Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade


Traballo Fin de Mestrado

Normas para a realización e presentación do Traballo Fin de Mestrado da Facultade de Filoloxía

Estas normas foron revisadas pola Comisión de Estratexia e Calidade do día 6 de febreiro de 2014 e aprobadas pola Xunta de Facultade do 26 de febreiro de 2014

 

1. Definición e ámbito de aplicación

1.1. O Traballo Fin de Mestrado (TFM) é un proxecto, memoria ou estudo que integra, desenvolve e aplica os coñecementos adquiridos no mestrado demostrando a capacitación do alumnado para a incorporación ao mundo profesional e á investigación.

1.2. O Traballo Fin de Mestrado será realizado de forma individual polo/a estudante baixo a supervisión dun profesor titor. O labor de titorización tamén poderá desenvolverse coordinadamente por dous profesores.

1.3. No caso dos mestrados interuniversitarios, estas directrices poderán adaptarse aos acordos tomados pola Comisión Académica do mestrado.


2. Características

2.1. A factura formal do traballo fin de mestrado deberá axustarse ás características recollidas no Anexo I.


3. Selección e inscrición do traballo

3.1. A oferta de liñas de traballo ás cales o alumnado deberá adscribir o seu traballo fin de mestrado publicarase anualmente. O/a alumno/a, coa orientación do seu titor ou titora, definirá un tema concreto dentro dalgunha das liñas ofertadas.

3.2. A efectos de inscrición do traballo, e unha vez seleccionado o tema, o/a alumno/a presentará, no rexistro da Facultade, unha instancia (segundo o modelo recollido no Anexo II) dirixida ao coordinador do mestrado co visto e prace do titor/orientador.

3.3. A inscrición do Traballo de Fin de Mestrado poderá realizarse nas datas establecidas anualmente pola Comisión de Organización Académica da Facultade.


4. O titor

4.1. Poderá ser titor calquera profesor/a doutor/a que imparta docencia no mestrado.

4.2. Son funcións do titor:

• facilitar as orientacións precisas para a elaboración do TFM por parte do/a alumno/a;
• supervisar a realización do proxecto, a calidade dos seus contidos e a súa adecuación ás presentes normas;
• emitir un informe sobre o traballo realizado polo/a estudante;
• dar o visto e prace para a inscrición e a presentación do TFM.

4.3. Ningún profesor poderá dirixir ou codirixir máis de tres traballos no mesmo curso académico.

4.4. A condición de profesor titor de traballos fin de mestrado é incompatíbel coa de membro da Comisión avaliadora dos traballos que dirixa.
 

5. Avaliación

5.1. Para formalizar a matrícula do Traballo Fin de Mestrado será requisito imprescindible matricularse de todas as materias necesarias para rematar o plan de estudos do mestrado. Así mesmo, os/as estudantes que participen en programas de mobilidade ou duplas titulacións poderán matricularse do TFM mentres realizan o programa de mobilidade. O seu réxime será establecido regulamentariamente.

5.2. O Traballo Fin de Mestrado só poderá ser defendido e avaliado unha vez que se tiver constancia de que o/a estudante superou todos os créditos necesarios para a obtención do título de Mestrado, agás os correspondentes ao TFM. No caso dos programas de mobilidade ou de dupla titulación estarase ao previsto regulamentariamente.

5.3. A avaliación será realizada por unha/s Comisión/s designada/s anualmente pola Comisión de Organización Académica da Facultade.

5.4. A/s Comisión/s avaliadora/s estará/n composta/s por tres persoas. Delas, dúas serán necesariamente profesores doutores con vinculación permanente á Universidade; a de maior categoría e antigüidade presidirá a Comisión e a de menor actuará como secretaria.


6. Presentación

6.1. O Traballo Fin de Mestrado entregarase tres exemplares en papel e un en formato electrónico na Administración da Facultade nas datas establecidas anualmente pola Comisión de Organización Académica.

6.2. As datas para a defensa dos traballos fin de mestrado serán establecidas anualmente pola Comisión de Organización Académica da Facultade e faranse públicas no taboleiro do centro. En ningún caso poderán ser posteriores á última data de peche de actas establecida oficialmente pola Universidade da Coruña.

6.3. No acto de defensa, o alumno deberá facer unha exposición resumida do Traballo Fin de Mestrado nun tempo máximo de vinte minutos. Logo das intervencións dos membros da Comisión avaliadora, o alumno responderá as cuestións que os seusmembros lle formulasen.

6.4. O Traballo Fin de Mestrado recibirá unha cualificación numérica de 0 a 10, con expresión dun decimal, que se acompañará da correspondente cualificación cualitativa (Suspenso, Aprobado, Notable e Sobresaliente). A concesión de matrículas de honra farase segundo o establecido na Normativa académica da Universidade da Coruña que for de aplicación.

6.5. Unha vez rematado o acto de defensa do traballo, os membros da Comisión avaliadora asinarán a acta da reunión, que incluirá a cualificación e que se fará pública no lugar establecido ao efecto.


7. Consulta e publicación dos traballos fin de mestrado

7.1. A Comisión Académica do Mestrado dará o visto e prace aos traballos que serán publicados no Repositorio Institucional da Universidade da Coruña (RUC) e fará unha selección dos traballos por titulación. Para isto, terá en conta a opinión emitida polos correspondentes tribunais. A administración do centro enviará unha copia en formato electrónico ao Servizo de Biblioteca de todos os traballos seleccionados para a súa publicación no repositorio institucional.

 

Anexo I. Características

Anexo II. Formulario de inscrición [formato Word]

Anexo III. Defensa e avaliación

Anexo IV. Informe do/a titor/a  Informe do/a titor/a (a través da Secretaría virtual)