logoW2001.gif (2339 bytes)CGAMM2000

Comité Galego do Ano Mundial das Matemáticas 2000


O persoeiro do ano

Dirk Jan Struik

 

    Dirk Jan Struik, profesor emérito en matemáticas no Massachusetts Institute of Technology (MIT), morreu o 21 de outubro na súa casa de Belmont. Tiña 106 anos.

    Nacido en Rotterdam no 1894, fillo dun profesor de matemáticas en bacharelato, o Profesor Struik xogou un importante papel nas revolucións científica e política do século XX.

    Foi ós Estados Unidos en 1926 para tomar posesión dun posto de profesor no Massachusetts Institute of Technology. Chegou coa súa esposa, Saly R. Ramler, unha matemática checoslovaca. Ela morreu en 1993 á idade de 99 anos.

    Na súa época de bacharelato en Holanda, Struik foi socialista. Admirador das ideas marxistas, viu con bos ollos a chegada do comunismo na revolución rusa do 1917 e foi testemuña da súa caída, máis de setenta anos despois. Seguiu sendo marxista, pero non comunista, ata o remate de súa vida.

    Preguntado por un xornalista holandes, algo antes do seu centésimo aniversario, se o paroxismo sanguento do comunismo lle tiña causado algunha dúbida sobre o seu marxismo, respondeu "Non, por suposto que non, porque o marxismo é un modo de vida. É o mesmo que cos cristiáns. Podes ser un bo cristián a pesar de que houbo cristiáns que cometeron crimes horribles en nome da cristiandade"

    As súa crenzas costáronlle serios problemas durante o fervor anticomunista de despois da Segunda Guerra Mundial. Este período foi descrito por Struik como "mitade reminiscente da Alemaña Nazi e mitade de Alicia no País das Marabillas". Foi denunciado como traidor en 1951, polo informante do FBI Herbert Philbrick, diante do Comite de Actividades Antiamericanas. Meses máis tarde foi acusado de violar a "Lei anti-anarquía" de Massachusetts.

    Mentres os cargos estaban pendentes  suspendéuselle o seu salario como profesor no MIT. Segundo un artígo de David Rowe en 1994 na "Historica Mathematica", Struik comezou unha célebre causa, xunto coa súa muller, "viaxou polo país dando charlas sobre un dos seus temas preferidos: a liberdade de expresión."

    Os cargos foron retirados en 1955 e ese outono Struik volveu ó seu traballo como profesor. Permaneceu no MIT, onde traballou de cerca con Norbert Wiener no campo emerxente da cibernética, ata o seu retiro en 1960.

    Struik comezou a súa carreira científica coas súas contribucións matemáticas asociadas coa teoría xeral da relatividade de Einstein. Mais tarde fixou a súa atención na historia das matemáticas e a relación entre o pensamento abstracto e as condicions de vida na sociedade que nos rodea.

    En 1948, escribiu "Unha Concisa Historia das Matemáticas," que segue sendo un clásico nese campo.

    Coa idade de 90 anos, conducía el mesmo ata o seu despacho do MIT e continuaba co seu traballo de sempre, facendo revisións de libros e artigos sobre a historia das matemáticas. Tamén mantiña correspondencia en inglés, flamenco, alemán e francés.

    Como membro do "Appalachian Mountain Club", disfrutaba paseando polos montes de Nova Inglaterra e cada ano dirixía un grupo de excursión á cabana de Henry David Thoreau en Walden Pond, onde daba unha charla sobre o escritor e o lugar.

    Struik atribuía a súa lonxevidade en parte ó seu estudio das matemáticas: "Os matemáticos viven moito. É unha profesión saudable" dixo en 1993. "A razón de que un viva máis é que un ten pensamentos pracenteiros. As matemáticas e a física son cousas ben pracenteiras de facer".

    Struik deixa tres fillas, Ruth en Colorado, Anne Macchi en Arlington, e Gwendolyn Struik Bray en Nova Zelanda, dez netos e tres bisnetos.


    Podedes atopar máis información e imaxes sobre este persoeiro na páxina web:

http://www-history.mcs.st-and.ac.uk/history/Mathematicians/Struik.html

 

Lista de persoeiros

back Volver ó índice