Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade


Regulamento de Réxime Interno da Facultade de Filoloxía

Aprobado polo Consello de Goberno na súa sesión de 19 de decembro de 2005, e modificado pola Xunta de Facultade de Filoloxía, na súa reunión do día 24 de xullo de 2013, e refrendado pola Asesoría Xurídica con data do 18 de outubro de 2013.


O presente regulamento vén dar cumprimento ao que dispón o artigo 13 dos Estatutos da Universidade da Coruña, que foron aprobados polo Decreto 101/2004, de 13 de maio (DOG do 26 de maio). A regulación do réxime de funcionamento e de organización da Facultade de Filoloxía fica enmarcada na normativa aplicable á Universidade da Coruña, en concreto na Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de universidades, e no Decreto 101/2004, de 13 de maio, que aproba os Estatutos da Universidade da Coruña, así como na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, naqueles aspectos que se recollen na presente normativa e que son de obrigado cumprimento ou que con carácter subsidiario foren de aplicación.


TÍTULO PRELIMINAR. DO ÁMBITO E DO RÉXIME XURÍDICO DE APLICACIÓN
Artigo 1. Obxecto do regulamento

O presente regulamento establece e regula o funcionamento e a organización da Facultade de Filoloxía.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O presente regulamento será de aplicación á Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e, consecuentemente, será de obrigado cumprimento para todos os membros da comunidade universitaria do centro.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. A Facultade de Filoloxía rexerase pola Lei orgánica de universidades, polas normas que emanen dos correspondentes órganos do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio das súas respectivas competencias, polos Estatutos da Universidade da Coruña e as súas normas de desenvolvemento e, finalmente, polo presente Regulamento de réxime interno.

2. En defecto do que establece o presente regulamento, aplicarase a Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Contra as resolucións e os acordos dos órganos unipersoais ou colexiados do centro, poderá formularse recurso de alzada no prazo dun mes perante o/a reitor/a, se se tratar de resolucións do/a decano/a, ou perante o Consello de Goberno, se se tratar de acordos da Xunta de Facultade, cuxa decisión esgotará a vía administrativa e será impugnable perante a xurisdición contencioso-administrativa de conformidade coa lei reguladora desta xurisdición.

 

TÍTULO I. NATUREZA, FINS E FUNCIÓNS
Artigo 4. Natureza

A Facultade de Filoloxía é o centro que se encarga da organización do ensino e dos procesos académicos, administrativos e de xestión que conducen á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio español.

Artigo 5. Funcións

Son funcións da Facultade de Filoloxía:

a) Elaborar a proposta dos planos de estudo do ensino que se imparte nela.

b) Organizar e supervisar as actividades docentes e a xestión dos servizos da súa competencia.

c) Custodiar as actas de cualificación e os expedientes do alumnado que cursase ou curse estudos nela, sen prexuízo do mantemento, por parte da Universidade, de arquivos centralizados.

d) Expedir as certificacións que solicite o estudantado do centro.

e) Administrar a asignación orzamentaria do centro e controlar os seus propios servizos e os seus equipamentos.

f) Promover as actividades culturais e de extensión universitaria.

g) Participar nos procesos de avaliación da calidade.

h) Facilitar os medios materiais necesarios para a realización de actividades de formación do persoal vinculado ao centro.

i) Aplicar as directrices da Universidade da Coruña sobre normalización lingüística.

j) Calquera outra que lle atribúan as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados por Decreto 101/2004, de 13 de maio.

 

TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN DA FACULTADE DE FILOLOXÍA
Artigo 6. Órganos de goberno da Facultade de Filoloxía

Para o goberno, a representación e a administración da Facultade de Filoloxía establécense os seguintes órganos:

a) Colexiados:

— Xunta de Facultade de Filoloxía.

— Comisión Permanente da Xunta de Facultade.

— Comisións delegadas da Xunta de Facultade, estables e conxunturais.

b) Unipersoais:

— O/a decano/a da Facultade.

