UDC Saudable

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña na súa sesión do 28 de novembro de 2014 aprobou a adhesión da entidade académica coruñesa á Rede Española de Universidades Saudables.

Este compromiso implica que a UDC tivo que facer un proxecto de traballo que promove a saúde na cultura universitaria, nas súas políticas institucionais, estrutura, procesos e planos de estudos, así como a identificación das necesidades da comunidade universitaria, áreas de traballo e estratexias de intervención.

Rede Española de Universidades Saudables (REUS)

A Rede Española de Universidades Saudables (REUS) está formada por un conxunto de Institucións comprometidas coa promoción da saúde na contorna universitaria.

É unha iniciativa a favor da saúde na que actualmente participan universidades de toda España, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e algunhas Estruturas Autonómicas de Saúde Pública. Esta rede constituíuse o 22 de Setembro de 2008 co obxectivo de reforzar o papel das Universidades como entidades promotoras da saúde e o benestar dos seus estudantes, o seu persoal, e da sociedade no seu conxunto, liderando e apoiando procesos de cambio social.

Actualmente existe un Acordo Marco de Colaboración entre o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas para o desenvolvemento da Rede Española de Universidades Saudables.

O traballo en rede é esencial en promoción da saúde, entendendo por rede unha agrupación de individuos, organizacións e axencias, organizados de forma non xerárquica ao redor de temas ou preocupacións comúns, que se abordan de maneira activa e sistemática, sobre a base do compromiso e a confianza.

A Universidade como entorno promotor de saúde

En 1986, a Carta de Ottawa para a Promoción da Saúde establecía como unha das cinco áreas de acción prioritarias para promocionar a saúde “a creación de contornas que apoien a saúde”. As contornas ou escenarios son definidos como aqueles lugares e contextos sociais onde as persoas desenvolven actividades diarias e no cal interactúan factores ambientais, organizativos e persoais que afectan a saúde e o benestar dos que viven, traballan, aprenden,...nel.

A universidade reúne varias das características destas contornas; por unha banda, é un centro de traballo, por outro é un centro educativo e, ademais, é unha institución de especial relevancia en tanto que investiga e garante o avance da nosa sociedade a través da formación dos cadros do futuro.

Os centros universitarios, ademais de ser motor de investigación e formación dos profesionais do futuro, son contornas vivas onde interactúan factores ambientais, organizativos e persoais que afectan á saúde e ao benestar. Para considerarse saudable, unha universidade debe adquirir un compromiso global de cara á saúde e desenvolver o seu potencial como axente promotor da saúde, o benestar e a calidade de vida dos que nela estudan e traballan.

Unha universidade saudable ha de ser unha contorna que protexa e favoreza a saúde, promovendo coñecementos e habilidades orientados a que os estudantes e traballadores adquiran estilos de vida saudables, proporcionando as infraestruturas e espazos necesarios, e favorecendo a socialización e as actividades de lecer saudables.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000

dominio .gal