A Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña implantou o Mestrado universitario en Literatura, cultura e diversidade no curso 2011/12, unha vez verificado positivamente pola ACSUG. Pode consultar o informe final premendo aquí.
O mestrado dá resposta á necesidade de formar universitarios na adquisición das competencias precisas para investigar, coñecer, recuperar, estudar e difundir as culturas e as literaturas, desde o respecto a e a promoción da diversidade cultural. Sitúase no ámbito das ciencias humanas e no das ciencias sociais, con especial atención á intersección entre ambos, como os estudos culturais e os estudos de xénero.
A atención á renovación dos estudos culturais, literarios e interartísticos, con novos paradigmas teóricos e novas perspectivas metodolóxicas, combínase coa presenza de enfoques de longa tradición e rendemento académicos. O comparatismo e o carácter interdisciplinar son outras dúas características relevantes deste mestrado.
Xunto coa formación xeral en literatura, cultura e diversidade, o mestrado ofrece tres ámbitos culturais de especialización: o anglófono, o hispánico e o galego-portugués.
Ten unha duración de un ano académico e 60 créditos ECTS.
1. Proporcionar ao estudante unha formación especializada avanzada nos estudos literarios e culturais para preparalo para o acceso a diferentes postos de profesional cualificado e para a realización do doutoramento.
2. Capacitar ao alumnado para que adquira un coñecemento exhaustivo das liñas de investigación e das propostas críticas máis relevantes no ámbito dos estudos literarios e culturais.
3. Capacitar ao alumnado para abrir vías de investigación novidosas no ámbito dos estudos culturais e literarios.
4. Dotar ao estudantado da capacidade de comunicar as súas conclusións –e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan– a públicos especializados e non especializados no ámbito dos estudos literarios e culturais dun modo claro e sen ambigüidades.
O mestrado ten unha duración de un ano académico e 60 créditos ECTS.
No primeiro cuadrimestre impartiranse os tres módulos de materias obrigatorias (30 créditos ECTS); no segundo, o estudante cursará o módulo da súa especialidade (24 créditos ECTS). Como colofón do mestrado, haberá que realizar e presentar un traballo fin de mestrado (6 créditos ECTS).
1º CUADRIMESTRE
Módulos comúns e obrigatorios
• Teoría e crítica nos estudos literarios e culturais (12 créditos)
• Tecnoloxías e métodos para os estudos literarios e culturais (9 créditos)
• Literatura, cultura e arte (9 créditos)
2º CUADRIMESTRE
Módulos específicos e optativos
• Literatura e cultura no ámbito hispánico (24 créditos)
• Literatura e cultura no ámbito galego-portugués (24 créditos)
Traballo fin de mestrado (6 créditos)
Pode consultar as guías docentes das materias, con información sobre os contidos, a planificación académica, e o profesorado encargado de impartilas premendo aquí. (Pendente)
O Mestrado universitario en Literatura, cultura e diversidade impártese en horario de tarde, de luns a xoves, na Facultade de Filoloxía, sita no Campus da Zapateira.
Pode consultar os horarios para o curso académico 2013-14 premendo aquí (Pendente)
Os requisitos de acceso son os contemplados no art. 16 do Real Decreto 1393/2007 del 29 de octubre sobre la organización de las enseñanzas Universitarias Oficiales que establece que para acceder ás titulacións de mestrado se requerirá estar en posesión de un título universitario oficial español ou outro expedido por unha institución de educación superior do Espazo Europeo de Educación Superior que facultan no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de mestrado.
Nos criterios de selección para acceder ao mestrado, terase en conta:
a) o expediente académico
b) a formación previa no ámbito académico do mestrado
c) o conxunto do curriculum vitae
d) a competencia lingüística
Recoméndase ter formación académica previa en Artes e Humanidades ou nas Ciencias Sociais, especialmente un título de graduado (ou equivalente) no ámbito dos estudos literarios e/ou culturais. Tamén se entende que son necesarias aptitudes como a facilidade para a expresión oral e escrita, a capacidade de abstracción e síntese, coñecemento de idiomas, hábito de lectura ou interese polas expresións culturais e pola diversidade lingüística e cultural.
Se quere consultar a composición da comisión de admisión do mestrado, prema aquí.
Para cursar o Mestrado universitario en Literatura, cultura e diversidade é preciso realizar previamente a preinscrición, que pode facerse en líña (https://matricula.udc.es/preinsMaster/). Xa está aberto o prazo para estudantes estranxeiros; para os titulados do Sistema Universitario español comezará o 24 de xuño (máis información en http://www.udc.es/ensino/mestrados).
As persoas admitidas terán que formalizar a súa matrícula unha vez se publiquen as listas de admitidos; de quedaren prazas vacantes, abriráse un novo prazo. A matrícula pode realizarse a tempo completo ou a tempo parcial; ademas, a Comisión Académica do Mestrado estudará as solicitudes de convaliación que se presenten, pois, de acordó co disposto no RD 1393/2007 que estabelece a ordenación do ensino universitario oficial, poden ser recoñecidos créditos doutros mestrados ou dos antigos cursos de doutoramento sempre que consten debidamente aprobados no programa correspondente.
Información sobre bolsas e axudas en http://www.udc.es/sape/bolsas_axudas_premios
O Mestrado universitario en Literatura, Cultura e Diversidade dá acceso ao doutoramento Estudos literarios ofertado conxuntamente pola Universidade da Coruña e pola Universidade de Vigo.
Facultade de Filoloxía
Campus da Zapateira
15071 A Coruña
Tel. 981 167 000; ext. 1845, 1838
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000