— Os/as vicedecanos/as da Facultade.

— O/a secretario/a da Facultade.

SECCIÓN PRIMEIRA. DOS ÓRGANOS COLEXIADOS
Artigo 7. Composición da Xunta de Facultade de Filoloxía

1. A Xunta de Facultade de Filoloxía estará constituída por:

a) O/a decano/a , que a convocará e a presidirá.

b) Os/as vicedecanos/as e o/a secretario/a, que o será tamén da Xunta.

c) Unha representación do profesorado do centro, que constituirá o 70% da Xunta. Todo o profesorado funcionario do centro pertencerá á Xunta e representará, cando menos, un 51% do total de membros desta. Sempre que sexa posible, o 19% será profesorado non funcionario.

d) Unha representación de estudantes, que será o 25% da Xunta.

e) Unha representación do persoal de administración e servizos, que será o 5% da Xunta.

2. O profesorado que imparta docencia en máis dun centro só poderá ser membro da Xunta de Facultade de Filoloxía cando desenvolver maioritariamente a súa docencia no centro.

3. Todas as persoas representantes desempeñarán a súa función por un período de dous anos. Se algunha das persoas representantes perder a súa condición de membro da Xunta de Facultade durante o período do seu mandato, o seu posto será ocupado ata o final do período pola súa persoa suplente, que será sucesivamente o/a que obtivese máis votos nas eleccións correspondentes, sen chegar a acadar representación.

Artigo 8. Competencias da Xunta de Facultade de Filoloxía

Como órgano colexiado de goberno do centro, corresponde á Xunta de Facultade:

a) Elixir o/a decano/a e, se for o caso, revogalo/a.

b) Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e de administración do centro.

c) Propor a implantación de novas titulacións e estudos.

d) Elaborar e aprobar as propostas de planos de estudos das titulacións que se impartan no centro.

e) Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plano docente do centro coordinadamente cos departamentos adscritos ao centro.

f) Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que se impartan neles polos departamentos, de acordo cos planos de estudo e cos obxectivos que están establecidos para cada titulación.

g) Programar os servizos e os equipamentos do centro e mais supervisar a súa xestión.

h) Acordar a distribución dos créditos que se concedan ao centro e controlar a súa aplicación.

i) Organizar as actividades de formación permanente e de extensión universitaria.

j) Ratificar, se for o caso, os acordos da Comisión Permanente da Xunta de Facultade.

k) Aprobar o horario de clases teóricas e prácticas de cada curso académico.

l) Aprobar o calendario de exames das convocatorias oficiais.

m) Aprobar a memoria anual de actividades da Facultade.

n) Elaborar o Regulamento de Réxime Interno do centro e propolo ao Consello de Goberno para a súa aprobación.

o) Calquera outra que lle atribuíren as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña que aprobou o Decreto 101/2004, do 13 de maio.

Artigo 9. Funcionamento da Xunta de Facultade de Filoloxía

1. A Xunta de Facultade de Filoloxía reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez por trimestre, e en sesión extraordinaria sempre que o/a decano/a a convocar por propia iniciativa ou por solicitude do 25% dos seus membros ou das tres cuartas partes dos representantes dun sector, en cuxo caso se realizará a convocatoria no prazo máis breve posible e, como máximo, nos quince días hábiles seguintes ao de recepción da solicitude.

2. Na convocatoria deberá constar a orde do día, a data, a hora e o lugar da reunión. A convocatoria deberá ser entregada, cando menos, con corenta e oito horas de anticipación, excepto no caso de Xunta extraordinaria e urxente, en que se entregará cando menos con vinte e catro horas de antelación.

