Normas básicas de transferencia de documentación ao centro de documentación e arquivo(CEDAR)
(Instrución do secretario xeral de 19 de maio de 2006)
- A transferencia de documentación ao Centro de Documentación e Arquivo (en diante: CEDAR) é un proceso polo que se traspasa documentación física e tamén a responsabilidade sobre a súa custodia e o seu tratamento. Este proceso debe ser supervisado polo persoal do centro e debe realizarse de forma ordenada. As transferencias deben ser previamente autorizadas polo CEDAR e deben ir acompañadas da documentación necesaria, tal e como se indica nestas normas.
- Estas normas refírense unicamente á documentación administrativa sobre papel. Os documentos que poidan existir baixo outros soportes (material informático, fotografías, vídeos, gravacións sonoras etc.) requiren un tratamento específico.
- Agás as excepcións xustificadas, non se transferirá documentación de menos de 5 (CINCO) anos de antigüidade ou cuxa tramitación administrativa non estea concluída.
- As unidades que desexaren realizar unha transferencia de documentación, poñeranse en contacto co CEDAR e informarán sobre os documentos que queren transferir. O CEDAR valorará a dispoñibilidade de espazo e calquera outra circunstancia que afectar á transferencia e indicará á unidade administrativa se procede ou non a transferencia.
- A unidade administrativa cubrirá por duplicado o Formulario de Transferencia de Documentos, onde constarán os datos da unidade produtora e os seguintes datos sobre o contido das caixas que se envían:
- “Número de orde”. Numeración que lle dá a unidade produtora a cada caixa.
- “Descrición”. Breve descrición do contido de cada caixa.
- “Datas extremas”. Data máis antiga e data máis recente (en anos) da documentación contida na caixa.
- Deberán remitirse ao CEDAR os dous exemplares impresos do formulario e por correo electrónico (cedar@udc.es) o formulario en soporte informático. O CEDAR propoñerá as modificacións necesarias, se for o caso. Se non hai modificacións, o CEDAR autorizará a transferencia e acordará coa unidade administrativa a data do traslado da documentación.
- Despois de se autorizar a transferencia, a unidade administrativa deberá asegurarse de que a documentación estea nas condicións axeitadas de conservación e de instalación. Comprobaranse, polo menos, os seguintes aspectos:
- A documentación debe estar en caixas normalizadas de arquivo, que serán proporcionadas previamente polo CEDAR. Cando polo seu tamaño ou polas súas características a documentación non poida ser introducida nestas caixas, utilizarase o formato máis conveniente de acordo co CEDAR.
- Todas as caixas estarán numeradas claramente, de forma que se identifiquen con facilidade e sen posibilidade de erro.
- Deben evitarse as caixas demasiado cheas, que poderían abrirse ou desfondarse, ou demasiado baleiras, en que a documentación tende a dobrarse.
- Ningún expediente debe quedar dividido en dúas caixas distintas. Se for imprescindible, esta circunstancia será indicada no Formulario de transferencia de documentos e en cada parte do expediente.
- Para conservar unidos varios documentos, utilizaranse carpetas e subcarpetas. Na medida do posible os expedientes deben estar libres de clips e grampas, gomas, anelas, post-it, carpetas de plástico ou calquera outro elemento que puider afectar á súa conservación. Igualmente, deben evitarse cas carpetas colgantes, que non caben nas caixas normalizadas.
- Só se transferirán documentos orixinais. As fotocopias e borradores de documentos transferiranse unicamente no caso de que non existan os orixinais. Exclúense, tamén, as publicacións e o material de apoio ou de información que non forme parte dos expedientes (boletíns oficiais, propaganda etc.), tanto se son orixinais como se son fotocopias.
- Cando se recibiren as caixas, o CEDAR cotexará o seu contido co que se sinala no formulario. Se for preciso, reclamará ou devolverá a documentación que proceda ou propoñerá a modificación dos datos do formulario. Despois de se confirmar, o CEDAR asignará unha sinatura a cada caixa transferida.
- O CEDAR remitirá á unidade administrativa un dos exemplares do Formulario de transferencia de documentos, asinado e selado. Debe terse en conta que o Formulario de transferencia é o documento polo que se traspasa a responsabilidade sobre a documentación. A transferencia non se considerará realizada ata que o CEDAR non asine este documento.
- Corresponde á Secretaría Xeral da Universidade da Coruña a interpretación destas normas así como a aclaración das posibles dúbidas que puideren xurdir.
Versión en pdf deste documento