Procedemento para a emisión e reconto de votos para a obtención da mención "cum laude"

A Comisión de Doutoramento na sesión do 7/05/2012 acordou aprobar o

PROCEDEMENTO PARA A EMISIÓN E RECONTO DO VOTO SECRETO DOS MEMBROS DO TRIBUNAL DE TESES PARA A MENCIÓN “cum laude”, DE ACORDO CO RD 99/2011

O tribunal poderá propor que a tese obteña a mención “cum laude” se a cualificación global é de apto e de se emitir en tal sentido o voto confidencial positivo por unanimidade.

Os membros do tribunal disporán dun formulario co seguinte enunciado:

«Propoño a concesión da mención cum laude» e dúas posibilidades de resposta: «Si» ou «Non». De forma secreta, elixirán unha das respostas e introducirán o formulario nun sobre sen ningún tipo de identificación. O/A secretario/a gardará todos os sobres cos seus respectivos formularios noutro sobre que terá o epígrafe «mención cum laude» que, unha vez pechado, asinarán na solapa todos os membros do tribunal. Os sobres e formularios citados serán facilitados coa documentación para o tribunal.

O presidente/a ou secretario/a do tribunal ou membro do tribunal en quen delegue trasladará en persoa este sobre á Sección de Estudos Oficiais de Posgrao xunto co resto da documentación do acto de defensa da tese. No caso
motivado de que ningún membro do tribunal poida trasladar esta documentación, delegarán esta responsabilidade nun membro do equipo de dirección do centro, departamento ou instituto onde se realice a defensa da tese de doutoramento. No caso das teses defendidas no Campus de Ferrol, a documentación completa da defensa da tese poderá entregarse nas secretarías dos centros, que a remitirá á Sección de Estudos Oficiais de Posgrao.

Se un dos membros da comisión participa por videoconferencia, enviará igualmente o formulario coa resposta elixida e dentro do seu sobre sen ningún tipo de identificación á Sección de Estudos Oficiais de Posgrao. A tales efectos, o membro do tribunal participante por videoconferencia recibirá por correo o formulario para o voto, o sobre onde incluír o dito formulario e o sobre externo co enderezo postal da Sección.

Unha vez recibidos os sobres cos votos de todos os membros do tribunal na Sección, procederase á sesión de escrutinio en presenza de, polo menos:

  1. O/A presidente/a ou secretario/a do tribunal da tese ou un membro do tribunal en quen delegue. No caso motivado de que ningún membro do tribunal poida asistir ao escrutinio e no caso das teses defendidas no Campus de Ferrol, o/a representante do tribunal poderá ser substituído polo/a presidente/a ou secretario/a da Comisión de Doutoramento ou polo director/a ou secretario/a da Escola de Doutoramento da UDC.
  2. O/A xefe/a de Sección de Estudos Oficiais de Posgrao ou persoa da sección en quen delegue.

Realizado o escrutinio dos votos, procederase á elaboración da acta correspondente, que asinarán o/a representante do tribunal e o xefe/a da Sección de Estudos Oficiais de Posgrao ou persoa da sección en quen delegue. Esta acta constituirá un anexo á Acta de Cualificación da tese de doutoramento.

A Sección de Estudos Oficiais de Posgrao comunicará o resultado do escrutinio ao departamento quen, a súa vez, encargarase de facer público e comunicar ao doutorando e aos demais membros do tribunal o resultado do escrutinio.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000