3. No caso dos representantes do estudantado, a convocatoria efectuarase na caixa de correo das asociacións.

Artigo 10. Da orde do día

A orde do día será elaborada polo/a decano/a, asistido/a polo/a secretario/a e mais o equipo decanal. Nela figurarán inescusablemente as mencións de aprobación das actas das sesións anteriores, os asuntos de trámite e os rogos e as preguntas, salvo que a Xunta se convocar con carácter extraordinario. Tamén se deberán incluír na orde do día os puntos que previamente solicitasen por escrito o 10% dos membros da Xunta ou as tres cuartas partes da totalidade dos representantes dun sector.

Artigo 11. Constitución

1. Para a válida constitución da Xunta de Facultade de Filoloxía, para efectos da realización das sesións, das deliberacións e da toma de acordos, requirirase a presenza do/a decano/a e secretario/a ou, se for o caso, de quen os substituír e da metade, polo menos, dos seus membros.

2. De non se alcanzar este quórum, a Xunta de Facultade de Filoloxía poderase constituír en segunda convocatoria coa presenza dunha cuarta parte dos seus membros e, en todo caso, a do/a decano/a e secretario/a ou, se for o caso, de quen os substituíren.

Artigo 12. Asistencia e desenvolvemento das sesións

1. A asistencia ás sesións da Xunta de Facultade constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros. Para o cumprimento desta función quedan dispensados de calquera outra actividade universitaria polo tempo que duraren as sesións da Xunta. Cando un membro da Xunta de Facultade non puider asistir por causa xustificada deberá comunicalo por escrito antes da mesma.

2. Non se admitirá a delegación de voto nin en membros da Xunta nin en persoas alleas. Tampouco será admitido o voto anticipado, salvo naqueles casos que se recollen nos regulamentos electorais da Universidade.

Artigo 13. Votacións e adopción de acordos

1. As decisións pódense tomar por asentimento ou por votación. As votacións serán públicas e a man alzada e só terán carácter secreto se así o solicitaren cando menos cinco membros da Xunta. Serán secretas, en todo caso, cando afectaren a persoas concretas. Antes de proceder á votación calquera membro da Xunta de Facultade poderá pedir quórum. Neste suposto, non se poderá realizar a votación sen a presenza dunha cuarta parte dos membros da Xunta de Facultade. Unha vez iniciada a votación ningún membro poderá entrar ou saír da sala en tanto esta non rematar.

2. En caso de empate nos resultados dunha votación, o/a decano/a decidirá co seu voto de calidade.

3. Non poderán someterse a votación aquelas cuestións que non estiveren especificadas en cada punto da orde do día e en relación directa con elas. Tampouco poderán tomarse acordos dentro dos apartados da orde do día correspondentes a “Informes” e “Rogos e Preguntas”.

4. Despois de que se inicie unha votación, esta non se poderá interromper.

Artigo 14. Actas

1. O/a secretario/a da Facultade redactará a acta de cada sesión en que se especificarán os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos e o xeito en que estes se adoptaron. Na acta figurará, previa solicitude expresa dos respectivos membros da Xunta, o seu voto contrario, favorable ou abstención sobre o acordo que se adoptase e a xustificación do sentido do voto. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención, do seu voto particular ou da súa proposta, sempre que achegar no acto ou no prazo que sinale o/a decano/a o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou unirase a copia a ela.

2. Cando os membros do órgano votaren en contra ou se abstiveren, quedarán exentos da responsabilidade que, se for o caso, puidese derivarse dos acordos.

3. As actas aprobaranse na seguinte sesión ordinaria e poderá, non obstante, emitir o/a secretario/a unha certificación sobre os acordos específicos que se adoptaren, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Artigo 15. Das Comisións da Facultade

1. Ademais da Comisión Permanente, a Xunta de Facultade pode crear comisións delegadas de carácter estable ou conxuntural. As comisións estables son a Comisión de Infraestrutura e Servizos, a Comisión de Estratexia e Calidade, a Comisión de Organización Académica e a Comisión de Cultura e Biblioteca.

2. Á marxe destas comisións estables, a Xunta de Facultade poderá decidir a constitución de comisións conxunturais para situacións puntuais ou asuntos concretos.

