A Xunta de Facultade está constituída por:
a) O/a decano/a, que a convocará e a presidirá.
b) Os/as vicedecanos/as e o/a secretario/a, que o será tamén da Xunta.
c) Unha representación do profesorado do centro, que constituirá o 70% da Xunta. Todo o profesorado funcionario do centro pertencerá á Xunta e representará, cando menos, un 51% do total de membros desta. Sempre que sexa posible, o 19% será profesorado non funcionario.
d) Unha representación de estudantes, que será o 25% da Xunta.
e) Unha representación do persoal de administración e servizos, que será o 5% da Xunta.
Como órgano colexiado de goberno do centro, corresponde á Xunta de Facultade:
a) Elixir o/a decano/a e, se for o caso, revogalo/a.
b) Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e de administración do centro.
c) Propor a implantación de novas titulacións e estudos.
d) Elaborar e aprobar as propostas de planos de estudos das titulacións que se impartan no centro.
e) Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plano docente do centro coordinadamente cos departamentos adscritos ao centro.
f) Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que se impartan neles polos departamentos, de acordo cos planos de estudo e cos obxectivos que están establecidos para cada titulación.
g) Programar os servizos e os equipamentos do centro e mais supervisar a súa xestión.
h) Acordar a distribución dos créditos que se concedan ao centro e controlar a súa aplicación.
i) Organizar as actividades de formación permanente e de extensión universitaria.
j) Ratificar, se for o caso, os acordos da Comisión Permanente da Xunta de Facultade.
k) Aprobar o horario de clases teóricas e prácticas de cada curso académico.
l) Aprobar o calendario de exames das convocatorias oficiais.
m) Aprobar a memoria anual de actividades da Facultade.
n) Elaborar o Regulamento de Réxime Interno do centro e propolo ao Consello de Goberno para a súa aprobación.
o) Calquera outra que lle atribuíren as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña que aprobou o Decreto 101/2004, do 13 de maio.
A Xunta de Facultade, ademais de contar cunha Comisión Permanente, pode crear outras Comisións Delegadas estables ou conxunturais.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000