A UDC participa no proxecto europeo AOFFTECH para impulsar a eólica mariña flotante no Atlántico

Nota de prensa

8/08/25 10:01

  • Institucional
  • Persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) participa no proxecto AOFFTECH: Atlantic Offshore Tech, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico e coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime). 
  • O equipo da Universidade da Coruña (UDC) lidera o estudo das necesidades tecnolóxicas para a implantación de parques experimentais de eólica mariña flotante no Arco Atlántico. 
  • O proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER).

 

Ferrol, 8 de agosto 2025.- A eólica mariña flotante ofrece unha solución viable para xerar electricidade en augas profundas, onde non é posible ancorar aeroxeradores ao leito mariño mediante estacas (tamén coñecidas como pilotes) ou outras cimentacións fixas. Esta tecnoloxía resulta especialmente adecuada para o Arco Atlántico, unha zona con alto potencial enerxético eólico, pero tamén con condicións oceánicas complexas que dificultan as solucións tradicionais.

Co obxectivo de avanzar na implantación deste tipo de infraestruturas, a Universidade da Coruña colabora no proxecto europeo Atlantic Offshore Tech (AOFFTECH), unha iniciativa internacional centrada en impulsar o desenvolvemento da eólica flotante neste espazo marítimo. A institución participa nela a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), ambos cunha ampla traxectoria no ámbito das enerxías mariñas.

Coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime), o proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns —un 75 % do total— están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER). A UDC será responsable de xestionar unha partida de 243 750 € dentro deste financiamento.

 

Tecnoloxía, sustentabilidade e coñecemento desde a UDC

A institución coordina unha das tarefas principais do primeiro paquete de traballo (WP1), orientada a promover a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector eólico flotante na eurorrexión atlántica. Esta acción impulsa o intercambio de coñecemento e o desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas, como as plataformas multiuso e o hidróxeno verde. Ademais, busca favorecer o desenvolvemento sostible e a convivencia con actividades tradicionais de sectores como a acuicultura, o turismo e a monitorización de ecosistemas, co obxectivo de garantir impactos positivos e mitigar posibles efectos nas comunidades locais.

Dentro deste labor, o CITENI, a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), lidera a análise das barreiras técnicas que dificultan o despregamento de parques eólicos experimentais flotantes. Para iso, define unha folla de ruta tecnolóxica e desenvolve ferramentas para avaliar o comportamento destas infraestruturas a medio e longo prazo, ademais da súa repercusión a nivel socioeconómico e industrial. Pola súa banda, o CITEEC achega a súa experiencia en enxeñaría civil aplicada a infraestruturas marítimas e enerxéticas.

“AOFFTECH permítenos achegar desde a universidade solucións reais para que a enerxía eólica mariña flotante deixe de ser un horizonte e se converta nunha infraestrutura experimental viable”, explica Vicente Díaz, investigador principal do proxecto por parte da UDC. “Desde o CITENI, estamos a analizar as barreiras técnicas actuais para que as plataformas experimentais poidan comezar a operar no menor tempo posible”.

 

Cooperación internacional para a transición enerxética

AOFFTECH é un proxecto transnacional de tres anos de duración que agrupa a 11 entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda e Noruega. Xunto á UDC e GOE-Asime, o consorcio está formado pola Plataforma Oceánica de Canarias (PLOCAN), o Marine and Renewable Energy Research Centre - University College Cork (MaREI), o Marine Institute (Irlanda), a École Centrale de Nantes, Pôle Mer Bretagne Atlantique, a Agência para a Energia (Portugal), a Câmara Municipal de Viana do Castelo (CMVC) e VianaPesca, ademais da agrupación industrial Norwegian Offshore Wind.

 

Consolidación e salto tecnolóxico

AOFFTECH consolida e amplía os logros do proxecto predecesor, AOWINDE: Atlantic Offshore Wind Energy, centrado en fortalecer a cadea de valor da eólica mariña na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Mentres que AOWINDE estableceu unha base sólida de colaboración institucional e planificación estratéxica, AOFFTECH dá un paso máis na dimensión tecnolóxica, ambiental e territorial; e estende o seu alcance a cinco países do Arco Atlántico.

O obxectivo do proxecto é desenvolver unha estratexia común para acelerar a implantación da eólica mariña flotante, reforzando ao mesmo tempo a cohesión territorial, a sustentabilidade ambiental e a transferencia de coñecemento. En liña cos obxectivos do Pacto verde europeo e a estratexia de descarbonización do continente, AOFFTECH promove unha acción coordinada baseada no desenvolvemento tecnolóxico, o diálogo coas comunidades costeiras e a mellora da planificación reguladora, co fin de situar o Atlántico como un espazo chave na transición enerxética europea.

 

Foto: parte do equipo investigador que participa no proxecto AOFFTECH, diante do CITENI. De esquerda a dereita: Félix Nieto (CITEEC), Lucía Santiago (CITENI), Vicente Díaz (CITENI), Sara Ferreño (CITENI) e José Javier Orosa (UDC).

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC