No mesmo libro
atópase a "Carta de agora a un amigo de
sempre" de Manuel Freire Rama, profesor de Bioquímica de Carlos
Vázquez Cabrera en 1972, e de tódolos compoñentes da IV promoción de Ciencias
Biolóxicas da Universidade de Santiago.
Querido Carlos, pasaron máis de 20 anos desde 1972 no que,
despois dunha das miñas clases de Bioquímica ó teu curso de terceiro de Bioloxía,
confesábasme o teu desexo de iniciarte na aprendizaxe do traballo no laboratorio. No
laboratorio do Consello Superior de Investigacións Científicas que dirixía don Ignacio
Ribas e no que, daquela, me atarefaba nos últimos experimentos da miña tese de
doutoramento.
Nesta ocasión, desgraciadamente, motivo para facer un rememorativo percorrido polo tempo
pasado, ben en compartida actividade, no inicio dos teus primeiros pasos no sacrificado
oficio de investigador, traballando na túa tesiña de licenciatura naquel inolvidable
laboratorio do Consello, ben nas nosvas liñas de investigación en diferentes
laboratorios, pero sempre en ininterrompida amizade.
Recordo a ilusión con que te enfrontabas,
enfrontabámonos, «ó traballo de caracterización de biocompoñentes de algas, no que
significaba as nosas entradas no mundo da investigación biolóxica. Aquela inexperta e
inxenua ilusión, que acercaba o dificil ó posible, permitia palia-la dificultade da
falta de medios que, en xeral, afrontaba daquela a investigación española.
A consolidar a nosa amizade tamén contribuíron as «rutas do taceo» polo noso vello
Santiago, en compañía da túa María, e ¿como non?, compartir mesa e mantel nas
celebracións do laboratorio, o que nos permitiu descubrir que era mellor comprarche un
traxe que convidarte a xantar.
Despois daqueles primeiros anos, de tenro recordo, en 1974
presentouse a necesidade de afrontar unha realidade non tan idílica. Encontrámonos con
que para progresar na nosa formación nos campos da investigación Bioquímica, deberiamos
buscar novos camiños. Os medios do laboratorio do Consello non servían para o noso
propósito e esa circunstancia marcou o inicio dunha nova traxectoria científica que, con
renovada ilusión, pretendiamos que se culminara nunha experiencia que nos permitira
exercer como bioquímicos na nosa querida Galicia, e ¿por que non? xuntos. Levounos,
polas circunstancias do momento, a min á Facultade de Farmacia, e a ti ó laboratorio de
Microbioloxía da mesma Facultade. Todo como prólogo, aínda por períodos diferentes en
cada caso, do noso «salto» ós Estados Unidos de América para completar a nosa
formación.
Teño un imborrable recorto daquel tempo no que coincidimos
nos Estados Unidos. Daquel día de outubro de 1976 no que ti e María me destes a
cariñosa benvida no aeroporto de Nueva York; vós erades veteranos xa de case dous anos
no laboratorio de Mariano Esteban en Rutgers. Das festas de Nadal, Entroido e «partis»
que compartiamos e que contribuíron a consolidar a nosa relación con novos e vellos
amigos: Mariano Esteban, Alvaro Puga, Pedro e Sofía S. Lazo, Cesar de Haro, Mariano
Barbacid, Luis Enjuanes, Angel Pellicer... É grato, coa perspectiva do tempo, e a modo de
inciso, recoñecer que o sacrificio e o traballo ilusionado daquela xeración de hispanos
levou a unha notable cota de prestixio no mundo da ciencia, feita por españois. Pero
volvendo a aqueles últimos anos dos 70, teño que evocar o meu retorno a España a finais
do 78, que coincidiu co teu período de tránsito por laboratorios americanos, Washington
primeiro e California despois. Foi a partir de entón, tamén, cando se foi facendo
patente o contraste entre o teu desexo de retornar á túa terra para exercer o aprendido
e as posibilidades de facelo. Así, os anos 80 foron testemuña dalgúns fracasos, como
resposta a tantos intentos de integráreste á investigación en España. A ilusión ó
conseguires unha praza de investigador no Centro de Bioloxía Molecular de Madrid foi
rapidamente esvaecida polas dificultades do entorno. Como bo galego emigraches de novo,
esta vez a Inglaterra.
Nesta que sería a túa última etapa estranxeira, aínda a
morriña, fixemos o último intento, ¿recordas?, para tratar de que te instalaras no
Consello de Investigacións Científicas de Santiago, nun afán de crear un grupo de
investigación en Bioloxía Molecular. Por un momento tiven a sensación de que os nosos
soños, xestados nese mesmo laboratorio, había 20 anos, de poder facer ciencia xuntos en
Galicia podrian facerse realidade. Foi tan so un soño. Dificultades conxunturais non o
fixeron posible.
Máis tarde, na túa carta de hai tres anos, facíasme
partícipe da túa satisfacción ó incorporáreste ó centro Marie Curie en Oxted, cerca
de Londres. Dérase un pequeno milagre, Marie Curie era Santiago, era Galicia, o
laboratorio ó lado da túa casa londinense era o laboratorio do Consello de Galicia, a
ilusión era a galega, a de sempre, o traballo: o desafío desexado. Como o perfecto, foi
imposible.
Eu sigo aquí, como sempre, tratando de manter aquela
ilusión consignada nos nosos comezos, de facer ciencia en Galicia. As cousas cambiaron,
temos uns laboratorios que distan moito, na súa dotación, daqueles que coñeceches.
Estamos en capacidade de abordar a maior parte das metodoloxías experimentais en
Bioquímica e Bioloxía Molecular. Conseguíronse os equipos para elo. Pero vólvese a
reproducir nas novas xeracións de xoves investigadores, en certo modo, a problemática
que tí sufriches, que todos sufrimos. Aparece de novo, o paradoxal, o desconcertante,
estamos asistindo con inquietude ó espectáculo da frustación. Os xoves investigadores
na nosa ciencia, e nas demais, non teñen un fácil camiño para exercer a súa profesión
no no so país. Non se adecuaron o suficiente ás estructuras da nosa sociedade como para
facer uso da investigación e dos investigadores. Todo nos defrauda a todos, ós xoves e a
cantos traballamos duramente para facer dispoñibles os medios para a aprendizaxe
científica. Tal vez tamén todo era demasiado perfecto e, polo tanto, demasiado
imposible.
Pero para a túa tranquilidade, direiche que, seguindo o
teu exemplo, non recuaremos, que seguiremos traballando como sempre, loitando como
sémpre, por mellorarnos a nós mesmos.
O teu recordo será un aliciente, querido Carlos.
Abril de 1993 |