Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade  |  International Students


Máster Interuniversitario en Lingüística Aplicada

Calendario, pautas de redacción e de presentación do traballo fin de mestrado

Curso académico 2016-2017
 

1. Presentación xeral

O traballo fin de mestrado (TFM) pretende iniciar o/a estudante na metodoloxía da investigación para que poida formular e realizar con éxito unha investigación lingüística de carácter aplicado; así como defendela oralmente ante a comunidade académica. O TFM outorga 6 créditos ECTS. Os seus principais obxectivos formativos son:
- Deseñar unha investigación (acoutar o tema, solicitar información e buscar os recursos necesarios).
- Aplicar unha metodoloxía adecuada ao obxecto de estudo (para solicitar datos, analizalos e interpretalos).
- Extraer conclusións dos resultados obtidos e abrir perspectivas para novas investigacións.
- Adaptar o discurso escrito á situación académica, tanto no que respecta ao estilo e á estruturación como ao uso de técnicas tipográficas.
- Adaptar o discurso oral á situación de defensa do TFM.

 

2. Elección do tema e do director do traballo

Para a elección do tema e do director ou directora, o/a estudante poderá consultar a listaxe de profesorado do mestrado e a oferta de liñas de traballo que está publicada na web do mestrado e na web dos centros. O alumnado definirá un tema concreto dentro dalgunha das liñas ofertadas.

 

3. Solicitude de inscrición do tema e da dirección

A efectos de inscrición do traballo, e unha vez seleccionado o tema, o alumnado presentará, no rexistro da Facultade, unha instancia (segundo o modelo recollido no anexo I) dirixida ao coordinador ou coordinadora do mestrado co visto e prace do profesorado titor/orientador.
A coordinación do mestrado fará as xestións oportunas para que conste na Xestión Académica a atribución do traballo ao director ou directora. A partir dese momento, non se poderá realizar ningún cambio de director(a) sen a autorización expresa da Comisión Académica do mestrado.

 

4. Calendario

· Do 14/11/2016 a 18/11/2016: contactos entre o estudantado e o potencial ou potenciais directores/as.
· Do 21/11/2016 ao 25/11/2016 envío á Comisión Académica do mestrado da solicitude de liña de TFM (anexo I).
· Do 28/11/2016 ao 2/12/2016: adxudicación provisoria de liñas de traballo por parte da Comisión Académica do mestrado.
· 13/12/2016: adxudicación definitiva por parte da Comisión Académica do mestrado.

A matrícula dá dereito a dúas oportunidades para a entrega e defensa do TFM. A primeira oportunidade será no mes de xuño e a segunda, en xullo. Tamén hai a opción de febrero para aqueles estudantes que teñan pendentes o TFM de cursos anteriores. As datas de entrega e defensa serán establecidas por cada unha das Facultades.

 

5. Redacción do traballo fin de mestrado

Aínda que é obvio que a estrutura do TFM depende en gran medida do tema elixido, aconséllase que inclúa os seguintes apartados:

  1. Capa que incluirá, obrigatoriamente, o emblema e o nome das tres Universidades, o nome da Facultade na que está matriculada o/a alumno/a, o nome do mestrado, o título do traballo, o nome do autor ou autora, o visto e prace manuscrito do profesorado titor co seu nome e o ano de presentación.
  2. Índice do traballo con paxinación
  3. Resumo do traballo
  4. Introdución, que deberá incluír os obxectivos do traballo e a explicación e a xustificación da metodoloxía utilizada
  5. Corpo do traballo
  6. Conclusións
  7. Referencias bibliográficas

O traballo fin de mestrado terá unha extensión mínima de 40 páxinas e máxima de 60, sen contar os anexos. O texto terá un espazo de interliñado de 1.5 e o tamaño da letra será de 12 puntos.

