investigación 
Pertenzo ao
Grupo de Neurociencia e Control Motor da Universidade
da Coruña, Neurocom
Colaboro
co laboratorio do Dr. Sur do MIT (Massachusetts Institute of Technology,
EEUU).
Fago investigación básica sobre aspectos moi concretos do funcionamento dunha estructura marabillosa: o
sistema nervioso.

Sistema nervioso: formado por miles de millóns de neuronas conectadas entre si .
Estas células utilizan para comunicarse impulsos eléctricos. Cada unha delas está recibindo e enviando constantemente centos,
miles de sinais. A complexidade
do sistema é abraiante e é xusto
esta complexidade, esta intensa actividade,
a que provoca a emerxencia da consciencia.
Por iso temos unha percepción de nós mesmos e experimentamos multitude
de emocións, feitos que propiciaron e permitiron a sociedade que somos agora, cunha marabillosa
capacidade para a creación e a transmisión de
información.
Utilizo diversas técnicas de investigación, entre as que
destacan a electrofisioloxía: disciplina e conxunto de técnicas que permiten estudiar a actividade eléctrica das neuronas.

As miñas investigacións
están enfocadas a varios temas:
- Circuitería e computación no
núcleo cuneatus: este núcleo (grupo de células
situadas no tronco encefálico) recibe información sensorial táctil e propioceptiva (posición do corpo
nas tres dimensións espaciais), procésaa e envíaa en dirección ao
tálamo. Gran parte da computación que se produce no cuneatus
está controlada por sinais procedentes da codia cerebral.

- Mecanismos do sono: podemos estar en dous
estados mentais básicos: a) espertos,
no que que temos consciencia e b) durmidos.
Todo, por suposto, depende da actividade neuronal. A electrofisioloxía,
combinada con farmacoloxía (manipulación das
sustancias químicas que hai no sistema
nervioso), permiten coñecer os mecanismos que subxacen á transición esperto-durmido.

- O circuíto tálamo-córtico-talámico: a codia cerebral (tamén chamada cerebro) e o
tálamo (conxunto de núcleos situados
aproximadamente no centro do encéfalo) son dúas rexións que están fortemente
interconectadas. A información que corre entre estas dúas
áreas determina a nosa percepción sensorial e tamén o estado mental global (esperto-durmido), por iso, para
poder comprender a maneira en que procesamos os
impulsos sensoriais, é moi
importante coñecer a actividade
e mecanismos de computación destas neuronas.


- Computación na codia visual: a visión é
un sentido moi espectacular, e un gran reto para
os científicos tratar de coñecer cómo elabora o
sistema nervioso o mundo visual. Mediante a combinación de técnicas electrofisiolóxicas con técnicas de xeración de imaxes da actividade neuronal, pódense estudiar os mecanismos de
construcción da visión.