Artigo 16. Elección dos membros das comisións

1. Os membros da Comisión Permanente e das comisións delegadas serán elixidos no seo da Xunta de Facultade aplicando un criterio sectorial. Cada sector da Xunta de Facultade elixirá os seus representantes mediante un sistema de listas abertas, aplicando un criterio maioritario corrixido (nunha lista non se poden votar máis de dous terzos do número de postos que hai que cubrir), que garanta o respecto ás minorías.

2. A renovación dos representantes do estudantado e do persoal de administración e servizos nas comisións permanente e delegadas farase de acordo co que está establecido no artigo 7.3. deste Regulamento.

3. En caso de vacante nalgunha das comisións, e de non haber suplentes, procederase a unha nova elección no sector correspondente.

Artigo 17. Natureza das comisións

Pola súa propia natureza, as comisións delegadas só poderán tomar decisións e executalas cando os órganos correspondentes delegasen nelas esa competencia. Deste xeito, o labor fundamental das comisións delegadas é informar, coordinar e elaborar propostas sobre os asuntos que este regulamento ou os órganos de goberno da Facultade lle encomendaren.

Artigo 18. Funcionamento das comisións

1. Cada comisión dotarase do réxime de funcionamento que considerar máis apropiado para o cumprimento das súas funcións.

2. Ademais dos compoñentes que se especifican en cada caso, formará parte de todas elas o seu presidente, que será o/a decano/a ou membro do equipo decanal en que delegar.

Artigo 19. Comisión Permanente de Xunta de Facultade de Filoloxía

1. A Comisión Permanente da Xunta de Facultade estará composta por:

a) Cinco membros do profesorado.

b) Dous membros do alumnado.

c) Un membro do P.A.S.

2. Son competencias da Comisión Permanente os asuntos de trámite e aqueloutros que expresamente delegar nela a Xunta de Facultade.

3. Os acordos que adoptar a Comisión Permanente serán comunicados á Xunta de Facultade na primeira sesión ordinaria que se realizar.

Artigo 20. Comisión de Estratexia e de Garantía de Calidade

1. A Comisión de Estratexia e de Garantía de Calidade estará formada por:

a) O/a decano/a.

b) Vicedecano/a responsable de Calidade.

c) O/a secretario/a académico do centro, que actuará como secretario/a da comisión.

d) Coordinadores/as dos títulos de Grao e Mestrado do centro.

e) Administrador/a da Facultade de Filoloxía.

f) 4 representantes do PDI do centro, designados pola Xunta de Facultade, en representación das áreas de coñecemento non incluídas na comisión noutros postos ou sen docencia de materias básicas nos graos.

g) 4 representantes dos estudantes (un deles, se fose posible, de terceiro ciclo), designados pola Xunta de Facultade.

h) 1 representante do PAS do centro, designado pola Xunta de Facultade.

i) 1 técnico da UTC, con voz mais sen voto.

2. Son competencias da Comisión de Estratexia e de Calidade:

a) Realizar o seguimento dos planos de mellora das titulacións que se imparten no centro e a elaboración dunha memoria anual sobre o grao de execución e de satisfacción dos planos de mellora.

b) Coordinar e promover accións correctoras que estean destinadas a mellorar a calidade da docencia.

c) A elaboración e o seguimento, se proceder, de calquera informe de avaliación da calidade que se lle solicitar ao centro.

d) Colaborar na elaboración e na actualización dos planos estratéxicos que correspondan á Facultade no ámbito do plano estratéxico da UDC.

e) Promover relacións cos axentes sociais e económicos que redunden na mellora das titulacións e na inserción laboral dos egresados.

f) Elaborar propostas sobre futuros estudos de posgrao.

g) Informar e realizar o seguimento dos programas académicos de mobilidade e de intercambio.

h) Calquera outra función que, relacionada coa calidade, lle asignar a Xunta de Facultade.

