Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade  |  International Students


Simultaneidade de graos

Información xeral  |  Detalles  |  Estrutura xeral  |  Estrutura detallada  |  Normativa  |  Matrícula  |  Máis información

 
Normativa específica para o Programa de Simultaneidade do Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e o Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios

 

A Universidade da Coruña (UDC), no seu obxectivo de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta académica dispoñible, posibilita que un estudante poida cursar de forma simultánea os estudos de Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, mediante a proposta dun programa conxunto elaborado pola Facultade de Filoloxía, responsable de ambas titulacións. Para a posta en marcha do programa conxunto é preciso regular determinados aspectos:
 

Art. 1. Autorización do programa

A UDC autoriza a posta en marcha dun programa de estudos proposto pola Facultade de Filoloxía, que permita simultanear os estudos de Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios (en diante "Programa de Simultaneidade"), mediante unha ordenación temporal das diferentes disciplinas que se van cursar a partires dos plans de estudos oficiais de ambos Graos e tendo en conta o regulado nos artigos seguintes.


Art. 2. Titulacións que se obterán

O alumnado que supere este Programa de Simultaneidade obterá os dous títulos de Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC.

 

Art. 3. Duración do programa

Terá unha duración de 5 cursos académicos, dez cuadrimestres repartidos consonte á estrutura que figura no Anexo l. O número de créditos necesario para superar o programa será de 324 créditos.
 

Art. 4. Centro responsable da xestión administrativa do Programa de Simultaneidade

A Facultade de Filoloxía será responsable da tramitación e custodia de toda a documentación académica relacionada co Programa de Simultaneidade e dos expedientes do alumnado. O estudantado do programa aboará neste centro os prezos públicos e taxas por servizos académicos que correspondan aos títulos Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.
 

Art. 5. Centro de impartición do ensino.

A impartición de todas as disciplinas deste programa de simultaneidade realizarase na Facultade de Filoloxía da UDC.

 

Art. 6. Número de estudantes

O número de estudantes de acceso ao Programa de Simultaneidade será, en cada curso académico, o que oportunamente aprobe o Consello de Goberno, á proposta da Facultade de Filoloxía e de conformidade coa normativa vixente.

 

Art. 7. Acceso e admisión de estudantes

1. Só poderán acceder ao Programa de Simultaneidade aqueles estudantes que reúnan os requisitos legais de acceso para ambos os Graos.

2. A solicitude de admisión para cursar este Programa de Simultaneidade realizarase polo mesmo procedemento que para o resto de titulacións ofertadas pola UDC.

3. Aqueles estudantes que estean a cursar o segundo curso do Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios ou Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e desexaran cursar o Programa de Simultaneidade no curso académico seguinte, poderán acceder ao mesmo co recoñecemento das materias de 1.º e 2.º curso. Este recoñecemento terá carácter gratuíto.

A Facultade de Filoloxía proporá, para a súa aprobación polo Consello de Goberno, o número máximo de alumnos que poderá acceder por esta vía ao Programa de Simultaneidade no curso académico seguinte.

A admisión deste alumnado realizarase de acordo cos seguintes criterios:

a) A nota de acceso á Universidade, que debe ser igual ou superior á nota que se esixiu para a admisión no Programa de simultaneidade no curso académico anterior, excepto que o número de solicitudes sexa inferior á oferta anual aprobada pola UDC.

b) No caso de empate terase en conta a nota media do expediente correspondente aos 2 primeiros cursos rematados ou en proceso, tendo prioridade os que teñan 120 créditos superados.

4. Non se contempla o ingreso no Programa de Simultaneidade do alumnado que está a realizar cursos superiores a 2.º curso dos Graos.

 

Art. 8. Criterios de matrícula

1. Os alumnos de primeiro curso, que cursen estes estudos por primeira vez, poderán optar por matricularse no réxime de dedicación a tempo completo, é dicir, da totalidade dos créditos correspondentes ao primeiro curso, ou ben a tempo parcial, segundo o que establece a Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de grao e máster universitario na UDC: nunca inferior a 24, nin superior a 48 créditos.
2. Os estudantes de continuación de estudos deberán efectuar a súa matrícula en réxime de dedicación a tempo completo ou en réxime de dedicación a tempo parcial, respectando o número de créditos establecido con carácter xeral para todo o alumnado da UDC na Normativa citada: nunca inferior a 48, nin superior a 78 créditos e nunca inferior a 24, nin superior a 48 créditos, respectivamente.

3. De acordo coa norma de progresión aprobada na UDC, o alumnado deberá matricularse de todos os créditos de formación básica e obrigatoria non superados de cursos anteriores.

4. Os estudantes poderán desistir da súa matrícula de acordo co que dispuxer a Normativa de xestión académica que rexa en cada curso académico.


Art. 9. Permanencia e progresión: Número de créditos que se deben superar

1. O alumnado de primeiro curso matriculado neste por primeira vez, deberá superar nese curso académico o número mínimo de créditos establecido na Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de grao e máster universitario na UDC.

2. O alumnado de continuación de estudos deberá cumprir os requisitos de permanencia e progresión establecidos na citada norma.