IMPORTANTE: Calquera plaxio identificado será motivo de descualificación do TFM. Entenderase por plaxio calquera cita literal (curta ou longa) presentada como propia (sen comiñas, etc.) e sen referencia da autoría, calquera apropiación das ideas ou metodoloxía dun autor ou autora que non se mencione nas referencias (sexa quen sexa: autor/a individual ou colectivo, dunha publicación impresa ou dun documento electrónico ou de uso restrinxido, páxina web, ou traballo que se está a levar a cabo por parte dun compañeiro ou compañeira, etc.).

 

6. Criterios de avaliación do TFM

A Comisión Avaliadora terá en conta os seguintes criterios:

· O rigor científico e metodolóxico da investigación presentada
· A fundamentación teórica do traballo
· A capacidade crítica do estudantado sobre a investigación
· A presentación escrita do TFM
· A defensa oral do traballo

 

7. Composición da Comisión Avaliadora

A defensa oral do TFM realizarase ante unha Comisión Avaliadora formada por tres persoas. Delas, dúas serán necesariamente profesores doutores con vinculación permanente á Universidade; a de maior categoría e antigüidade presidirá a Comisión e a de menor actuará como secretaria. A condición de profesor/a titor/a de traballos fin de mestrado é incompatíbel coa de membro da Comisión avaliadora dos traballos que dirixa. Cada ano actuarán cando menos tres comisións, unha para cada campus. A Comisión Académica do mestrado proporá anualmente os cinco membros de cada unha das tres comisións (tres titulares e dous suplentes), e comunicarallo ao/á decano/a ou á Comisión de Organización Académica da Facultade correspondente, que será a que se encargue da súa designación.

 

8. Proceso de avaliación

O traballo só poderá ser presentado, defendido e avaliado se o/a alumno/a tiver superado os créditos restantes para a obtención do título. A avaliación dos TFM realizarase do seguinte xeito:

a) Entregaranse no rexistro da Facultade, cunha antelación mínima de 10 días á data establecida para a defensa pública, tres exemplares en papel, encadernados e foliados, e un en formato electrónico.
b) O director ou directora do traballo entregará na Secretaría do Decanato, nos tres días seguintes á entrega de documentación, un informe sobre o traballo (anexo II).
c) O presidente da Comisión Avaliadora remitirá copia do informe aos membros da Comisión.
d) O presidente da Comisión realizará, tendo en conta a opinión dos restantes membros, a convocatoria da defensa pública.

 

9. Defensa oral do TFM

O/a estudante disporá de 15-20 minutos para presentar o seu traballo. Recoméndase que inclúa na súa presentación os aspectos seguintes:

· Introdución: problemática obxecto de estudo e seu interese
· Fundamentación teórica: delimitación dos conceptos que fundamentan o desenvolvemento do traballo.
· Fundamentación metodolóxica: metodoloxía que se seguiu para o alcance dos obxectivos definidos, e os datos obtidos mediante a súa aplicación
· Resultados: principais resultados obtidos

É aconsellable que o/a estudante acompañe a súa presentación oral de material de soporte visual, auditivo, etc., por exemplo, mediante unha presentación PowerPoint ou OpenOffice Impress, pero a presentación oral NON pode constituír a mera lectura de devandito material.

Os membros da comisión avaliadora presentarán no tempo que estimen oportuno os seus comentarios e preguntas, as cales deberá contestar o/a estudante. A cualificación final outorgada por cada membro da Comisión ao TFM obterase de acordo coa seguinte ponderación:
a) Traballo escrito (CT) = 80%
b) Presentación oral (PO)= 20%

A cualificación final será a media das cualificacións otorgadas polos membros da comisión.
0-4,9 Suspenso (SS)
5.0-6.9 Aprobado (AP)
7.0-8.9 Notable (NT)
9.0-10 Sobresaliente (SB)
Matrícula = o traballo máis destacado de entre os que tiveron cualificación de Sobresaliente.
Sobresaliente = realización excelente con só pequenos erros.
Notable = realización por riba da media, pero con algúns erros.
Aprobado = satisfactorio, pero con deficiencias significativas (cumpre os criterios mínimos para a concesión de créditos necesarios para a obtención do título).
Suspenso = require de máis traballo para a concesión dos créditos.