Artigo 21. Comisión de Biblioteca

1. A Comisión de Biblioteca estará composta por:

a) Seis membros do profesorado, dous por cada departamento adscrito á Facultade.

b) Catro membros do alumnado.

c) Un membro do PAS.

d) O/a director/a da biblioteca, con voz mais sen voto.

2. A Comisión de Biblioteca será a encargada de:

a) Xestionar os fondos que lle asignar a Xunta de Facultade nos seus orzamentos anuais.

b) Supervisar o funcionamento da biblioteca e propor aquelas melloras ou modificacións que afecten ao servizo e á atención ao usuario e propor e informar sobre a política de reparto orzamentario, de adquisicións e de subscricións.

c) Estudar e propor adquisicións de carácter xeral, de bases de datos ou de revistas.

d) Resolver todos cantos temas poidan afectar ao seu funcionamento (selección de bolseiros de colaboración en tarefas bibliográficas, asesoramento no proceso de catalogación, solicitude de novos equipamentos para a biblioteca etc.).

e) Calquera outra función relacionada coa biblioteca que lle asignar a Xunta de Facultade.

Artigo 22. Da Comisión de Cultura

1. A Comisión de Cultura estará composta por:

a) Catro membros do profesorado.

b) Catro membros do alumnado.

c) Un membro do PAS

2. A Comisión de Cultura encárgase da dinamización cultural da vida universitaria na Facultade de Filoloxía. Será a encargada de:

a) Xestionar o orzamento anual de extensión universitaria.

b) Organizar aquelas actividades de carácter extracurricular (ciclos de conferencias, debates, cursos de carácter xeral, publicacións, creacións de grupos artísticos, culturais ou deportivos etc.) que poidan resultar de interese para o conxunto dos membros da Facultade.

c) Propor a realización de actividades culturais.

d) Colaborar naquelas actividades que foren organizadas por calquera membro da Facultade.

e) Levar a cabo accións que permitiren difundir entre a sociedade as actividades culturais do centro.

f) Calquera outra función que, relacionada coa cultura, lle asignar a Xunta de Facultade.

Artigo 23. Da Comisión de Infraestrutura e de Servizos

1. A súa composición será de:

a) Catro membros do profesorado.

b) Catro membros do alumnado.

c) Un membro do PAS.

d) O/a xefe/a do negociado responsable de asuntos económicos, con voz mais sen voto.

2. A Comisión de Infraestrutura e de Servizos é a encargada de:

a) Propor a distribución da partida de equipamento docente do Centro.

b) Propor a dotación de medios para cubrir as necesidades de administración e de servizos.

c) Distribuír e controlar os espazos que serán dedicados á investigación, á docencia e á administración na Facultade.

d) Solicitar ás instancias oportunas a dotación dos medios necesarios para o correcto desenvolvemento das funcións que ten asignadas.

e) Facer o seguimento do edificio, da súa conservación e da súa reparación.

f) Realizar cantos estudos lle foren encargados polos órganos de goberno do Centro.

g) Promover e velar pola execución das accións deseñadas para levar a cabo a prevención de riscos laborais.

h) Calquera outra función relacionada con infraestruturas ou con servizos que lle asignar a Xunta de Facultade.

Artigo 24. Da Comisión de Organización Académica

1. Esta comisión estará composta por:

a) Todos os directores dos departamentos adscritos á Facultade.

b) O/a secretario/a da Facultade.

c) O/a administrador/a con voz mais sen voto.

d) Unha representación do sector de estudantes, que será un terzo do total da Comisión.

