Un Traballo de Fin de Grao da Facultade de Turismo da UDC, premiado no concurso nacional “Playas sin límites”

Nota de prensa

16/09/25 13:12

  • Institucional
  • A alumna da Facultade de Turismo da UDC Marta Vidal Patiño recollerá o galardón en Madrid mañá mércores, día 17 de setembro, no Salón de Actos da SETUR (Secretaría de Turismo de España).

 

  • O proxecto premiado propón un plan interpretativo para poñer en valor o patrimonio mariñeiro inmaterial do municipio de Bueu.

 

A Coruña, 16 de setembro de 2025.- A alumna da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña, Marta Vidal Patiño, foi galardoada no concurso nacional “Playas sin límites”, organizado polo grupo de destinos homónimo, no que participan a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.

 

O certame, de carácter nacional, distingue un traballo por cada destino participante. No caso das Rías Baixas, o recoñecemento recaeu no Traballo de Fin de Grao (TFG) titulado “Plan Interpretativo sobre o Patrimonio Inmaterial Mariñeiro do Municipio de Bueu”, dirixido pola profesora María Elvira Lezcano González.

 

A entrega dos galardóns terá lugar en Madrid, no Salón de Actos de SETUR, mañá mércores, día 17 de setembro, ás 11:30 horas, nun acto que se estenderá ata as 14:00 horas e que contará, entre outras autoridades, coa presenza de Ana Muñoz, directora Xeral de Políticas Turísticas do Ministerio de Industria e Turismo, así como representantes dos destinos involucrados e o alumnado premiado.

 

Un plan para preservar e difundir a identidade cultural de Bueu

O proxecto elaborado por Marta Vidal, quen agora está a cursar o Máster Universitario en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos na UDC, combina metodoloxía académica e coñecemento local co obxectivo de preservar e difundir a identidade cultural mariñeira de Bueu.

 

A través da observación directa, entrevistas en profundidade e a análise documental, o traballo recolleu un inventario de recursos patrimoniais, tanto materiais como inmateriais, que deron lugar ao deseño dunha ruta interpretativa. Esta ruta pon en diálogo tradición oral, oficios do mar, espazos simbólicos e elementos naturais, propoñendo contidos adaptados a diferentes perfís de público e garantindo a súa accesibilidade. Ademais, pretende diversificar a oferta turística, reducir a estacionalidade, fortalecer a identidade local e promover un turismo cultural sostible.

 

 

Foto 1:Marta Vidal Patiño, alumna da Facultade de Turismo da UDC.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC