Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade  |  International Students


Traballo Fin de Grao

Regulamento do Traballo Fin de Grao da Facultade de Filoloxía

Revisado pola Comisión de Estratexia e Calidade de 6 de febreiro de 2014, aprobado pola Xunta de Facultade de 26 de febreiro de 2014 e modificado pola Xunta de Facultade de 20 de outubro de 2017


1. Obxecto e ámbito de aplicación

1.1. Este regulamento contén as directrices relativas á definición, realización, defensa, cualificación e tramitación administrativa dos traballos de fin de grao dos planos de estudo dos graos da Facultade de Filoloxía, de acordo coas Directrices para a elaboración de regulamentos relativos ao traballo de fin de grao nos graos da UDC, aprobadas polo Consello de Goberno de 22 de xullo de 2011, e de acordo coa Normativa reguladora da matrícula e defensa do Traballo Fin de Grao (TFG) e do Traballo Fin de Mestrado (TFM), aprobada polo Consello de Goberno de 19 de decembro de 2013.

1.2. Este regulamento debe interpretarse no marco das regulamentacións e procedementos da Universidade da Coruña que se atoparen en vigor e que se referiren, entre outros aspectos, ao sistema de avaliación, ao recoñecemento e á transferencia de créditos, así como á mobilidade de estudantes.

1.3. A comisión do centro competente na xestión dos traballos de fin de grao é a Comisión de Organización Académica, delegada da Xunta de Facultade.


2. Natureza e características do Traballo Fin de Grao

2.1. O Traballo Fin de Grao (TFG) supón a realización, por parte de cada estudante e de forma individual, dun proxecto, dunha memoria ou dun estudo concreto baixo a supervisión de un ou máis directores.
Neste traballo deben integrarse e desenvolverse os contidos formativos recibidos, así como as capacidades, competencias e habilidades adquiridas durante o período de docencia do grao.

2.2. O Traballo Fin de Grao deberá estar orientado á aplicación das competencias xerais asociadas ao título, en concreto, a capacitar para a busca, xestión, organización e interpretación de datos nos estudos lingüísticos e literarios co obxecto de emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes deste ámbito de estudos, e a facilitar o desenvolvemento dun pensamento e xuízo crítico, lóxico e creativo.

2.3. Para formalizar a matrícula do Traballo Fin de Grao, o alumnado poderá ter pendentes como máximo 78 créditos para completar os estudos, incluídos os correspondentes ao TFG, e deberá rnatricularse tamén de todas as materias necesarias para rematar o plan de estudos do Grao. Igualmente, os/as estudantes que participen en programas de mobilidade ou duplas titulacións poderán matricularse do TFG mentres realizan o programa de mobilidade. O seu réxime será establecido regulamentariamente.

2.4. O Traballo Fin de Grao só poderá ser defendido e avaliado unha vez que se tiver constancia de que o/a estudante superou todos os créditos necesarios para a obtención do título de Grao, agás os correspondentes ao TFG, isto é, unha vez superados os 234 créditos restantes, segundo se establece nas memorias de verificación dos graos da Facultade de Filoloxía. No caso dos programas de mobilidade ou de dupla titulación estarase ao previsto regulamentariamente.

2.5. O Traballo Fin de Grao non ten a natureza dun traballo investigador. Con todo, a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual, se for o caso, corresponderá a quen o realizar segundo queda recollido no apartado h) do artigo 8 do RD 1791/2010 de 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario.

2.6. O tema de que for obxecto o Traballo Fin de Grao, tanto no seu nivel como na súa extensión e os seus obxectivos, deberá posibilitar que o/a estudante o realice nas 150 horas equivalentes aos 6 créditos ECTS asignados ao traballo no plan de estudos.
A Facultade de Filoloxía velará a través dos mecanismos de coordinación existentes no grao e da Comisión de Organización por que isto se cumpra e, en consecuencia, poidan alcanzarse as taxas de eficiencia, éxito e graduación a que fai referencia a memoria do grao.


3. Dirección académica do Traballo Fin de Grao

3.1. O Traballo Fin de Grao será dirixido por un membro do profesorado con docencia no título de grao.
Tal profesor/a será responsable de:

a) expoñerlle ao estudantado as características do traballo e orientalo no seu desenvolvemento;
b) realizar un seguimento da elaboración do traballo e velar polo cumprimento dos obxectivos fixados;
c) autorizar a presentación e defensa do TFG.

3.2. O Traballo Fin de Grao poderá ser dirixido por máis de unha persoa. Nese caso, cando menos, unha delas deberá ser un membro do profesorado con docencia no título de grao en que estiver matriculado o/a estudante.


4. Oferta de temas dos traballos fin de grao e asignación de direccións

4.1. Os temas ou as liñas dos Traballos Fin de Grao e os/as directores/as correspondentes proporanse de xeito razoado. Tal proposta será remitida á dirección do centro desde os departamentos a que este lles fixer o encargo dos TFG até o 30 de xullo. Os/as estudantes poderán proporlles aos departamentos temas ou liñas para que sexan incorporados na súa oferta.

4.2. A Comisión de Organización Académica aprobará e fará pública a listaxe cos temas, cos directores ou directoras e co número de estudantes asignados a cada tema e co director/a, coa data límite de 30 de setembro.

4.3. O estudantado solicitará a asignación por orde de preferencia dun número mínimo de dez temas e/ou directores/as coa data límite de 15 de outubro no modelo de impreso que figura como Anexo I deste regulamento.
A Comisión de Organización Académica preparará unha proposta de asignación provisional, que incluirá o prazo de reclamacións. Para dirimir as prioridades na elección de tema e/ou de director/a utilizarase como criterio a cualificación media do expediente académico do/a estudante no momento de realizar a matrícula.

4.4. Unha vez resoltas as reclamacións, se as houber, a Comisión de Organización Académica publicará a listaxe definitiva coa data límite de 30 de outubro.
Calquera modificación posterior deberá ser aprobada pola Comisión de Organización Académica.


5. Tribunais de avaliación

5.1. Os tribunais estarán formados por tres persoas e os correspondentes suplentes.
Todas elas deberán ser membros do profesorado do centro que imparte o título de grao. O/a director/a do Traballo Fin de Grao non poderá formar parte do tribunal.

5.2. Cada tribunal contará cunha persoa que o presida e outra que exerza como secretaria. O de maior categoría docente e antigüidade actuará como presidente e o de menor como secretaria/o. Ambos exercerán como tales en todas as actuacións do tribunal.

5.3. Unha vez constituídos, os tribunais de avaliación, de acordo co centro, establecerán o día, a hora e o lugar de realización das defensas dos traballos de fin de grao e a orde de exposición dos estudantes. Esta información farase pública no taboleiro de anuncios e na páxina web da Facultade.


6. Presentación e defensa dos traballos fin de grao

6.1. O/a estudante entregará na Administración da Facultade, e no prazo que se fará público para estes efectos, tres exemplares da versión escrita e a versión electrónica do traballo realizado, que deberá incluír o visto e prace do/a director/a para que o Traballo Fin de Grao poida ser defendido. Xunto cos exemplares presentará a solicitude de defensa e de avaliación do TFG, que incluirá a autorización, de ser o caso, para a súa inclusión no RUC (Anexo II).
Rematado o prazo de presentación, a Administración da Facultade entregará a documentación que proceda ao secretario/a do tribunal de avaliación, quen fará chegar unha copia do traballo a cada membro do tribunal.
As instrucións relativas á presentación dos traballos figuran como Anexo III deste regulamento.

6.2. O estudantado defenderá os seus traballos de fin de grao pública e presencialmente.

6.3. A realización, presentación e defensa dos traballos de fin de grao poderán efectuarse en calquera dos idiomas empregados na impartición do grao, de acordo co disposto na memoria de verificación do título.

6.4. Cada estudante disporá dun tempo máximo de 20 minutos en que deberá expoñer os obxectivos, a metodoloxía, o contido e as conclusións do seu traballo. Con posterioridade, terá que atender as preguntas, as aclaracións, os comentarios e as suxestións que lle puideren formular os membros do tribunal de avaliación.


7. Avaliación e cualificación

7.1. Para a avaliación, aplicaranse os criterios establecidos na guía docente e o disposto na memoria de verificación do título.
Unha vez realizada a exposición do/a estudante, o tribunal deliberará sobre a cualificación que lle corresponde. Para a cualificación final establecerase a media aritmética das cualificacións asignadas ao Traballo Fin de Grao por cada un dos membros do tribunal.

7.2. A cualificación outorgarase en función da seguinte escala numérica establecida no Real Decreto 1125/2003, de 0 a 10, con expresión dun decimal, á cal terá que se lle engadir a correspondente cualificación cualitativa:

a) 0-4,9 suspenso
b) 5,0-6,9 aprobado
c) 7,0-8,9 notable
d) 9,0-10 sobresaliente

7.3. Poderá acceder á mención de matrícula de honra o estudantado que obtiver unha cualificación igual ou superior a 9,0 puntos, segundo o criterio do tribunal avaliador.

7.4. No caso de o/a estudante obter a cualificación de suspenso, o tribunal faralle chegar un informe coas recomendacións oportunas para a mellora do traballo e a súa posterior avaliación.
Enviarase unha copia deste informe á(s) persoa(s) que dirixiron o Traballo Fin de Grao.

7.5. A revisión e/ou reclamación das cualificacións finais dos traballos fin de grao levaranse a cabo de conformidade co previsto na normativa da Universidade da Coruña.


8. Matrícula, calendario académico e actas

8.1. A matrícula dos traballos fin de grao realizarase dentro do prazo xeral de matrícula establecido pola universidade, ou no período de ampliación da matrícula se o/a alumno/a reúne os requisitos para poder realizar esta modalidade de matrícula, mediante o aboamento dos prezos públicos que corresponderen de acordo co número de créditos asignados ao Traballo Fin de Grao.

8.2. O Traballo Fin de Grao dos graos da Facultade de Filoloxía está asignado no plan de estudos ao segundo cuadrimestre. Se o alumnado se matrícula no período de ampliación da matrícula, no mes de febreiro, os procedementos establecidos nas epígrafes 4.1., 4.2., 4.3. e 4.4. deberán estar finalizados o 30 de marzo. Para máis información sobre o calendario, consúltese o Anexo IV deste regulamento.

8.3. Para a súa defensa e avaliación, o estudante disporá dunha convocatoria con dúas oportunidades en cada curso académico: xuño/xullo para a primeira oportunidade e xullo/setembro para a segunda.
Cando a superación do Traballo Fin de Grao supoña o remate dos estudos, o alumnado poderá matricularse para defendelo no período establecido para a primeira oportunidade das probas de avaliación das materias do primeiro cuadrimestre. No caso de non superar esta defensa, poderá utilizar como segunda oportunidade tan só unha das establecidas nese mesmo curso académico: xuño/xullo ou xullo/setembro.

8.4. A Facultade, atendendo a criterios de programación docente, establecerá a realización das defensas dos traballos fin de grao dentro dos prazos marcados no calendario académico que aprobar o Consello de Goberno.

8.5. O peche e entrega das actas de avaliación dos traballos fin de grao aterase ao previsto no calendario académico aprobado polo Consello de Goberno.


9. Consulta e publicación dos traballos fin de grao

9.1. A Comisión de Organización Académica dará o visto e prace aos traballos que serán publicados no Repositorio Institucional da Universidade da Coruña (RUC) e fará unha selección dos traballos por titulación. Para isto, terá en conta a opinión emitida polos correspondentes tribunais. A administración do centro enviará unha copia en formato electrónico ao Servizo de Biblioteca de todos os traballos seleccionados para a súa publicación no repositorio institucional.

 

Anexo I. Solicitude de asignación de liña de traballo e director/a

Anexo II. Solicitude de defensa e avaliación

Anexo III. Instrucións para a presentación dos traballos

Anexo IV. Calendarios de matrícula, solicitude de asignación etc.