
A Escola Universitaria de Enfermaría A Coruña está situada no termo municipal da Coruña, cunha poboación aproximada de 244.388 habitantes.
Na actualidade, a escola sitúase no Campus de Oza, nos arredores da cidade, unha elección que é considerada un acerto polas características das institucións sanitarias da área.
A titulación de Enfermaría comeza neste centro no ano 1972 coa creación da Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios.
Co Decreto de integración da titulación na Universidade no ano 1977 e pola Orde do 26 de setembro de 1978, apróbase a conversión da Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios en Escola Universitaria de Enfermaría A Coruña, quedando desde ese momento adscrita á Universidade de Santiago de Compostela.
No ano 1990, por causa da creación da Universidade da Coruña, esta titulación queda adscrita a dita Universidade (DOG 24/01/1990), cumprindo os artigos dos Estatutos que lle son de aplicación.
Desde o inicio no ano 1972, depende funcional, económica e administrativamente do Instituto Nacional de Previsión (INP), posteriormente do Instituto Nacional da Saúde (INSALUD) e a partir do 1 de xaneiro de 1991, coas transferencias da Sanidade á Comunidade Autónoma de Galicia, pasa a depender do Servizo Galego de Saúde..
Desde a súa creación ata o ano 1998, estivo situada nas dependencias do Complexo Hospitalario Juan Canalejo. No ano 1998 trasládase ao edificio de Ciencias da Saúde, no Campus de Oza.
O edificio que alberga a Escola é compartido coas titulacións de Fisioterapia, Terapia Ocupacional, o Instituto de Ciencias da Saúde e o terceiro ciclo de Medicina.
Ademais das instalacións propias do centro, cómpre destacar a gran relevancia dos centros de Atención Especializada e Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde da área sanitaria da Coruña, que contribúen de forma moi positiva na formación dos nosos estudantes, sendo, para nós, un apoio fundamental, xa que grazas á súa colaboración o noso alumnado pode adquirir, afondar e desenvolver actitudes, habilidades e coñecementos necesarios para o exercicio da súa profesión.
Na actualidade contribúen á formación dos nosos estudantes os seguintes centros da rede do SERGAS: o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Hospital Universitario A Coruña , Hospital Universitario Teresa Herrera, Hospital Universitario Abente y Lago e Hospital Universitario Marítimo de Oza) e os centros de Atención Primaria de: Adormideiras, Cambre, Castrillón, Elviña-Mesoiro, Labañou, Matogrande e Ventorrillo.
Ademais dos centros mencionados do Servicio Galego de Saúde, a Escola Universitaria de Enfermaría conta coa colaboración da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia José Antonio Quiroga e Piñeiro.
A Escola Universitaria de Enfermaría A Coruña tivo, desde os seus inicios, o propósito de integración na área en que se inscribe e participa.