2. A Comisión de Organización Académica ten por funcións:

a) Resolver as solicitudes de validacións e de adaptacións de estudos nos termos da desconcentración no exercicio destas competencias que acorde a Comisión de Plano de Estudos da Xunta de Goberno da Universidade.

b) Propor validacións de estudos estranxeiros.

c) Informar sobre aquelas cuestións que lle propuxeren os órganos competentes.

d) Informar sobre o recoñecemento como créditos de libre configuración de cursos, de seminarios, de xornadas e de congresos.

e) Analizar as situacións irregulares que se produciren na vida académica da Facultade, tras a audiencia das partes implicadas.

f) Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e mais supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que neles impartan os departamentos, de acordo cos planos de estudo e cos obxectivos establecidos para cada titulación.

g) Calquera outra función de tipo académico que lle asignaren os órganos competentes.

Artigo 25. Da Comisión de Relacións Internacionais

1. Esta Comisión estará composta por:

a) Vicedecano/a de Relacións Internacionais da Facultade.

b) 6 membros do profesorado (tres coordinadores de titulación e un profesor por departamento).

c) 2 representantes do alumnado (membros da Xunta de Facultade).

d) 1 membro do PAS.

SECCIÓN SEGUNDA. DOS ÓRGANOS UNIPERSOAIS
Artigo 26. Do/a decano/a

1. O/a decano/a de Facultade ostenta a representación do seu centro e exerce as funcións de dirección e de xestión ordinaria deste.

2. O/a decano/a de Facultade será nomeado/a polo/a reitor/a por un período de catro anos, tras a elección pola Xunta de Facultade de Filoloxía, entre o profesorado doutor pertencente aos corpos docentes universitarios adscritos ao centro.

Artigo 27. Funcións do/a decano/a

As funcións do/a decano/a son as que recolle o artigo 42 dos Estatutos da UDC.

Artigo 28. Do equipo decanal

1. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, o/a decano/a contará co auxilio do/a secretario/a da Facultade e dous/dúas vicedecanos/as, que actuarán baixo a súa dirección e dependencia, coas competencias que lles asignan os artigos 43.2 e 44.3 dos Estatutos da UDC.

2. No caso de ausencia ou de enfermidade, o/a decano/a designará, entre os vicedecanos/as, quen o/a deberá substituír.

3. O/a secretario/a e os/as vicedecanos/as serán nomeados polo/a reitor/a por proposta do/a decano/a, de entre os membros da comunidade universitaria do centro. Cesarán por decisión do/a reitor/a por proposta do/a decano/a, por petición propia e, en todo caso, cando conclúa o mandato do/a decano/a. Nos dous últimos casos, continuarán en funcións ata a toma de posesión dos seus sucesores.

Artigo 29. Da elección do/a decano/a

1. A elección a decano/a convocarase de acordo co que está establecido no Regulamento vixente para tal fin. Convocarase unha sesión extraordinaria do Pleno da Xunta de Facultade que terá como único punto da orde do día a elección do/a decano/a.

2. Cada candidato/a disporá dun máximo de 15 minutos, en que deberá expor o seu programa e presentar o seu equipo decanal.

3. Despois de que se realice a exposición dos/as candidatos/as e logo dun debate entre estes e os membros da Xunta de Facultade que desexaren intervir, procederase á votación nominal e secreta de todos os membros da Xunta.

4. Tras rematar a votación, no mesmo acto procederase ao escrutinio, e será proclamado/a decano/a electo/a quen obtiver a maioría absoluta dos sufraxios.

5. Se ningunha das persoas candidatas obtivese a maioría absoluta, procederíase a unha segunda votación na mesma sesión. Resultará elixida a persoa que obtiver o maior número de votos favorables.

6. De se producir empate entre dúas ou máis persoas darase preferencia á de máis antigüidade na Universidade da Coruña e, de persistir o empate, á de maior idade.

Artigo 30. Da revogación do/a decano/a

1. O/a decano/a poderá ser revogado/a mediante moción de censura.

2. A moción de censura, para ser tramitada, deberá ir asinada por un terzo dos membros da Xunta, con proposta de candidato/a alternativo/a.

