Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade  |  International Students


Mestrado Universitario en Literatura, Cultura e Diversidade

Presentación

O Mestrado Universitario en Literatura, cultura e diversidade permite que os estudantes adquiran e/ou reforcen unha formación literaria e cultural avanzada e que se especialicen nun dos itinerarios de carácter específico:

• Literatura e cultura no ámbito hispánico
• Literatura e cultura no ámbito galego e portugués

O Mestrado ofrece un estudo profundo e unha actualización en temas literarios e culturais sobre materias de grande interese desde un enfoque multidisciplinar e actual.

Destinatarios

Graduados ou licenciados procedentes de titulacións de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais: Filoloxía, Estudos Lingüísticos, Estudos Literarios, Comunicación, Educación, Tradución e Interpretación, Turismo etc.

Información xeral

O mestrado dá resposta á necesidade de formar universitarios na adquisición das competencias precisas para investigar, coñecer, recuperar, estudar e difundir as culturas e as literaturas, desde o respecto a e a promoción da diversidade cultural. Sitúase no ámbito das ciencias humanas e no das ciencias sociais, con especial atención á intersección entre ambos, como os estudos culturais e os estudos de xénero.

A atención á renovación dos estudos culturais, literarios e interartísticos, con novos paradigmas teóricos e novas perspectivas metodolóxicas, combínase coa presenza de enfoques de longa tradición e rendemento académicos. O comparatismo e o carácter interdisciplinar son outras dúas características relevantes deste mestrado.

Xunto coa formación xeral en literatura, cultura e diversidade, o mestrado ofrece dous ámbitos culturais de especialización: o hispánico e o galego-portugués.

Ten unha duración de un ano académico e 60 créditos ECTS. 

Obxectivos do mestrado

1. Proporcionar ao estudante unha formación especializada avanzada nos estudos literarios e culturais para preparalo para o acceso a diferentes postos de profesional cualificado e para a realización do doutoramento.

2. Capacitar ao alumnado para que adquira un coñecemento exhaustivo das liñas de investigación e das propostas críticas máis relevantes no ámbito dos estudos literarios e culturais.

3. Capacitar ao alumnado para abrir vías de investigación novidosas no ámbito dos estudos culturais e literarios.

4. Dotar ao estudantado da capacidade de comunicar as súas conclusións –e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan– a públicos especializados e non especializados no ámbito dos estudos literarios e culturais dun modo claro e sen ambigüidades.

Doutoramento

O Mestrado universitario en Literatura, Cultura e Diversidade dá acceso ao doutoramento Estudos literarios ofertado conxuntamente pola Universidade da Coruña e pola Universidade de Vigo.