Normas de uso

As aulas de estudo da Universidade da Coruña están destinadas a facilitar aos alumnos o estudo e a lectura nas mellores condicións posibles. Dispoñen de 1546 prazas (678 no Edificio Xoana Capdevielle, 444 no CUR e 424 no Edificio de Apoio ao Estudo) para os estudantes poderen realizar estas actividades. Coa finalidade de poder ofrecer o mellor servizo posible nun ambiente adecuado, todos temos que colaborar da forma seguinte respectando unhas mínimas normas:

  1. As aulas de estudo son un servizo que a Universidade presta ao seu estudantado, polo que para acceder a elas é preciso estar en posesión do carné de estudante da Universidade da Coruña. Non obstante, se a capacidade o permitir, pode acceder libremente calquera cidadán.
  2. Todos os usuarios teñen a obriga de respectar tanto os demais usuarios e o persoal encargado do centro, como os medios e instalacións que a Universidade pon á súa disposición, velando pola súa integridade física, manexándoos con corrección e solicitando a presenza do persoal encargado cando así o necesitaren.
  3. Para facilitar o traballo de estudo e lectura de todos os usuarios, cómpre gardar silencio en todos os espazos das aulas, así como no corredor de acceso a elas. Os teléfonos móbiles deberán estar desconectados ou mantidos en silencio, e non está permitido atender chamadas nas aulas.
  4. Nas aulas de estudo non está permitido comer (unicamente está permitido beber auga), coa finalidade de preservar os seus materiais e equipamentos. Para comer ou beber os usuarios poden dirixirse as máquinas expendedoras presentes no edificio.
  5. A Universidade da Coruña é un centro libre de tabaco, polo que cómpre lembrar a prohibición de fumar nas instalacións.
  6. Non está permitido reservar postos a terceiras persoas nin ocupar un posto ausentándose por máis tempo do dun breve descanso (30 minutos) ou do necesario para facer uso doutros servizos do centro.
  7. O persoal encargado das aulas non se responsabiliza dos obxectos persoais que puideren esquecerse nelas.
  8. Uns quince minutos antes da hora de peche debe comezarse a desaloxar as salas.
  9. As aulas dispoñen dunha caixa de correo para canalizar todas as opinións, suxestións ou ideas que se estimaren oportunas. Anímase a todos os usuarios a que as utilicen.
  10. O persoal encargado das instalacións está autorizado para instar a identificarse a calquera usuario e ten capacidade para expulsar das aulas aquelas persoas que contraveñan estas normas.

Moitas grazas pola vosa inestimable colaboración