo de dous e un máximo que establecerá o propio grupo.
Os membros destes grupos recibirán, xunto coa comunicación da concesión, a autorización da Vicerreitoría de Organización Académica para solicitaren do decanato ou da dirección correspondente a substitución dun 30% do ensino presencial por un volume equivalente de traballo dirixido do estudantado. A petición da substitución é voluntaria e concretarase no horario docente como mellor sirva os fins da presente convocatoria (no horario semanal, no inicio do curso, a final de curso etc.). Estes traballos dirixidos terán que estar recollidos na solicitude de creación do grupo e nos programas das materias correspondentes. Nos horarios lectivos dos centros farase explícita a mención “Materia en Grupo Departamental de Calidade“.
As persoas interesadas presentarán, no Rexistro Xeral da Universidade a súa solicitude, segundo o modelo que se fixa nesta convocatoria, desde o día 25 de setembro ata as 14:00 horas do 8 de outubro de 2008 e disporán dun prazo de 10 días hábiles para corrixiren os erros. Xunto coa solicitude presentarán unha breve memoria en que se especificarán as materias sobre as que se traballará, os obxectivos que se perseguen e o plano de traballo do grupo.
A Vicerreitoría resolverá esta convocatoria, segundo a proposta que realice a comisión designada para o efecto.
A Comisión estará formada polas seguintes persoas:
A resolución da convocatoria seralles comunicada ás persoas solicitantes e publicarase na web da Universidade.
Será de 15 días hábiles desde que remate o prazo de presentación de solicitudes que establece a convocatoria. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer, perante o Magfo. Sr. Reitor, un recurso de alzada (por aplicación do que dispón o artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) no prazo dun mes, que conta a partir do día seguinte á recepción da resolución, sen prexuízo doutro recurso que se estimar procedente.
Os equipos entregarán a memoria do traballo que realizasen e a súa proposta de programas ECTS, ou a situación do traballo que realicen sobre as materias correspondentes, antes do 30 de xuño de 2009. A entrega desta memoria é condición indispensable para poder optar á renovación. Esta poderase realizar, como se terá que especificar no seu momento, para a conversión de novas materias ao sistema ECTS ou ben para realizar proxectos de continuidade sobre as materias da presente convocatoria.
A Coruña, 23 de setembro de 2008
A vicerreitora de Calidade e Novas Tecnoloxías
Elena Sierra Palmeiro
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000