O alumnado que desexe iniciar ou continuar os estudos que conduzan á obtención dun título oficial de mestrado da UDC.
Para acceder ás ensinanzas oficiais de mestrado será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de mestrado.
Así mesmo, poderán acceder os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao espazo europeo de educación superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, logo de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do
título para o acceso a ensinanzas de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar as ensinanzas de mestrado.
Os estudantes poderán ser admitidos nun mestrado de acordo cos requisitos específicos e os criterios de valoración de méritos que, de ser o caso, foren propios de cada título de mestrado universitario ou que establecer a Universidade da Coruña.
A Universidade da Coruña incluirá os procedementos e os requisitos de admisión, entre os que poderán figurar requisitos de formación previa específica nalgunhas disciplinas, no plan de estudos.
Estes sistemas e procedementos deberán incluír, para o caso de estudantes con necesidades educativas específicas derivadas de discapacidade, os servizos de apoio e asesoramento adecuados que avaliarán a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.
A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar ensinanzas de mestrado.
Os estudantes poderán presentar a súa solicitude de admisión e matrícula no curso completo ou en disciplinas, materias ou módulos específicos nas administracións dos centros responsables dos mestrados ou a través da internet. Para o curso 2013/2014 esta última modalidade só poderá empregarse no caso de solicitude de admisión nun curso
completo.
Calquera que for a modalidade de matrícula elixida polo/a alumno/a, dará dereito a que as cualificacións obtidas consten nas actas oficiais.
Para formalizar a admisión, os estudantes cubrirán un formulario por curso completo ou ben un formulario en que soliciten a admisión nunha/s disciplinas, materia/s ou módulo/s. A matrícula por módulos, materias ou disciplinas esixe marcar aquelas en que se solicita a admisión. Nas dúas modalidades, os estudantes deberán facer chegar dentro do
prazo de admisión establecido a documentación que se esixa no programa oficial de mestrado.
As persoas solicitantes proporcionarán estes datos no formulario de admisión xunto coa nota media no seu expediente académico, calculada de acordo co establecido no artigo 17.2 desta normativa.
Terán prioridade para seren admitidos os alumnos que soliciten a matrícula por curso completo. Aqueles outros que a soliciten por módulos, materias ou disciplinas soltas poderán matricularse sempre de non se cubrir a totalidade das prazas ofrecidas para ocurso completo e cando, segundo o criterio da correspondente comisión de selección do mestrado, a súa admisión non supuxer un incremento de profesorado e/ou de infraestruturas.
Os alumnos matriculados en módulos, materias ou disciplinas soltos terán dereito a gozar dun réxime de asistencia a clase de carácter flexible solicitando dos profesores-coordinadores dos mestrados unha dispensa académica especial que lles exima da asistencia a clase daquelas materias ou disciplinas, ou partes delas, nas que se admita esta
posiblidade na respectiva guía docente, en tanto que non afecte negativamente ao proceso de avaliación do estudante, que se realizará polo sistema aprobado. Para este efecto, as comisións coordinadoras de cada mestrado concretarán o alcance da citada dispensa nas súas respectivas titulacións.
Cando a solicitude de admisión se realice nos centros responsables dos mestrados, ao estudante entregaráselle un resgardo da súa solicitude. O coordinador do mestrado revisará e estudará a documentación coa finalidade de proceder no seo da correspondente comisión de selección á escolma dos estudantes. Os centros publicarán as listaxes de persoas admitidas, así como os prazos de admisión e matrícula que deben ter en conta.
Cada mestrado universitario estará coordinado por un/ha profesor/a doutor/a con dedicación a tempo completo na universidade, que o reitor nomeará tras a proposta da xunta de facultade ou escola en que se imparta o mestrado.
Para a selección dos estudantes, a dirección do centro nomeará unha comisión que estará presidida polo coordinador do mestrado e da cal formarán parte, como mínimo, tres profesores con docencia nel e a persoa responsable da administración do centro, que custodiará a documentación recibida. A devandita comisión elixirá, entre os seus membros, un/ha secretario/a, que redactará as actas das reunións e que certificará os seus acordos. A composición desta comisión farase pública no taboleiro da facultade ou escola e no web destas, no caso de existir.
Cada comisión de selección deberá constituírse antes do inicio do proceso de admisión de alumnos. Antes da apertura deste prazo de admisión, as comisións elaborarán e publicarán, no taboleiro de anuncios e no web do centro, o baremo que empregarán para valorar as solicitudes presentadas para cada mestrado.
Finalizada a baremación, as comisións de selección elaborarán dúas listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas en que se especificará o motivo da exclusión, de ser o caso. Unha listaxe estará referida ás solicitudes de admisión no curso completo e outra ás solicitudes de admisión por módulos ou por materias.
Estableceranse en ambos os casos as correspondentes listaxes de agarda.
Tras o prazo de reclamacións ás listaxes provisionais e unha vez que estas se resolvan pola comisión, o secretario desta entregará na administración do centro as listaxes definitivas, que conterán a puntuación concedida a cada solicitante. A administración do centro será a encargada de introducir os datos na aplicación informática elaborada para o proceso de admisión.
As comisións de selección dos mestrados interuniversitarios seguirán os procedementos establecidos nos respectivos convenios.
