Benvida do reitor

Douche a máis agarimosa benvida á nosa Universidade da Coruña. Nas guías e ligazóns que tes aquí atoparás a información, extensa e detallada, que precisas para coñecer polo miúdo a nosa institución e acceder a todos os seus servizos.

Tes información abundante e actualizada sobre os aspectos académicos que che poden interesar, como titulacións, formación complementaria, intercambio, mobilidade, bolsas, cooperación, etcétera. Tes, tamén, datos do teu interese sobre aulas de estudo, actividades culturais e deportivas, cursos etc.

Benvido/a á túa Universidade, aos campus da Coruña e de Ferrol, onde arredor de 25 000 estudantes cursan estudos de grao, mestrados oficiais, doutoramento e posgraos propios, aproveitando unha oferta ampla e de calidade, magnificamente valorada nas enquisas polos máis de tres mil alumnos e alumnas que cada ano rematan os estudos nas nosas facultades e escolas.

A nosa é unha Universidade moi nova, aberta, adaptada ao dinamismo da sociedade actual. Unha Universidade moi activa que combina a calidade na docencia e na investigación coa promoción de iniciativas complementarias de carácter cultural e deportivo e o apoio ás iniciativas estudantís. Ou, o que é o mesmo, formación universitaria integral nun ambiente acolledor e amable. Benvida/o.