Recensión histórica

A Lei 11/1989, de 20 de xullo, de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia, crea a Universidade da Coruña, que constitúe xunto coa de Santiago de Compostela e coa de Vigo o sistema universitario de Galicia. Os Estatutos da Universidade da Coruña apróbanse por Decreto 253/1992, indicándose no art. 13 a súa estruturación territorial nos Campus da Coruña e de Ferrol.

A cesión polo Ministerio de Defensa das instalacións do antigo Hospital da Mariña é o inicio da creación do Campus de Ferrol-Esteiro, que desde o curso 1991/92 alberga a Escola Politécnica Superior, creada en virtude do Decreto 274/1991 de 30 de xullo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Esta escola comeza a súa actividade no curso académico 1991/92 impartindo a titulación de Enxeñaría Naval e Oceánica, ao inicio en aulas provisionais e, posteriormente (28/01/1992), nas novas instalacións citadas, onde xa no curso 1992/93 iníciase a implantación dos ensinos correspondentes á titulación de Enxeñaría Industrial. Ambas as dúas titulacións comezan con planos de estudo regulados segundo:
• Enxeñaría Industrial: Plano de Estudos publicado por Resolución de 23 de xullo de 1993 (BOE 19/08/1993), cunha carga lectiva global de 444 créditos, distribuídos en dous ciclos de 2+3.
• Enxeñaría Naval e Oceánica: Plano de Estudos publicado igualmente por Resolución de 23 de xullo de 1993 (BOE 19/08/1993) cunha carga lectiva global de 433 créditos, distribuídos en dous ciclos de 2+3.

Posteriormente modificouse o plan de estudos de Enxeñaría Naval e Oceánica para mellorar a organización da carga lectiva e permitir un mellor aproveitamento dos recursos docentes. O plan modificado publicouse por resolución do 11 de xuño de 2003 (BOE 4/08/2003) cunha carga lectiva de 375 créditos, distribuídos en dous ciclos de 3 +2 cursos.

A adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) comeza pola etapa de posgrao e doutorado dando lugar a dous mestrados que corresponden aos ámbitos de enxeñaría naval e industrial e xurdindo outros posgraos de marcado carácter investigador.

No curso 2010/2011 iníciase a transformación da etapa de grao impartíndose no centro os títulos seguintes:
• Grao en Arquitectura Naval (resolución do 11 de febreiro de 2011, BOE 16/03/2011)
• Grao en Enxeñaría en Propulsión e Servizos do Buque (resolución do 11 de febreiro de 2011, BOE 16/03/2011)
• Grao en Enxeñaría Mecánica (resolución do 11 de febreiro de 2011, BOE 16/03/2011)
• Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais (resolución do 11 de febreiro de 2011, BOE 16/03/2011)

A transformación total dos antigos títulos de enxeñaría concluirá coa posta en funcionamento dos mestrados con competencias profesionais de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría Naval e Oceánica, que actualmente se encontran en proceso de verificación.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000