Presentámosche o Mestrado Universitario en Banca e Finanzas da UDC con validez en todo o territorio nacional. O programa estrutúrase nun curso de 60 créditos ECTS , no que todas as materias son cuadrimestrais. O obxectivo xeral do Mestrado en Banca e Finanzas é proporcionar unha formación académica avanzada no ámbito financeiro que lles permita aos estudantes converterse en futuros profesionais polivalentes con elevada cualificación técnica e capacidade de xestión. Tamén se persegue que sexan capaces de aplicar os coñecementos á práctica cun espírito crítico e creativo, e que, a través do estímulo da cultura do risco e a iniciativa nas ideas e os razoamentos, consigan adaptarse no futuro dun xeito flexible a novas situacións; esixencia esta ineludible no contorno empresarial actual, complexo e permanentemente cambiante.
Perfil recomendado
Ao estudantado egresado de titulacións de contido económico e empresarial. A profesionais que busquen unha actualización dos seus coñecementos ou ben unha ampliación destes. A titulados en Dereito, Matemáticas, Enxeñerías, Xornalismo ou calquera outra titulación con demanda no sector da banca e as finanzas.
Saídas profesionais
O Mestrado Universitario en Banca e Finanzas forma especialistas para desenvolver carreiras profesionais tanto en entidades financeiras como en departamentos financeiro-contables de empresas de calquera sector produtivo.
Requisitos de acceso
Terán preferencia no Mestrado en Banca e Finanzas os titulados en Economía, ADE e Empresariais. Criterios de admisión: expediente académico, experiencia profesional no ámbito da banca e das finanzas, idiomas e entrevista persoal.