Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor

logo da biblioteca-arquivo teatral francisco pillado mayor

 

A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor ten a súa sede na Biblioteca de Filoloxía da UDC (segundo andar). Esta biblioteca-arquivo está adicada ás artes escénicas, e comprende un amplo período histórico.

Nace dun convenio de doazón entre D. Francisco Pillado Mayor e a Universidade da Coruña que se asinou o 26 de marzo de 1996, recibindo o nome do doante da colección.

A súa directora actual é Da. Laura Tato Fontaíña, profesora do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.

Á doazón incial de D. Francisco Pillado Mayor engadíronselle outras aportacións procedentes de arquivos privados e persoais (de D. Manuel Lorenzo, D. Miguel Gómez Segade, D. Cándido Pazó, Real Coro Toxos e Froles, Sala Nasa, Sala Galán, Teatro do Noroeste, Asociación de Actores, Técnicos e Directores de Escea, …), ademais das adquisicións regulares da propia Biblioteca de Filoloxía.

A biblioteca-arquivo intégrana dous fondos tipoloxicamente diferentes: un bibliográfico e outro documental.

O fondo bibliográfico está constituído por todos os libros e revistas doados por D. Francisco Pillado Mayor e outros mercados pola UDC. Trátase de obras de teoría do teatro e das artes escénicas, e textos de teatro clásico e contemporáneo, en galego e noutros idiomas.

O fondo documental está integrado por documentos doados por D. Francisco Pillado e D. Manuel Lourenzo, e outros de diferentes procedencias.

Todos estes documentos están agrupados na serie "Colección Francisco Pillado Mayor", que á súa vez subdivídese nas seguintes subseries: Arquivo Luís Seoane, Carteis, Compañías, Eventos, Materiais gráficos e audiovisuais, Música, Organismos, Prensa, Programas de man e folletos, Publicacións, Representacións e Textos.

Ambos fondos poden consultarse no catálogo da biblioteca da UDC e na colección dixitalizada accesible no Repositorio Institucional (RUC) da UDC.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000