O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña convocan os premios de investigación González Llanos, Concepción Arenal, Enxeñeiro Comerma e Antonio Usero de acordo coas seguintes bases:
- Os premios teñen como finalidade apoiar e impulsar os labores de investigación realizados no ámbito universitario e no mundo empresarial na enxeñaría naval, as humanidades, a enxeñaría industrial, a saúde e as CC. do traballo respectivamente.
- Estes premios terán carácter bianual. Nos anos pares serán convocados os premios de investigación González Llanos de enxeñaría naval e Concepción Arenal de humanidades, e nos impares os premios de investigación Enxeñeiro Comerma de enxeñaría industrial e Antonio Usero de saúde ou ou CC. do traballo (en alternancia). Todos os premios, que serán indivisibles, están dotados con 12 000 euros, e o xurado poderá propor, de forma motivada, que sexan declarados desertos. Por outra banda, aplicaránselles as retencións que no seu caso estiveren previstas na normativa tributaria vixente.
- As solicitudes deberán presentarse antes do 31 de maio do ano correspondente a cada convocatoria a través do Rexistro Xeral da Universidade (r/ Maestranza s/n, 15001 A Coruña), do rexistro auxiliar de Ferrol (r/ Dr. Vázquez Cabrera s/n, 15403 Ferrol), do rexistro auxiliar de Elviña (Casa do Lagar, 15071 campus de Elviña, A Coruña) ou por calquera outro procedemento que contemple a Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99, de 13 de xaneiro de 1999.
- Poderán ser candidatos os investigadores ou equipos de investigación españois ou estranxeiros, do ámbito universitario ou empresarial, que desenvolvan o seu traballo nas áreas obxecto destes premios.
- Os traballos deberán estar redactados en calquera das linguas que o Estatuto de Autonomía de Galicia sinala como oficiais no territorio desta comunidade autónoma (galego e castelán).
- O impreso de solicitude deberá ir acompañado dunha memoria explicativa do traballo realizado en que se especifiquen os obxectivos, a metodoloxía e as aplicacións prácticas dos resultados, o currículo dos candidatos e a aceptación das bases do premio. Achegaranse cinco copias de toda a documentación que acompañe o impreso.
- Xunto coa memoria estipulada nas bases xerais os candidatos poderán achegar no momento de presentaren a súa solicitude calquera outra documentación que estimaren oportuna para avalar a calidade dos traballos. Do mesmo xeito, deberán presentar cinco exemplares desta documentación.
- Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, así como, en todo caso, representar un avance dentro do ámbito de coñecemento a que corresponderen. Enténdese por inéditos aqueles que non teñen NIPO (número de identificación das publicacións oficiais) ou ISBN (número de libro estándar internacional), agás que corresponder ao/a propio/a investigador/a.
- O xurado estará formado polos seguintes membros:
. O/a alcalde/esa de Ferrol ou a persoa en quen delegar, que como presidente/a terá voto de calidade.
. Dous especialistas de recoñecido prestixio no ámbito de investigación correspondente.
. Dous investigadores da Universidade da Coruña pertencentes ao ámbito de investigación correspondente.
. Un/ha representante do persoal da administración do campus de Ferrol que actuará como secretario/a, con voz mais sen voto.
- O fallo do xurado, que será inapelable, darase a coñecer antes do 30 de setembro do ano correspondente á convocatoria de cada premio; os premios poderán ser declarados desertos. A proclamación dos gañadores e a entrega dos premios terán lugar durante un acto público. As persoas gañadoras autorizan expresamente os organizadores a publicaren e divulgaren os seus nomes e apelidos no momento de se facer público o fallo.
- A documentación correspondente aos traballos que non foren premiados quedará á disposición dos seus autores durante un prazo máximo de tres meses a partir da data en que se fixer público o fallo do premio. Transcorrido este prazo a documentación que non for retirada será destruída.
- O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña non poderán exercer os dereitos que lles correspondan sobre a propiedade científica dos traballos que resultaren premiados, nin publicar os traballos premiados sen a autorización expresa dos seus autores.
- O feito de se presentar a calquera destes premios supón a aceptación das presentes bases e que se cumpren os requisitos mencionados.
- Tanto a actuación do xurado como todos os demais aspectos do procedemento esgotarán a vía administrativa.