 

Art. 10. Avaliación e número de convocatorias

1. A formalización da matrícula dará dereito en cada curso académico a unha convocatoria con dúas oportunidades de avaliación, que se realizarán conforme ao calendario académico aprobado, ou á norma que corresponda.

2. A avaliación realizarase segundo o establecido nas correspondentes guías docentes e as convocatorias de exame serán aprobadas e feitas públicas polo centro xunto coas de cada un dos Graos.


Art. 11. Incumprimento das normas de permanencia

Aqueles alumnos matriculados no Programa de Simultaneidade que non cumpran as condicións e requisitos de permanencia que establece esta norma deberán abandonar os estudos, de conformidade co disposto na Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de grao e máster universitario na UDC.

As situacións de carácter excepcional suficientemente acreditadas que dean lugar a solicitudes presentadas polos alumnos do Programa, serán atendidas polo/a decana/a da Facultade, quen resolverá por desconcentración do reitor da UDC, logo do informe da Comisión de Organización Académica (COA).

Contra a resolución do/a decano/a, o alumnado poderá presentar un recurso de alzada ante o reitor na forma e prazos previstos na lexislación vixente, sen prexuízo de poder interpoñer calquera outro recurso que considere.

 

Art. 12. Abandono do Programa de Simultaneidade
1. As persoas que decidan abandonar o Programa de Simultaneidade deberán notificalo á Administración da Facultade de Filoloxía antes do inicio do período ordinario de matrícula.

2. Os/as estudantes, de ser o caso, poderán:

a) Optar, no prazo indicado, por calquera das dúas titulacións do Programa, sempre que teñan aprobados polo menos 12 créditos, se a matrícula se efectuou no réxime de dedicación a tempo completo, e 6 créditos no réxime de dedicación a tempo parcial, da titulación que vaian cursar. De non cumprir este requisito, o/a decano/a da facultade, previa petición da persoa interesada, poderá admitir a matrícula, pero neste caso o/a alumno/a deberá superar un mínimo de 36 créditos obrigatorios do primeiro curso para a matrícula a tempo completo, e 18 no caso de matrícula a tempo parcial. Terán dereito ao recoñecemento de créditos que proceda, na titulación pola que opten, por aqueles outros superados na titulación que abandonen.

b) Optar, no prazo que corresponder, por solicitar praza para iniciar estudos noutra titulación distinta, seguindo as normas e os procedementos de carácter xeral. Terán dereito ao recoñecemento que proceda, na titulación na que se matriculen, por aqueles outros superados no programa de Simultaneidade.

 

Art. 13. Recoñecementos específicos para estudantes deste Programa de Simultaneidade.
1. Ao alumnado que superar o Programa de Simultaneidade recoñeceránselle os créditos das disciplinas que constan no Anexo II.

2. Os recoñecementos realizaranse polo Decanato logo de superar o total de créditos previstos no Plan de Simultaneidade agás os Traballos de Fin de Grao. Este recoñecemento será gratuíto.

3. De acordo coas memorias verificadas do Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e do Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, na fase final do plan de estudos, e de acordo coa normativa da UDC, realizaranse dous traballos de fin de Grao (TFG) de 6 créditos ECTS cada un, que poderán facerse simultaneamente. Fomentarase que ambos traballos poidan constituír un corpus dun traballo multidisciplinar e que poidan ser codirixidos conxuntamente por profesorado de ambos Graos, aínda que cada TFG terá a súa propia avaliación e cualificación final.


Art. 14. Expedición dos títulos oficiais de Grao

Os/as alumnos/as deberán solicitar a expedición de cada un dos dous títulos oficiais: Graduado/a en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC e Graduado/a en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC.

A solicitude farase perante a Administración da Facultade de Filoloxía, e aboaranse en concepto de expedición de cada título, os prezos públicos establecidos a tal efecto pola Xunta de Galicia para cada curso académico.

Os trámites administrativos que se realizarán a estes efectos serán, para cada título, os mesmos que están establecidos con carácter xeral no procedemento de expedición de títulos oficiais.


Disposición derrogatoria. Queda derrogada a Normativa específica para o Programa de Simultaneidade do Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e o Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, aprobada polo Consello de Goberno do 23/03/2015.

 

Disposicións finais.

Primeira. A UDC resérvase o dereito de non ofertar para promocións sucesivas, o Programa de Simultaneidade de estudos que regula esta normativa se a demanda deste non se correspondese coa oferta académica anual; porén, o alumnado de continuación de estudos terá garantida a posibilidade de rematar os estudos do Programa de Simultaneidade.

Segunda. Corresponderalle á Vicerreitoría con competencias en Titulacións a interpretación e resolución de cantas cuestións xurdiren en aplicación desta normativa.

Terceira. Para o que non está establecido nesta normativa, os trámites académico administrativos relacionados con estes estudos regularanse pola Normativa de xestión académica correspondente a cada curso académico e demais normativas da UDC que resulten de aplicación, así como por calquera outra norma de rango superior.

Cuarta: As presentes normas serán de aplicación a partir do curso académico 2017/18.

 

 

Esta normativa foi aprobada polo Consello de Goberno da UDC na súa sesión de data 20 de xullo de 2017.

[Versión en PDF]