Preguntas frecuentes

1. Un alumno pódese matricular dunha materia pertencente a un curso extinguido, aínda cando non estivese nunca matriculado nela?

Si. Ten os dereitos recollidos no artigo 5.5.1, da Normativa de Xestión Académica (NXA) para o ano 2011-2012; non importa, xa que logo, a súa condición de novo alumno ou de alumno repetidor nesa materia, senón tan só o número de convocatorias utilizadas e o número de anos transcorridos desde que se extinguiu o curso a que pertence a materia.

2. Un alumno dunha titulación de 1.º/2.º ciclo pode solicitar, no prazo establecido para matrícula ordinaria, poder concorrer á convocatoria extraordinaria de fin de carreira (FC) aínda que se trate de materias correspondentes a cursos extinguidos?

Si, sempre e cando reúna os requisitos establecidos no artigo 23 da NXA; pero non poderá, de ser o caso, solicitar unha terceira matrícula, para a convocatoria de setembro, porque ao se tratar dunha materia pertencente a un curso extinguido está por riba a norma xeral que se cita no artigo 5.5.1: “Unha vez que se extinga cada curso os alumnos poderán presentarse a dúas convocatorias de exame en cada un dos tres cursos académicos seguintes ...” (véxase o artigo 11.2.3 do RD 1497/1987, do 27 de novembro).

De conformidade co exposto e sen prexuízo do estudo que se está a facer nos Servizos Informáticos para instalar un “filtro” na aplicación informática que impida unha terceira matrícula, serán as administracións dos centros, por seren as unidades en que se realiza de forma presencial esta terceira matrícula, as encargadas de permitir ou non que esta se formalice en función da situación académica de cada alumno.

3. De acordo coa resposta anterior, se non se permiten máis que dúas convocatorias por materia en cada curso académico, que beneficio obtén un alumno solicitando presentarse a FC sobre a posibilidade de presentarse á convocatoria extraordinaria de decembro?

Aínda que os requisitos en canto ao número de créditos ou materias a que se poden presentar en ambas as convocatorias extraordinarias son os mesmos: 3 materias ou 36 créditos (coas exclusións correspondentes), un alumno en condicións de rematar a súa carreira non podería presentarse á convocatoria extraordinaria de decembro, se previamente non tivese cumprido un período de escolaridade nesa/s materia/s, é dicir se non fose repetidor nelas; porén, sempre poderá presentarse, sen necesidade de cumprir este requisito á convocatoria de FC e así rematar os seus estudos.

4. Un alumno de estudos de grao, matriculado de 75 créditos, tras obter parte destes créditos por superar as probas de avaliación do primeiro cuadrimestre, ou por resolución positiva de recoñecemento de créditos, pode ampliar a súa matrícula, nos prazos establecidos, chegando de novo ao tope dos 75 créditos establecidos para a matrícula de grao?

Si, toda vez que o número máximo de créditos de que se pode matricular un alumno de grao: 75 -art. 3.1.a) da NXA- ou 84, para os programas de simultaneidade aprobados por Consello de Goberno (art. 5.2.1 da NXA) están “ligados á súa matrícula” e non ao curso académico.

5. Un alumno admitido nun 2.º ciclo, correspondente a unha titulación de 1.º e 2.º ciclo, ou a unha titulación de só 2.º ciclo, por posuír un título de primeiro ciclo, ou por superar o 1.º ciclo dunha titulación de dous ciclos, pódese matricular daqueles complementos de formación establecidos no plan de estudos, no caso de que estes sexan materias correspondentes a cursos extinguidos dunha titulación da anterior ordenación académica en extinción, por implantación dunha titulación do EEES?

Si, sempre que reúna os requisitos de admisión e resulte admitido, pódese matricular daquelas materias que pertenzan a cursos extinguidos nas mesmas condicións que están establecidas con carácter xeral para os títulos en extinción: só con dereito a exame e pagando o 25% do prezo establecido por crédito para materias desa titulación.

Se os complementos de formación son materias matriculables sen ningún tipo de condición aboaranse os prezos que correspondan e os alumnos terán os dereitos inherentes á matrícula realizada: docencia e avaliación.

Se nalgún centro se decide impartir docencia desas materias débese entender como unha facilidade que outorga a facultade ou escola de que se trate; pero non afecta á consideración do prezo da matrícula que segue a estar bonificado.

 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000