Recoñecemento de créditos de libre elección e incorporación ao expediente académico
- O alumnado poderá obter o recoñecemento de créditos de libre elección pola realización de cursos e actividades formativas que forman parte da oferta de libre elección para o curso académico correspondente, así como polo resto de estudos ou actividades que están recollidos no capítulo III do Regulamento sobre a libre elección e os sucesivos acordos da Comisión de Planos de Estudo que os desenvolven.
- Os cursos ou actividades académicas, aprobados pola Comisión de Planos de Estudo nun curso académico, formarán parte da oferta de libre elección dos dous cursos académicos seguintes ao da súa aprobación.
- As peticións do alumnado para a incorporación dos créditos de libre elección ao seu expediente académico débena efectuar directamente nos centros e nos prazos que se establezan na convocatoria de matrícula, para o que deberán achegar o certificado acreditativo da realización do curso ou da actividade.
- Para obter o recoñecemento de créditos de libre elección por cursos realizados noutras universidades (incluídos os cursos de verán) é preciso que na certificación conste o número de créditos recoñecidos na universidade de orixe, sen prexuízo dos créditos que corresponda recoñecer nesta universidade.
- Excepcionalmente, poderanse incorporar os créditos de libre elección, fóra dos prazos establecidos, cando o/a alumno/a estiver en condicións de finalizar os seus estudos ou o primeiro ciclo destes ou no caso de que solicite traslado para continuar os seus estudos noutra universidade.
- Os créditos de libre elección por todas as actividades do capítulo III do Regulamento sobre libre elección figurarán no expediente académico como créditos recoñecidos, sen cualificación.
- O custo pola incorporación ao expediente académico dos créditos de libre elección recoñecidos será o que establecer para as validacións de estudos o decreto de prezos públicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.