Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade


Filoloxia_Linguas_para_o_teu_futuro

 

A Facultade de Filoloxía está situada no Campus da Zapateira, nun edificio desde o que se contempla a cidade da Coruña. Foi creada en 1995 por segregación da Facultade de Humanidades que, desde 1989, acollía os estudos filolóxicos iniciados en 1972 no antigo Colexio Universitario da Coruña. No mesmo edificio ten a súa sede o Centro de Linguas da Universidade.

A Facultade ten tres departamentos adscritos: Filoloxía Española e Latina, Filoloxía Inglesa, e Galego-Portugués, Francés e Lingüística. Nos departamentos da Facultade desenvólvese unha intensa actividade investigadora, articulada principalmente en grupos de investigación.

A biblioteca é de acceso directo e conta cun fondo de 100.000 volumes, e máis de 1.000 revistas.

As nosas instalacións son amplas e modernas. Temos unha aula net e unha sala de estudo abertas durante todo o día, dúas aulas informatizadas de docencia con postos individuais totalmente dotados para cada alumno, aulas coas instalacións audiovisuais máis actuais, laboratorios de idiomas e dúas salas de videoconferencia.

Dispomos tamén dunha Aula Magna con 400 postos, un Salón de Graos —onde se celebran as defensas de teses de doutoramento e os actos culturais—, salas de reunións, salas específicas para investigadores, e locais para uso das asociacións de alumnos e alumnas da Facultade.

Ademais dos servizos propios da Facultade (Administración, Conserxaría, Biblioteca, Asuntos Económicos), no centro hai servizos de reprografía e de cafetaría xestionados por empresas externas en réxime de concesión administrativa.