3. Cando concorreren estas circunstancias, o/a decano/a ou quen cumprir a súa función, terá que convocar unha xunta extraordinaria con este único punto da orde do día nun prazo má-ximo de 15 días hábiles. A sesión estará presidida polo/a membro de máis idade presente na xunta, acompañado/a dun/ha representante do PAS e outro/a representante do estudantado elixidos/as por sorteo.

4. O/a portavoz das persoas que asinen a moción de censura e o/a decano/a disporán dun prazo de 15 minutos como máximo cada un/ha para expor a súa posición. A continuación, os membros da Xunta poderán pedir a palabra. Tras o debate procederase á votación nominal e secreta.

5. A moción de censura resultará aprobada se recibise cando menos un número de votos a favor igual á metade máis un do total de membros da Xunta de Facultade.

6. Se a moción de censura non for aprobada, os asinantes desta non poderán presentar outra durante o mesmo mandato.

7. Con anterioridade á sesión en que se vote a moción de censura o decanato deberá expor o censo dos membros da Xunta de Facultade durante un período mínimo de dous días e resolver no prazo máximo de dous días as posibles reclamacións ao censo.

 

TÍTULO III. DAS RECLAMACIÓNS
Artigo 31.

1. En tanto non existise un procedemento de orde superior, as reclamacións ateranse ao que se recolle no artigo 3.7 das Normas de cualificacións e actas de UDC.

2.O/a secretario/a do centro publicará a data a partir da cal se abre o prazo de reclamacións e porá a disposición dos estudantes os datos correspondentes.

3. Contra as cualificacións poderase interpor reclamación mediante escrito que se dirixirá ao/á decano/a do centro no prazo de quince días naturais contados a partir do seguinte ao da dita data de publicación.

4. O/a decano/a, despois de recibir a reclamación, que deberá ir acompañada da exposición escrita das causas da súa demanda, nun prazo máximo de 5 días hábiles nomeará unha comisión, que haberá de se constituír dentro dos tres días hábiles seguintes.

5. Esta comisión estará formada por tres membros do profesorado, se for posible da área de coñecemento da materia ou, cando menos, dunha área afín, non involucrados na avaliación do/a persoa reclamante, e por un membro do alumnado, que se sorteará entre os membros da Xunta de Facultade.

6. A comisión estudará as demandas da persoa reclamante e, se o considera necesario, escoitará ás partes en conflito. Nun prazo máximo de cinco días hábiles desde a súa constitución, emitirá un informe que será comunicado ao/á decano/a da Facultade, quen resolverá.

7. Contra a resolución do decanato poderá interpor recurso de alzada de acordo co que se prevé nas normas de procedemento administrativo común.

 

TÍTULO IV. DA REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 32. Iniciativa

A iniciativa para a reforma do Regulamento pode ser adoptada polo/a decano/a ou mediante proposta asinada polo 25% dos membros da Xunta de Facultade.

Artigo 33. Tramitación

As propostas de reforma do Regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Unha vez que se reciba a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración no Pleno da Xunta. Para a toma en consideración da proposta será preciso que esta reciba máis votos a favor que en contra da maioría dos membros da Xunta. Se superar este trámite, dita proposta poderá ser emendada, no prazo que se determine para tal efecto.

Artigo 34. Aprobación

A proposta e as emendas serán remitidas ao Pleno. Para que a reforma for adoptada será preciso que reciba o voto da maioría absoluta do Pleno da Xunta. De non ser así, a proposta de reforma considerarase refugada, e non poderá proporse idéntica reforma ata que transcorra un prazo de dous anos.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

ÚNICA. Período de adaptación das Comisións delegadas

Nun prazo máximo de dous meses procederase á constitución das comisións delegadas que se crean mediante este regulamento.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

PRIMEIRA. Derrogatoria

Queda derrogado o anterior regulamento de réxime interno do centro.

SEGUNDA. Entrada en vigor

O presente Regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa aprobación polo Consello de Goberno.