Para acceder aos estudos de mestrado, o alumnado con títulos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES, sen homologar, que faculten no país expedidor do título para o acceso a ensinanzas de posgrao, tamén deberá presentar na administración do centro correspondente, xunto coa solicitude de acceso, unha “solicitude de equivalencia
de estudos estranxeiros aos estudos oficiais españois”, dirixida ao reitor, pola que aboará as taxas correspondentes en todo caso antes de formalizar a súa matrícula.
Unha vez que a comisión de selección pertinente comprobe que os solicitantes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos españois de grao, e que no país expedidor do título este faculta para o acceso a estudos de posgrao, remitiralle a través da administración do centro a súa proposta ao reitor, que resolverá de acordo coa proposta realizada.
Todas as solicitudes formuladas por persoas con títulos académicos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES deberán ir acompañadas da seguinte documentación, traducida a calquera das dúas linguas oficiais na Universidade da Coruña:
a) Título que dá acceso ao mestrado
b) Certificación académica
Non obstante, a comisión de cada mestrado poderá requirir, de o considerar preciso, a entrega doutra documentación.
A citada documentación deberá presentarse polos interesados convenientemente legalizada, ou coa Apostila da Haia (no caso de títulos obtidos en universidades pertencentes a países que subscribisen o correspondente convenio) na administración do centro en que se imparte o mestrado, en todo caso antes de formalizaren a súa matrícula.
Os estudantes que non foren admitidos poderán presentar unha reclamación ante a comisión de selección correspondente, mediante unha instancia motivada dirixida a quen a presidir que entregará na administración do centro nos dous días hábiles seguintes á data de publicación das listaxes provisionais.
A devandita comisión resolverá as reclamacións, e publicará no taboleiro de anuncios do centro a relación definitiva de persoas admitidas.
Contra esta resolución cabe interpoñer un recurso de alzada perante o reitor.
Os alumnos que desexaren simultanear estudos deste nivel no mesmo ano académico deberán facer a súa solicitude ante o/a presidente/a de cada comisión a través das administracións dos centros en que se imparten os correspondentes mestrados. Cumprirá que sinale cal é o seu título preferente de entre aqueles que pretende simultanear.
As solicitudes de simultaneidade resolveraas a comisión de selección correspondente, que respectará no posible a prelación indicada polo/a estudante. Contra esta resolución cabe recurso de alzada perante o reitor.
Non poderán simultanearse dúas titulacións agás se ao rematar o proceso de admisión resultasen prazas vacantes na segunda titulación ou titulación non-preferente.
En calquera caso, a concesión da simultaneidade determinarase pola cualificación pola que se accedeu á universidade.
O alumnado que posúa a condición de solicitante de simultaneidade de estudos aprazará o pagamento do prezo da matrícula ao presentar o xustificante que acredite a solicitude da simultaneidade de estudos até que se ditar a súa resolución positiva.
O calendario de preinscrición e de matrícula, aprobado polo Consello de Goberno o 23 de abril de 2013, será o que figura no Anexo I.
Publicada a relación definitiva de persoas admitidas, estas matricularanse pola internet; porén o aboamento correspondente aos créditos dos que se matriculen quedaposposto, condicionado a que se realice a impartición efectiva do mestrado que se realizará de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se
regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Toda vez que o mestrado acade o número de alumnos de novo ingreso necesario e, xa que logo se poda impartir, os alumnos matriculados disporán dun prazo para efectuar o aboamento dos prezos correspondentes aos créditos matriculados que non poderá ir máis aló do día 14 de outubro de 2013.
As solicitudes de matrícula realizadas fóra dos prazos establecidos para este fin serán resoltas, mercé á desconcentración de competencias, polos decanos ou directores dos centros (os modelos correspondentes figuran nos Anexos XII e XIII). Contra a súa resolución poderá presentarse recurso de alzada perante o reitor.
Ao abeiro do acordo adoptado pola Comisión de Plans de Estudos, delegada do Consello de Goberno o día 20/06/2013, non poderán matricularse nos mesmos estudos os alumnos de primeiro curso, por primeira vez, de mestrado universitario, que non superasen como mínimo 18 créditos en réxime de dedicación a tempo completo, e 12 créditos no caso de dedicación a tempo parcial.
As disposicións previstas no artigo 11 para as titulacións de grao, serán de aplicación supletoria, de ser necesaria, ás ensinanzas oficiais de mestrado.
O alumnado de continuación de estudos de mestrado, unha vez extinguido cada curso por calquera das causas mencionadas nos puntos 1º e 3º da Instrución 1/2012-2013, da Vicerreitoría de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, mediante a que se establecen as garantías dos dereitos académicos dos alumnos de títulos oficiais de grao e mestrado, que estean incursos en procesos de modificación, supresión ou extinción dos seus títulos ou dos
seus plans de estudos, disporán dunha convocatoria con dúas oportunidades de exame no mesmo curso académico no que se produciu a extinción, para superar as materias ou as disciplinas pertencentes ao ese curso académico extinguido.
Os estudos conducentes á obtención dun título oficial de mestrado xerarán os prezos públicos que determinar a Comunidade Autónoma de Galicia. A xestión dos prezos públicos dos mestrados realizarase de acordo coas normas de aplicación que no ámbito das súas competencias poida ditar esta universidade.
Estarán exentos total ou parcialmente do pagamento dos prezos públicos os alumnos que se atopen nalgunha das situacións reguladas na lexislación vixente, segundo se establece no artigo 13 destas normas.
Normativa de xestión académica 2012-2013
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000